O número de positivos detectados nos últimos días na Mariña lucense elévase a 18. A Consellería de Sanidade confirmou este venres a existencia de dous focos diferenciados e informou de que traballa na identificación de relacións entre os dous grupos de casos, un centrado en Xove e outro en Burela. O Sergas está a realizar estudos de contactos, ademais de probas diagnósticas na contorna das persoas que ata este momento deron positivo.
Aínda que as autoridades sanitarias afirman que ambos os dous núcleos "posiblemente están relacionados", isto aínda non puido ser confirmado
Porén, aínda que as autoridades sanitarias afirman que ambos os dous núcleos "posiblemente están relacionados", isto aínda non puido ser confirmado. De igual xeito, segue sen saberse a orixe do brote principal, que afecta a 11 persoas dunha mesma familia en Xove.
Dos 18 casos positivos, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Unha das persoas con resultado positivo está ingresada no Hospital Público da Mariña.
Este xoves diagnosticáronse 4 casos novos de coronavirus en Galicia, o que eleva a cifra a 26 na última semana, e 36 nos últimos catorce días
O Ministerio de Sanidade vén de notificar que este xoves se diagnosticaron 4 casos novos de coronavirus en Galicia, o que eleva a cifra a 26 na última semana, e 36 nos últimos catorce días. A pesar do incremento motivado nos últimos días polos brotes da Mariña e o Barbanza (que se mantén con 9 casos detectados), Galicia segue a estar entre as comunidades autónomas que presentan unha menor incidencia da enfermidade, só por detrás de Asturias e con datos semellantes aos da Comunidade Valenciana.
Nos últimos 14 días, Galicia rexistrou 1,33 casos por cada 100.000 habitantes, fronte a unha media de 7,81 no conxunto do Estado, onde Aragón, Madrid, Navarra e Cataluña seguen a ser os territorios con máis diagnósticos recentes.
O número de casos activos descende de 333 a 311, pasando unha vintena de persoas do grupo de 'positivos' ao de 'curados' ou 'casos resoltos'
A Xunta segue a ofrecer o indicador dos 'casos activos', que no último día experimenta un descenso, de 333 a 311. O Sergas informa de que estes 22 casos deixaron de ser considerados 'activos' ou 'positivos', e pasan a contar como 'curados' ou 'casos resoltos', un grupo que ascende a 10.590 persoas.
A cifra de persoas falecidas non experimenta cambios un día máis e mantense nas 619. A última morte por coronavirus rexistrouse o pasado 10 de xuño, hai máis de dúas semanas.
Dende o inicio da pandemia, a Consellería de Sanidade contabilizou un total de 11.520 casos de coronavirus en Galicia, unha cifra que medra en 5 persoas nas últimas 24 horas.
A última morte por coronavirus rexistrouse o pasado 10 de xuño, hai máis de dúas semanas
Dos 311 'casos activos' notificados polo Sergas, a maior parte (307) atópanse nos seus domicilios e só 4 atópanse ingresados nalgún dos hospitais galegos (un menos ca onte), pero ningún deles nas UCI.
Dende o inicio da pandemia en Galicia leváronse a cabo 171.518 probas PCR e case 240.000 tests serolóxicos, segundo comunicou este venres o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
Os brotes detectados na Mariña fixeron que o número de casos activos na área sanitaria de Lugo medrase por segundo día consecutivo, de 27 a 31
Por zonas, dos 311 casos activos contabilizados pola Xunta en Galicia, 81 corresponden á área sanitaria da Coruña, 31 á de Lugo, 21 á de Ourense, 8 á de Pontevedra, 133 á área de Vigo, 26 á de Santiago, e 11 á de Ferrol. Nas últimas 24 horas a área que rexistrou un maior descenso é a da Coruña, onde unha vintena de casos pasaron a engrosar a lista de 'curados'. O resto practicamente non experimentou cambios, agás Lugo.
Os dous brotes detectados na Mariña lucense fixeron que o número de casos activos na área sanitaria de Lugo medrase por segundo día consecutivo, pasando de 27 a 31.