Chegou a gripe aviaria ás gaivotas? Ecoloxistas alertan do perigo, investigadores desbótano

Gaivotas en Ons. © Amigas da Terra

“A única explicación para o descenso tan brutal da poboación da gaivota é a gripe aviaria”, indica Antón Lois, responsable de Educación Ambiental de Amigas da Terra

Hai algún tempo xa que o descenso da poboación da gaivota alertou ás organizacións ecoloxistas, persoas investigadoras e tamén á Administración, que ten en marcha un estudo para escudriñar por que o número de exemplares desta ave de tan mala prensa caeu máis dun 70% nos últimos 20 anos. Na asociación ecoloxista Amigas da Terra teñen claros os motivos. “A única explicación para o descenso tan brutal da poboación da gaivota é a gripe aviaria”, indica Antón Lois, responsable de Educación Ambiental. 

Os ecoloxistas veñen de facer público e remitir á Xunta e ao Parque Nacional das Illas Atlánticas un informe no que argumentan a súa hipótese e cuestionan os motivos para que as autoridades descarten a gripe aviaria. “Con base a que procedemento de control se descarta?”, preguntan. “En Amigas da Terra vimos que no resto do mundo, con exactamente os mesmos síntomas  falan de gripe aviaria, cunha cepa moi contaxiosa, mentres a Xunta segue a falar dunha misteriosa enfermidade”, argumenta Antón Lois.

Unha gaivota patiamarela. CC-BY-SA Amigas da Terra

Durante o ano 2022 analizáronse 459 aves ou os seus cadáveres. Destas, resultaron positivas por gripe aviaria 11 aves de municipios do Parque Nacional e 93 doutros concellos galegos 

No informe a organización ecoloxista detalla que nos últimos anos se observaron “eventos de mortalidade masiva” en colonias de cría de aves mariñas en Europa. “En Sudamérica onde o virus H5N1 da Influenza Aviaria afectou unha poboación de aves mariñas totalmente virxe, causou unha mortalidade do máis do 40% da poboación de pelícanos de Chile e Perú”, asegura o relatorio ao tempo que alerta de que “no caso de que a expansión continúe, tamén poden estar a risco as colonias de pingüíns e outras especies ameazadas da Antártida. O virus da IAAP (Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade) converteuse en persistente de modo global en moitas rexións, incluíndo Europa, e representa unha ameaza global para as aves e mamíferos silvestres, o sector gandeiro, e a saúde pública”, defende o informe.

Os datos da Xunta

Ante a situación global da enfermidade, Amigas da Terra relata que o ano pasado solicitou datos da afección en Galicia a Xunta de Galicia, que lles ofreceu a seguinte información a través da Consellería de Medio Rural (CMR): 

Durante o ano 2022 analizáronse 459 aves ou os seus cadáveres, 40 das cales procedían dos municipios do Parque Nacional das Illas Atlánticas. 12 eran de Vigo, 4 de Bueu, dous en Vilanova de Arousa e 22 en Ribeira. Destas, resultaron positivas de IAAP 11 aves de municipios deste espazo natural: 7 alcatraces de Ribeira, 2 alcatraces de Vigo e 2 aves de especie non indicada recollidas tamén en Vigo.

As restantes 419 aves analizadas durante o ano 2022 procedían de municipios distintos dos do PN Illas Atlánticas e resultaron positivas 93, das que 52 eran da provincia da Coruña, 19 da de Lugo e 22 da de Pontevedra.

Ante a falta de concreción destes datos, explica Amigas da Terra, recolleu os focos de enfermidades animais de declaración obrigatoria notificadas polos países europeos á Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria situada na páxina web do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación.  O número de casos neste buscador é menor que nos rexistros proporcionados pola , xa que cada caso do MAPA engloba varios dos animais contabilizados pola Consellería.  

Esa base de datos reflicte un total de 39 brotes de IAAP en aves silvestres en Galicia durante os anos 2022-2023, 24 dos cales ocorreron durante 2022 e 15 durante 2023. En concreto, nos municipios da PN Illas Atlánticas detectáronse 6 brotes, 3 en cada unha das anualidades.

Gaivota recibe soro no centro de primeiros auxilios de Sálvora. © Nacho Munilla

Para Amigas da Terra “a existencia de tres brotes da enfermidade detectados en aves silvestres en localizacións próximas ás illas ou nestas (xa que non se pode precisar a localización exacta) parece unha indicación e factor de risco suficientemente elevado como para colocar a esta enfermidade no punto de mira do declive das gaivotas na PN Illas Atlánticas; ou polo menos un motivo importante para extremar precaucións e aplicar todas as recomendacións e programas preventivos oficiais en vigor”, asegura a organización. 

