Os focos de coronavirus da Mariña suman 22 positivos e obrigaron a facer máis de 200 probas

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O brote de coronavirus na Mariña, con senllos focos nos concellos de Xove e de Burela, está a amosar os efectos que unha rede de contaxios da covid-19 ten sobre o sistema sanitario nesta fin do confinamento aínda que implique maioritariamente casos leves. Mentres persoal  do Servizo Galego de Saúde segue a "avaliar a posibilidade" de que ambos focos "estean relacionados entre si", o que xa dá por confirmados son 22 casos e xa tivo que realizar "máis de 200" probas das que está pendente o resultado dun número que non concreta.

O Ministerio de Sanidade certifica cinco diagnósticos novos da covid-19 en Galicia nas últimas vinte e catro horas e o Sergas procesa máis de 2.000 probas PCR nun só día por primeira vez dende comezos de maio

Estes casos xa confirmados son resultado do rastrexo dende o primeiro positivo, ratificado o pasado día 23 en Xove. A Xunta confírmaos nunha xornada na que, por primeira vez dende principios de maio, o Sergas procesou máis de 2.000 probas PCR nun só día. Unha das razóns, como apunta o xornal El Progreso, é o gran número de contactos potenciais dunha das persoas que deu positivo, integrante dun equipo deportivo da comarca.

A Consellería ratifica estes casos do brote da Mariña nun contexto no que seguen os atrancos para contrastar as cifras da Xunta coas do Ministerio de Sanidade, toda vez que o departamento estatal inclúe nos seus partes, pechados ás dúas da tarde de cada día, os casos detectados nas vinte e catro horas previas. Mentres, os do Sergas refírense ao día anterior. Así, por exemplo, no caso do Ministerio este 27 de xuño indícanse para Galicia 5 diagnósticos novos da covid-19, co que serían 19 nos últimos catro días pero 31 nos últimos sete, segundo indica o parte deste sábado -as cifras do Ministerio revísanse semanalmente e os balances a sete días son máis precisos que os diarios-.

Malia aos brotes, a vertente máis positiva da evolución da pandemia é que Galicia segue a transitar polo período máis prolongado sen falecementos ligados á covid-19 dende a pandemia. Co pasado venres son xa 16 as xornadas sen novas mortes, polo que a cifra total segue en 619 persoas.

Os "positivos activos" dos que informa o Sergas, que volven baixar, seguen a resultar confusos porque o Sergas non detalla os casos novos, algúns dos cales pasan directamente a engrosar a cifra de "curados"

O Sergas, alén dos detalles a respecto do brote da Mariña, segue manexando para o conxunto de Galicia a súa cifra de "positivos activos", que neste novo contexto resulta aínda menos ilustrativa no que atinxe aos novos casos -dos que o Sergas non informa en detalle nos seus partes diarios-. Así, esa magnitude baixa este sábado de 311 a 308 "positivos activos", pero no total acumulado incorpóranse 13 casos novos porque a cifra do que o Sergas denomina "curacións" pasa de 10.590 a 10.606 persoas.

A razón dese incremento do que a Consellería denomina curacións adoita ser dobre: poden ser altas de pacientes que antes computaban como "positivos activos", pero tamén de persoas que deron positivo en test de anticorpos pero non tiñan síntoma, polo que pasan a ser considerados directamente como "curados". Así sucedeu cunhas dúas mil persoas dende o comezo.

No que atinxe ás hospitalizacións, o total de persoas ingresadas -ningunha delas na UCI- segue sendo baixo. Son só catro -unha delas, no hospital de Burela por mor do brote-. Mentres, outras 307 están illadas a domicilio -tres menos que o día anterior-.

Os datos de "positivos activos" por áreas sanitarias tamén amosan como o global de Galicia pode inducir á confusión. O total de positivos do conxunto do país descende en 3, pero a causa é que descende en 6 na área sanitaria da Coruña e noutros 2 na de Vigo mentres aumenta en 3 na área sanitaria de Lugo (que inclúe á Mariña) e nun caso nas de Ourense e Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.