Os contaxios das semanas do Nadal, Aninovo e Reis seguen elevando as cifras de novos positivos do coronavirus en Galicia ata niveis inéditos. Co número de probas PCR tamén en cifras récord -o Sergas vén de procesar máis de 11.000 en vinte e catro horas por primeira vez-, o Servizo Galego de Saúde engade este 20 de xaneiro aos seus rexistros 1.372 novos casos, os detectados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Ou, o que é o mesmo, un novo récord en 24 horas.
O Sergas suma 1.372 novos casos do coronavirus, un novo récord de positivos detectados en vinte e catro horas
En termos de días naturais, os novos positivos seguen rachando o seu propio teito. Dende o 12 de xaneiro, todos os días afloraron máis dun milleiro de contaixos agás o domingo 17, que quedaron en 975. Isto provoca que, cos datos do último día completo dispoñible, o luns 18, a media diaria a sete días de novos diagnósticos por PCR supere por primeira vez a barreira dos mil, como amosa o gráfico baixo estas liñas. Deste xeito, Galicia xa superou por primeira vez os 14.000 casos activos e disponse a rachar a barreira dos 15.000, o que previsiblemente sucederá nos datos do xoves.
O número de contaxios disparouse entre finais de decembro e comezos de xaneiro e a propia Consellería de Sanidade evidencia que existe transmisión comunitaria da COVID-19 en múltiples concellos mentres segue reportando falecementos de persoas que contraeran a enfermidade. O número total de mortes oficialmente ligadas á pandemia chega xa ás 1.550 tras engadir o Sergas outras 14, tres delas das últimas vinte e catro horas. Oito delas eran persoas anciás que viviran en residencias e se contaxiaran antes de poderen acceder á inmunización fornecida pola vacina, cuxa segunda dose está comezando a ser administrada esta semana.
Máis de 800 hospitalizacións á vez por primeira vez dende abril
Como adoito, un incremento disparado de casos do coronavirus tarda un chisco en observarse na situación hospitalaria e nesta vaga sucedeu o mesmo. O punto de inflexión na media de diagnósticos a sete días obsérvase inmediatamente despois do Nadal e o número de ingresos de persoas coa COVID entrou na actual escalada inmediatamente despois de Reis tras comezar xa a subir dende a fin de 2020.
O número de pacientes na UCI con test positivo da COVID é o máis elevado dende o 14 de abril
As algo menos de 350 persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus con data de 1 de xaneiro xa se duplicaran amplamente a comezos desta semana e os datos coñecidos este mércores (datados nas seis da tarde do martes) elevan o total de hospitalizacións a 828. Isto supón non só deixar aínda máis claramente atrás o pico do outono (611), senón rexistrar máis de 800 persoas hospitalizadas coa COVID-19 por primeira vez dende o 17 de abril. Ademais, o número de pacientes na UCI co coronavirus, 132, é o máis elevado dende o 14 de abril.
As cifras totais de persoas hospitalizadas comezan a ser equiparables ás da primeira vaga e o seu ritmo de incremento xa o é con claridade. As máis de 800 persoas ingresadas con test positivo que reflicten os datos deste 20 de xaneiro son 317 máis que unha semana antes. Para atopar un crecemento semanal semellante cómpre retrotraerse aos últimos días de marzo. Naqueles días, a Xunta valorou a instalación de hospitais de campaña en Santiago e na Coruña e mesmo comezou a súa montaxe, aínda que dúas semanas despois desbotara ter que utilizalos. Polo momento, Sanidade asegura que agora non contempla esta posibilidade.
Incidencia a 14 días por riba de 500 en máis dun cento de concellos
As inéditas cifras de positivos detectados elevan tamén a incidencia acumulada a 14 días ata cotas que non se viran en Galicia en toda a pandemia. O indicador para o conxunto do país vén de superar os 500 casos novos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas e máis dun cento de concellos están por riba desa cota. Entre eles, as cidades de Ourense, Santiago e A Coruña.
Mentres, as incidencias a catorce días por riba dos 1.000 casos por cada cen mil persoas xa non son exclusivas de concellos moi pequenos, onde cifras moi baixas de casos provocan que o indicador se dispare. É o que sucede, por exemplo, en Arteixo (1.447), Viveiro (1.728) ou Xinzo (2.199), onde dende este venres se aplica o nivel reforzado de restricións que a Xunta vén de reimplantar con, entre outras medidas, peche total da hostalería e prohibición de reunións sociais entre persoas non conviventes.
Mentres, nas sete cidades, a situación segue empeorando e as tendencias das incidencias acumuladas son ascendentes en todas elas, aínda que con ritmos dispares. Ourense é a primeira en superar o limiar dos 600 casos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas, pero xa están tamén preto desa cifra tanto Santiago como A Coruña. En niveis máis baixos seguen Vigo e Pontevedra, onde o crecemento semella ralentizarse. Tamén Lugo, aínda que a súa estabilidade semella que rematou, avanzando xa cara aos 200 casos novos por cada cen mil habitantes en catorce días.
A positividade modérase lixeiramente malia ao gran número de probas
O Sergas procesa máis de 11.000 probas PCR en vinte e catro horas por primeira vez e a positividade media para o conxunto de Galicia semella estabilizarse arredor do 10%
Neste contexto de indicadores disparados, os primeiros -e, polo momento, aínda moi febles- sinais de mellora son os que se albiscan entre as taxas de positividade das probas PCR (porcentaxe de test que dan positivo), indicador que para o conxunto de Galicia suxire unha lixeirísima moderación nas últimas xornadas. Alén das oscilacións de cada día, a positividade media a sete días vén apuntando a unha certa estabilización na contorna do 10%. Isto suporía unha boa nova no sentido de non seguir aumentando, mais non para dar a pandemia por controlada, toda vez que a OMS fixa ese limiar na contorna do 5%, a metade da actual. Ademais, cando menos dúas áreas sanitarias (Ferrol e A Coruña) seguen claramente por riba.
O feito de que a positividade media dea sinais de relativa moderación é tamén relevante nun contexto no que o número total de probas PCR segue marcando novos máximos dende o comezo da pandemia. Entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes foron procesadas 11.830, máis de once mil en vinte e catro horas por primeira vez. Ademais, en termos de días naturais, na última semana houbo dous días con máis de dez mil. Isto eleva a media diaria da última semana [a serie completa, nesta ligazón] por riba das 9.600 PCR ao día, un novo máximo da pandemia.