Noutra trintena de municipios establécense outras medidas de control como a prohibición de mercados ou exhibicións
O Ministerio de Agricultura vén de elevar a alto o nivel de alerta por gripe aviaria, o que implicará a implantación a partir do vindeiro luns día 20 de medidas de prevención en concellos cunha especial concentración de aves migratorias, tamén en Galicia. Segundo a Consellería do Medio Rural, que colabora co ministerio, o aumento do nivel de risco vén determinado polos movementos migratorios de aves silvestres, a aparición de casos en Francia e Portugal e as baixas temperaturas que facilitan a supervivencia do virus no medio ambiente.
En Galicia, segundo a consellería, nos concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa estará "prohibida a cría de aves de curral ao aire libre, agás que non sexa posible, en cuxo caso será necesaria a utilización de dispositivos como teas paxareiras que impidan a entrada das aves silvestres nas instalacións".
Prohíbese tamén subministrar auga procedente de depósitos aos que poidan ter acceso as aves silvestres e suspéndense as concentracións, como mercados ou exhibicións de calquera tipo de aves. Segundo a Xunta, "esta será tamén a única prohibición que se aplicará" noutra trintena de concellos. Ortigueira, Cariño, Rianxo, Ribeira, Porto do Son, Dumbría, Mazaricos, Vimianzo, Zas, Ribadeo, Trabada, Vilar de Santos, Sandiás, Porqueira, Xinzo de Limia, Rairiz de Veiga, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Pontevedra, Soutomaior, Redondela, Moaña, Vilaboa, Marín, Vilagarcía de Arousa, Meis e Poio.
A Xunta engade que "aínda que para o resto dos concellos no se ditan medidas específicas, en todo o territorio é importante reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, tanto as de carácter industrial como as particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto coas aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos servizos veterinarios oficiais calquera sospeita da enfermidade". No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.