Nas últimas semanas, unha "avalancha" de documentación está a chegar a oficinas de Extensión Agraria da Xunta, tendas agropecuarias e xestorías do rural. Son os papeis cos que milleiros de persoas están a legalizar os seus galiñeiros, nun repentino afán burocrático que chegou tamén acompañado de críticas e balbordo político.
A "avalancha" en Galicia de solicitudes para rexistrar os galiñeiros domésticos xorde dun real decreto aprobado xa hai case tres anos
As colas son constantes desde hai días nas delegacións que a Consellería do Medio Rural ten en vilas e cabeceiras de comarca, pero tamén nos Concellos que colaboran á hora de cubrir os impresos ou nas tendas agrarias que ofrecen axuda á xente maior. Veciñanza entregando a documentación para dar de alta os galiñeiros de autoconsumo —tan habituais en calquera casa de aldea—, un rexistro ao que obriga o Real Decreto 637/2021 que regula a avicultura.
Unha normativa en vigor desde hai case tres anos que ten como principal obxectivo ter localizados estes poleiros e os seus animais en caso de que aparezan problemas sanitarios como os focos de gripe aviar, os que hai non moito meses afectaron varias localidades en Galicia. Razón pola que insta a incluílos no Rexistro de Explotacións Gandeiras (REGA).
"É un trámite de balde e sinxelo, pero a xente maior pensa que supón un gasto ou que é para lles cobrar impostos"
"É un trámite de balde, sinxelo e que se debe facer por unha cuestión de prevención sanitaria, pero a xente maior, por descoñecemento, o primeiro que pensa é que lles vai supoñer un gasto ou que é para cobrarlles impostos", di Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), xusto cando acode a un Concello para asesoralo na tramitación dos rexistros dos galiñeiros para a veciñanza. "Nisto andamos principalmente nos últimos días", recoñece.
Desde Xestogal, asesoría rural, aclaran tamén que están a recibir cada vez máis peticións para tramitar os rexistros dos galiñeiros cando "antigamente ninguén solicitaba nada". A lei é de 2021, lembran, "pero como non se reclamaba nada, ninguén o facía". "Agora vese que algo mudou porque hai moitas máis solicitudes, se cadra porque empezaron a non venderlles pitos a quen non tiña o curral rexistrado", engaden.
Esa é unha das consecuencias de non ter o rexistro activo: a imposibilidade de mercar pitos para repoñer, algo que adoita facerse nestes primeiros meses de ano. Ademais, e malia que o decreto estatal non recolle multas nin sancións no caso de non ter feito o trámite, a Lei de Sanidade Animal si especifica a posibilidade de infraccións leves que poderán sancionarse con multas de 600 a 3.000 euros ou con apercibimentos, aínda que estes últimos só se hai "fraude ou mala fe".
O Ministerio de Agricultura non é quen de explicar o motivo de que en Galicia se acumulen agora as solicitudes para un rexistro que "se pode facer desde 2021"
Sobre o porqué desta "avalancha" de legalizacións nas últimas semanas, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación asegura a Praza.gal que "os rexistros poden facerse desde 2021" e que non hai "finalización de prazo" ningunha nin outro motivo que explique as aglomeracións dos últimos días en Galicia, polo que remite á Xunta.
Desde a Consellería do Medio Rural, a preguntas deste diario, tampouco son quen de explicar o motivo das aglomeracións agora para o rexistro dos galiñeiros domésticos cando o decreto que o impón data do verán de 2021. De feito, foi daquela, hai case tres anos, cando moitos concellos de todo o Estado emitiron bandos ou comunicacións nas que se advertía da necesidade de inscribir os poleiros. Agora son moitos os que o fan en Galicia, unha febre tras a que non parece haber máis que o boca a boca, certo alarmismo e, de novo, un pano de fondo político e partidario.
Porque a Xunta non dubida en amosar o seu rexeitamento ás obrigas do decreto, ao que presentou unhas 40 alegacións. Medio Rural considera que as explotacións de autoconsumo deberían quedar fóra do ámbito de aplicación desta normativa, cre esaxerada a carga administrativa que lle supón á cidadanía e coida que a regulación non ten en conta as particularidades do territorio en Galicia.
