A aplicación Radar Covid xa se pode descargar en galego, que se une ao resto de linguas do Estado. A app, dispoñible de balde para a súa descarga, pode supor unha axuda moi importante para o rastrexo dos contactos das persoas contaxiadas co coronavirus.
AMesa e BNG criticaron a ausencia da versión en galego da aplicación
Porén, a pesar de que a aplicación comezou a funcionar xa a comezos do mes de agosto (e xa se podía descargar, acumulando información sobre os posibles contactos), ata esta semana Galicia non estaba integrada nela, sendo unha das últimas comunidades autónomas en facelo. Finalmente, por fin este martes a Xunta completou a integración da app.
Unha vez realizada a integración quedaría tan só unha derradeira fase de desenvolvemento que permitiría comezar a comunicar positivos e avisar aos contactos tamén en Galicia
Unha vez realizada a integración quedaría tan só unha derradeira fase de desenvolvemento que permitiría comezar a comunicar positivos e avisar aos contactos tamén en Galicia. Deste xeito, cada persoa que dea positivo por coronavirus en Galicia podería recibir un código fornecido polo Sergas. Voluntariamente, ese paciente poderá introducir o código na aplicación, que avisará ao resto de persoas que a teñan instalada e estivesen preto da persoa que deu positivo (cando menos durante 15 minutos e a menos de dous metros), sempre anonimamente e sen indicar de quen se trata.
Queda aínda pendente a posta en marcha da aplicación Passcovid, anunciada pola Xunta en agosto, e que servirá de complemento a Radar Covid, completando todas as súas funcións.
Ademais do atraso na integración de Galicia na app, outro dos asuntos que foi máis criticado nas últimas semanas foi a ausencia dunha versión en galego da aplicación, que en cambio si se podía empregar en castelán, inglés e catalán. A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou hai varias semanas que “o Estado pensa que a Covid só entende español e inglés, mais a loita contra o virus faise tamén en galego”, engadindo que "temos dereito a recebermos información, atención e axuda sobre a Covid en galego”. A reclamación foi levada ao Congreso dos Deputados polo BNG.
As autoridades sanitarias consideran que se a aplicación fose usada por un 20% da poboación, isto podería axudar a reducir o impacto da pandemia nun 30%
A versión en galego está por fin dispoñible, xunto coa posibilidade de empregar a app en euskera e valenciano, ademais de castelán, inglés e catalán. Ata agora fixéronse en todo o Estado ao redor de catro millóns de descargas, o que achegaría a porcentaxe de usuarios ao 10%. As autoridades sanitarias consideran que se a aplicación fose usada por un 20% da poboación (uns nove millóns de persoas), isto podería axudar a reducir o impacto da pandemia nun 30%.