Desde que comezara a pandemia rexistráronse 15 focos de COVID en granxas de visóns en Galicia
O último gromo de SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns, desta vez en Carral, deixa en 15 o total de focos rexistrados en Galicia desde que o pasado mes de xaneiro se detectase o primeiro neste tipo de instalacións no municipio da Baña.
A Consellería do Medio Rural informou este venres de que se detectaran oito mostras positivas nunha granxa de Carral que conta con máis de 12.700 visóns, 1.592 femias reprodutoras, 98 machos e máis de 11.000 crías.
Con estes novos positivos, son xa 55 os detectados no marco das actuacións levadas a cabo por Medio Rural ao abeiro do programa elaborado polo Ministerio de Agricultura e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias para o rastrexo de casos nestas instalación, con mostras nos animais cada 15 días e probas habituais aos traballadores.
Abegondo, Santiago, Oza-Cesuras, Negreira, Carral, Curtis, Sobrado dos Monxes e A Baña rexistraron algún foco de coronavirus en granxas de visóns
En total, desde o inicio da pandemia, foron 15 os gromos comunicados pola Xunta ao Goberno central desde Galicia, onde hai 25 granxas de visóns das 37 en total que acolle o Estado, cun censo total de 71.479 reprodutoras.
O primeiro foco detectárase no mes de xaneiro pasado na Baña, con dous positivos nunha granxa na que foron sacrificados os seus 3.100 exemplares. Logo houbo dous focos máis en instalacións de Santiago con catro positivos detectados; cinco en Abegondo con 22 positivos; un en Oza-Cesuras con dous, outro en Negreira con outros dous; catro positivos nunha explotación de Curtis; dous nunha de Sobrado dos Monxes; outros catro noutro caso na Baña e un total de dous focos e 13 mostras positivas en Carral.
En Galicia, Abegondo é o concello que conta con máis granxas de visóns, con seis, seguido de Carral con catro, A Baña con tres, Santiago de Compostela con dúas e Brión, Curtis, Negreira, Rois, Sobrado, Oza-Cesuras, Palas de Rei, Agolada, Lalín, Oia e Vilaboa con cadansúa explotación, segundo os datos facilitados pola asociación ecoloxista Adega. O seu número, iso si, veu descendendo nos últimos anos, xa que en 1989 chegáronse a alcanzar as 320 explotacións deste tipo no país.
No pasado mes de decembro, Adega e WWF instaran publicamente a Xunta a decretar o "peche definitivo" das granxas de visón americano en Galicia, seguindo o exemplo dos Países Baixos ou Dinamarca. Logo, Adega reclamou que o Goberno galego exercese "as súas competencias en medio ambiente e sanidade animal", decidindo o "peche cautelar" destas instalacións, unha demanda que tamén se lle fixo ao Goberno central.
Ademais de Adega, outras entidades alertaran do risco que supón a actividade destas granxas en relación a unha posible transmisión da COVID ao ser humano, cualificándoas de "bomba pandémica".
Pero máis aló dos novos riscos asociados ao coronavirus, estas granxas de visóns (unha especie invasora) supuñan xa unha "bomba biolóxica", cun grave risco para a biodiversidade no caso de fuga dalgún exemplar. Entidades ecoloxistas levan décadas esixindo a fin desta actividade que está na base da industria peleteira, con críticas á permisividade amosada polo Goberno galego.