A Xunta critica a obriga de rexistrar os galiñeiros, que cre que deberían quedar fóra, e a carga administrativa dun trámite que busca un mellor control sanitario
En declaracións a RTVE-Galicia, Jesús Orejas, xefe de Sanidade Animal da Consellería, critica que o real decreto non tivese "en conta as especiais características de distribución xeográfica e atomización poboacional que hai en Galicia".
No intento por buscar explicación ao lote de rexistros e demandas de asesoría nos últimos días, Francisco Bello, de Asaga, apunta outra. Segundo di, o problema en Galicia puido xurdir das casas comerciais dedicadas á venda de galiñas, que no intento por evitar excesiva burocracia á clientela, di, "ían inscribindo ao seu propio nome os animais, ata que algún deles pasou a ter milleiros de pitas rexistradas", di. "A Xunta apertou entón algo máis no tema e a cousa foise tomando máis en serio", engade. Agora. Anos despois de que se instase ao rexistro das aves.
Máis de 45.000 galiñeiros de autoconsumo están xa rexistrados en Galicia cando a finais de 2023 só había uns 17.000 inscritos
Porque o decreto indica que as explotacións de autoconsumo están "obrigadas a efectuar unha comunicación previa para que se inclúan no REGA" e aclara que serán as comunidades autónomas as que inscribirán este e outros tipos de explotacións avícolas nun rexistro informatizado que permitirá actualizar os datos no caso de altas, baixas e modificacións.
Segundo datos da Consellería do Medio Rural, máis de 45.000 galiñeiros para autoconsumo están xa rexistrados cando a finais de 2023 eran só uns 17.000 os inscritos. Pero calcúlase que poden ser máis do dobre os existentes en Galicia e que aínda quedan por legalizar. Son aquelas pequenas explotacións que non poden comercializar carne nin ovos, que se usan para consumo familiar, e que non superan as 30 galiñas poñedoras ou os 50 polos de engorde.
Críticas do PP e da extrema dereita
O rexistro pódese facer nas oficinas da Xunta ou telematicamente a través do modelo MR501A. É un trámite gratuíto e na solicitude debe indicarse o número de aves, a localización concreta do galiñeiro (revisando o Catastro ou a través de Google Maps) e se os animais están a cuberto ou ao aire libre. Tamén se debe indicar o persoal veterinario "de referencia ao que recorrer no caso de aparición de problemas sanitarios concretos".
Malia as críticas, a propia Xunta recoñece á hora de facer o rexistro vía web que os galiñeiros "non teñen que cumprir ningún requisito adicional". Tres anos despois, o PP esixe ao Estado que "modifique" o decreto
Agora, en plena campaña de reposición dos galiñeiros, ás críticas da Xunta chegan as de veciñanza que alude tamén a trámites complexos ou a un demasiado exixente control para un poleiro doméstico e de autoconsumo. Tamén desde grupos locais do PP nalgúns municipios se insiste en sinalar o Estado polos trámites requiridos e mesmo a extrema dereita, como o caso de Vox Galicia, usa o requirimento para atacar "as políticas radicais da Axenda 2030 e o Pacto Verde", ás que culpan de ter que cubrir un papel indicando as galiñas que se teñen e as súas coordenadas. No fondo, a denuncia da excesiva burocracia e o sinalamento á UE, os eixes sobre os que algunhas asociacións agrarias basearon as súas protestas nos últimos meses. Na mesma liña, este domingo o PP de Galicia esixía, a través dun comunicado, que "o Goberno central modifique o Real Decreto que obriga ao rexistro dos galiñeiros de autoconsumo".
Mesmo hai voces que advirten de baixada nas vendas de pitos, da alternativa de mercalos noutras comunidades autónomas por haber menos control ou da redución do número de galiñeiros nas casas, culpando un trámite que vén imposto tamén polas maiores medidas de control impulsadas pola UE en caso de problemas sanitarios como a gripe aviar. "É un trámite sinxelo", insisten nas xestorías.
A propia Xunta, ao explicar o procedemento á hora de facer o trámite telemático, aclara que estes galiñeiros de autoconsumo, "agás o seu rexistro, non teñen que cumprir ningún requisito adicional" e advirte que "a única finalidade" é "o coñecemento da súa existencia e localización por parte da autoridade competente en materia de sanidade animal, información necesaria en situacións de riscos sanitarios por enfermidades das aves nas que se precise o seu control pola autoridade competente".