A expulsión de Carmen Vega, unha nai sevillana, dunha tenda da coñecida cadea de roupa irlandesa Primark cando lle daba o peito ao seu fillo serviu para destapar outros casos similares e abriu o debate sobre pertinencia de aleitar aos bebés en público. En España, ao contrario que noutros países, o dereito a dar de mamar en lugares públicos non está amparado por ningunha lexislación. Por tanto, existe un baleiro legal que en ocasións resulta problemático, xa que a actuación dos establecementos (cafetarías, museos, tendas...) baséase exclusivamente na súa política de admisión.
Existe, polo xeral, unha falta de costume de ver a mulleres dando o peito en público. "Considérase que aleitar é obsceno", explica Araceli Pérez, unha psicológa que traballou como voluntaria na Liga do Leite asesorando a nais lactantes. Por esta razón, prosegue Pérez, "moitas persoas entenden que as mamás deben facelo en privado, dentro dos muros do fogar que illan o bebé e a nai", o que dificulta a participación da muller na vida pública e activa. Cando se abre este debate, quen se mostran críticos coa reivindicación do dereito das nais a aleitar aos seus bebés fóra do fogar adoitan argumentar que non polo feito de ser algo natural, debe facerse en público.
"Convidoume a abandonar a tenda porque podía ofender o resto de clientes"
Esta mesma xustificación foi a empregada por Primark para expulsar do seu establecemento a Carmen Veega o pasado 10 de agosto. A afectada contou a eldiario.es que, poucos minutos despois de entrar ao local, foi interpelada polo garda de Seguridade. "Esta persoa, apelando á política de empresa, convidoume a abandonar a tenda porque podía ofender o resto de clientes", explica Vega.
O caso de Carmen funcionou como efecto chamada para outras mulleres que tamén pasaron por situacións similares. A través das redes, coñeceuse que en 2011 sucedeu algo parecido nun establecemento da mesma cadea en Xerez e, un ano despois, en Valencia -cun bebé de tan só 15 días- e en Murcia. Unha denuncia que xa transcendeu fronteiras en 2010, cando unha nai de Reino Unido foi expulsada dunha tenda Primark polo mesmo motivo. Nesta ocasión, a presión social foi tan forte que a empresa se vió obrigada a pedir desculpas.
O mesmo 12 de agosto, tras o tuit de Vega, púxose en marcha un grupo de Facebook que funcionou como ferramenta para a convocatoria dunha reunión de nais o próximo 23 de agosto en varios centros comerciais da xeografía española. Aínda que por redes estas concentracións denomináronse "tetadas", Carmen puntualiza: "Non imos quedar todas a unha hora para sacarnos unha teta. Se é que algún bebé o demanda, daráselle de mamar". O motivo fundamental das reunións é a entrega dunha carta a cada unha das tendas da cadea Primark para " pedir que a empresa se manifeste, dea a cara e pida desculpas". Ademais, "queremos aproveitar este momento para normalizar a lactación materna en público. O bebé ten dereito a ser alimentado en calquera lugar", manifesta a nai afectada.
Polo momento, só se coñece a versión dunha das partes implicadas neste desencontro. A pesar de que moitas mulleres bombardearon a páxina da empresa en Facebook con mensaxes de denuncia, Primark non se pronunciou aínda sobre o incidente. A redacción de eldiario.es tentou sen éxito contactar coa cadea de tendas de roupa. Así, a única referencia á citada política de empresa é unha declaración de intencións publicada na web da empresa que reza que "a compañía non admite a discriminación de persoas en ningún caso".
Ante o baleiro legal, as asociacións toman como referencia acordos internacionais que se desenvolveron para protexer a lactación en países en vías de desenvolvemento
As reivindicacións das organizacións 'lactivistas' apelan ao dereito do bebé a ser alimentado a demanda en calquera lugar e momento. Ante o baleiro legal, as asociacións toman como referencia acordos internacionais que se desenvolveron para protexer a lactación en países en vías de desenvolvemento. Alí, como manifesta Araceli Pérez, a protección dos dereitos das nais lactantes "salva vidas e protexe da invasión da industria da alimentación infantil". Nos países máis desenvolvidos, con todo, "o impacto social das políticas de protección, promoción e apoio á lactación non é tan claro e a súa acción non parece ter alcance máis aló do ámbito sanitario e laboral".
Rompendo a tendencia, en lugares como Gran Bretaña ou Estados Unidos si se aprobaron leis que describen especificamente a prohibición de aleitar en público como discriminación á muller. No seu segundo capítulo, a Lei de Igualdade británica (2010) contempla como discriminación o trato desfavorable a unha muller polo feito de estar a dar o peito ao seu bebé. No entanto, unha enquisa do Departamento de Saúde realizada en 2004 concluíu que a un 67% das nais preocúpalles a opinión daqueles que cuestionan o apropiado de dar o peito fóra do fogar. Estados Unidos, pola súa banda, aprobou unha lei federal que ampara ás nais lactantes pero que só é aplicable ás instalacións do goberno federal. Esta lexislación non é, por tanto, válida en lugares de propiedade privada como restaurantes ou tendas.