O Goberno de España quere pechar antes de 2030 todas as granxas de visón, a gran maioría en Galicia

En Galicia están a gran maioría das granxas de visón americano de todo o Estado © Igualdad Animal

Elabora un plan para protexer a biodiversidade que inclúe eliminación do chumbo en redes e municións e redución da contaminación luminosa dos parques eólicos

A pandemia da COVID acelerou o peche dalgunhas nos últimos anos, polo que as cifras bailan, pero segundo as últimas ofrecidas hai medio ano pola Xunta en Galicia hai activas 25 granxas de visón americano para a produción de peles, a gran maioría das algo máis de 30 que hai en todo o Estado. E o obxectivo do Goberno de España é que todas elas pechen antes de 2030.

Así o prevé no borrador do Plan Estratéxico do patrimonio natural e a biodiversidade a 2030, que terá rango de real decreto e que vén de someter a exposición pública ata o 6 de xuño. Un documento no que o Goberno central tamén inclúe a eliminación do chumbo en redes de pesca e municións ou a redución da contaminación luminosa dos parques eólicos. 

Visóns nunha imaxe da asociación ecoloxista Adega © Adega

As granxas de visón americano para a produción de peles están hai anos no foco dos movementos ecoloxistas non só polas condicións de vida dos animais neses espazos senón tamén polo impacto sobre a fauna autóctona de exemplares fugados, o que vén obrigando ás administracións a realizar campañas de captura mesmo en lugares como as illas Cíes. Pero a pandemia da COVID volveunas traer á actualidade ante a sucesión de gromos do virus que a provoca (SARS-CoV-2) en granxas en varios concellos, o que obrigou a sacrificios masivos de exemplares.

Gromos de SARS-CoV-2 en granxas de varios concellos obrigaron a sacrificios masivos de exemplares, e agora o executivo central quere acelerar a desaparición destas explotacións

Hai medio ano, ao informar dun deses gromos, a Xunta cifrou en 25 as granxas activas aínda en Galicia con arredor de 70.000 reprodutoras. Son a gran maioría das pouco máis de 30 granxas aínda activas en todo o Estado, unha cifra que se vén reducindo nos últimos anos e que o Goberno de España quere levar a cero antes dunha década.

Xa a comezos deste ano o anteproxecto de lei de dereitos dos animais feito público polo executivo estatal incluíu a prohibición da “cría de animais silvestres alóctonos, así como comerciar con aqueles, incluído o caso de explotación das súas peles e subprodutos”. Porén, o propio texto aínda pendente da súa aprobación definitiva matizaba que “regulamentariamente se determinarán os animais silvestres alóctonos cuxa cría se exceptuará desta prohibición”. 

Pero agora o borrador do Plan Estratéxico do patrimonio natural e a biodiversidade a 2030 vai máis alá e fixa unha data límite para a cría de visón americano. “Programarase o peche progresivo das granxas de visón americano, que deberá culminar como máximo en 2030 e manteranse e reforzaranse as campañas de erradicación das poboacións asilvestradas desta especie”, di o texto. 

Eliminación do chumbo en caza e pesca 

Antes de 2025 haberá unha norma para eliminar o chumbo nas redes e na caza maior, e antes de 2030 desaparecerá tamén da caza menor e do tiro deportivo

O plan tamén prevé outras actuacións de especial relevancia en Galicia. Por exemplo, para eliminar os riscos de intoxicación por chumbo de animais e persoas prevé que “se aprobará antes de 2025 unha normativa para eliminar o uso do chumbo nos aparellos de pesca e na munición para caza maior en todo o territorio nacional e en 2030, a máis tardar, a eliminación do chumbo estenderase á munición de caza menor e o tiro deportivo”. 

Borrador do Plan Estratéxico do patrimonio natural e a biodiversidade a 2030 do Goberno de España CC-BY-SA Praza Pública

Igualmente, o documento propón loitar contra a contaminación luminosa, coa elaboración dunhas directrices básicas para minimizar o impacto nese eido de infraestruturas de transporte e enerxéticas. Neste segundo caso, ademais, promoverase a elaboración dun “Plan de Adaptación Lumínica de parques eólicos existentes e vías de comunicación, implantando medidas para mitigar e reducir os efectos da contaminación lumínica no medio natural e os seus efectos directos e indirectos sobre a fauna silvestre”.

O plan de biodiversidade cita o oso pardo, cada vez máis presente en Galicia, como exemplo de conservación dunha especie cando se destinan "os necesarios esforzos"

O plan de biodiversidade fai propostas de futuro pero tamén balance da evolución dos últimos anos. E sobre as especies máis ameazadas salienta que “naqueles casos nos que se destinaron os necesarios esforzos de conservación por todos os axentes involucrados relevantes e se dispuxeron os recursos económicos suficientes, conseguíronse importantes éxitos na conservación de moitas especies emblemáticas de fauna”, especialmente “especies de grandes vertebrados” nas que se centraron os principais esforzos. Entre elas, o documento cita o oso pardo, que en todo o Estado pasou “duns 100-120 exemplares en 1989 a uns 310-350 en 2018”, con cada vez máis presenza en Galicia

Exemplares de oso pardo © Fundación Oso Pardo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.