“É algo delirante. Todo é un despropósito e nós estamos tremendamente preocupados porque a gripe aviaria está facendo un masacre na fauna silvestre, afecta a mamíferos mariños  e logo está a posibilidade do salto á especie humana”, alertan

“É algo delirante. Todo é un despropósito e nós estamos tremendamente preocupados porque a gripe aviaria está facendo un masacre na fauna silvestre, está afectando a mamíferos mariños  e logo está a posibilidade do salto á especie humana”, alerta Antón Lois, que apunto casos de granxas de vacas afectadas en Estados Unidos ou da granxa peleteira de visóns en Carral.

Alén das explicacións sobre os procedementos de control para o descarte da gripe aviaria, a organización ecoloxista reclama que a Xunta declare a sospeita de IAAP ás autoridades sanitarias e aplique o Programa de vixilancia da influenza aviaria en España 2024 do MAPA e  tomen as correspondentes mostras para o diagnóstico desta enfermidade tanto nas aves como nos mamíferos mariños.

Gaivota vítima do síndrome paralizante. © Álvaro Barros

“A gripe aviaria é outra dimensión. Se fose o caso, chegarías a Sálvora e atoparías 2.000 cadáveres de gaivotas. Fan mal en verter este tipo de especulacións”, indica o biólogo Ignacio Munilla

“Hipótese fantástica”

“Afirmar que a causa do enorme declive da poboación de gaivotas é a gripe avaria é algo difícil de soster. Como hipótese non encaixa coa realidade, é un pouco fantástica”.  Ignacio Munilla, biólogo especialista na ecoloxía das aves mariñas, leva anos estudando, xunto a outras persoas investigadoras, as causas das mortes das gaivotas nas costas galegas e ten claro que a explicación da síndrome non é a gripe aviaria.

O ecólogo detalla que a síndrome paralizante das gaivotas apareceu sobre o 2014 ou antes e a sintomatoloxía non coincide coa da gripe aviaria. “A mutación da gripe aviaria cara ao virus moi infeccioso foi hai tres ou catro anos”, subliña, cando as gaivotas xa levaban máis dun lustro sufrindo a síndrome paralizante. 

Munilla argumenta que a mutación da gripe aviaria afecta aves mariñas de toda Europa, no hemisferio norte e sur. “O patrón sempre é o mesmo: a mortalidade é altísima e instantánea. En 10 días morren o 80% dos individuos dunha colonia. É algo desolador”, explica. 

O  virus da gripe aviaria xa arrasou coas poboacións de aves migratorias como o mascato, o carrán ou a gaivota chorona, mais, segundo indica o biólogo, non se pode soster a súa afección na gaivota patiamarela propia de Galicia e do Parque Nacional das illas Atlánticas

“A gripe aviaria é outra dimensión. Se fose o caso, chegarías a Sálvora e atoparías 2.000 cadáveres de gaivotas. Fan mal en verter este tipo de especulacións”, sentencia o ecólogo.

Este xornal consultou coa Consellería de Medio Ambiente para obter a súa postura respecto ao asunto pero non momento da redacción deste artigo non chegara resposta.

Hai unha semana desde a Consellería de Medio Rural informaron dun caso de gaivota patiamarela atopada morta no Concello do Grove co virus da gripe aviaria. O departamento comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, "a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Este é o segundo foco detectado en Galicia no presente ano 2024", informaban desde Medio Rural.

Recollida de gaivotas mortas en Portosín. © Confraría de Pescadores de Portosín

Hai unha semana desde a Consellería de Medio Rural informaron dun caso de gaivota patiamarela atopada morta no Concello do Grove co virus da gripe aviaria

A Administración autonómica puntualizaba que a notificación deste foco, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no estatus sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, "nin supón ningunha restrición ou medida adicional con respecto ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios da Comunidade Autónoma de Galicia".

Recomendan intensificar a vixilancia

A Xunta recorda que a valoración de risco de aparición de influenza aviaria a nivel de España continúa a ser favorable. Deste xeito, mantéñense -con data do aviso do 28 de xuño- en Galicia certas medidas de prevención sanitaria unicamente nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Porén, desde San Caetano lembran que "cómpre continuar implementando as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.