Colectivos de mulleres reclaman que se manteñan os dereitos das embarazadas durante o estado de alarma polo coronavirus

Unha muller embarazada CC-BY-SA Daniel Lobo

11 colectivos galegos de mulleres veñen de difundir un escrito no que denuncian que no marco das medidas de prevención aplicadas para frear a epidemia de coronavirus "tanto o Sergas como as entidades sanitarias privadas de Galicia están a conculcar os dereitos sanitarios das mulleres e dos seus bebés durante o parto". As entidades reclaman que se manteñan os dereitos das embarazadas durante o estado de alarma pola COVID-19.

11 colectivos denuncian que "tanto o Sergas como as entidades sanitarias privadas de Galicia están a conculcar os dereitos sanitarios das mulleres e dos seus bebés durante o parto"

O escrito, apoiado por Embarazadas Galicia, Rede Cria, Asociación Alecría, Asociación Teta e Coliño, ALMA Apoio á Lactación Materna, Asociación BBTTA, Asociación Bico de Leite, MaterFem maternidades feministas de Compostela, Secretaría das mulleres CIG, Secretaría das mulleres CUT e Azos Feministas, chama a atención, por exemplo, sobre as dificultades que moitas mulleres están atopando para poder ser acompañadas no parto e critican "a falta de uniformidade e coherencia dos protocolos de atención ao parto e nacemento dos hospitais galegos durante a crise da COVID-19".

Neste senso, denúnciase que "os estritos protocolos definidos por algúns centros xeran unha situación de discriminación ao determinar o lugar de residencia se vas a poder parir con acompañante ou non". Por este motivo, ínstase á Consellería de Sanidade "a tomar as medidas precisas para que a situación de desconcerto e discriminación xerada entre as mulleres que van a dar a luz durante a pandemia chegue á súa fin". 

Ínstase á Consellería de Sanidade "a tomar as medidas precisas para que a situación de desconcerto e discriminación xerada entre as mulleres que van a dar a luz durante a pandemia chegue á súa fin" © Embarazadas Galicia

As entidades asinantes piden "que se garanta o acompañamento a todas as embarazadas na dilatación e no parto, o pel con pel, a non separación de nai-bebé, o aloxamento conxunto e o apoio á instauración da lactancia materna"

As entidades asinantes piden "que se unifiquen os protocolos de actuación en todolos hospitais galegos e que se garanta -se a clínica de nai e fillo o permite e mantendo as medidas preventivas pertinentes- o acompañamento a todas as embarazadas na dilatación e no parto, o pel con pel, a non separación de nai-bebé, o aloxamento conxunto e o apoio á instauración da lactancia materna".

Sinalan que outras comunidades autónomas, coma a Comunidade Valenciana, veñen de revogar o protocolo sanitario que impedía o acompañamento a mulleres durante o parto. "Consideramos que os mesmos protocolos deberían de aplicarse na nosa Comunidade Autónoma para garantir o respecto e coidado das mulleres e dos recén nados, xa que o Estado de Alarma non xustifica o contrario", din.

"Entendemos que debido á emerxencia sanitaria podemos atopar situacións de colapso, pero o seu funcionamento, dotación de persoal e correcta atención aos partos non poden verse afectados ata o punto de suprimir dereitos humanos"

Comunidades on line como Embarazadas Galicia están a recibir a diario mensaxes coas experiencias, dúbidas e medos das xestantes, no tocante á súa relación cos centros hospitalarios de toda Galicia. Os colectivos galegos lembran o enunciado pola Asociación El parto es Nuestro: “o decreto de Estado de Alarma non limita os dereitos das mulleres embarazadas como usuarias da Sanidade en canto á toma de decisións no que respecta aos detalles do seu parto, así como ao seu dereito para estar informada verazmente, prestar consentimento informado, dereito de aceptación ou rexeitamento de tratamento ou intervencións que supoñan riscos para a súa saúde ou a súa vida e todos os que en situación de normalidade sanitaria hanse de respectar”. 

A propia asociación El Parto es Nuestro dispón de modelos preformados para a presentación de denuncias ante as autoridades sanitarias por malas praxes na atención ao parto.

Os colectivos galegos conclúen que "entendemos que debido á emerxencia sanitaria na que nos atopamos podemos atopar situacións de colapso nos servizos sanitarios, pero o seu funcionamento, dotación de persoal e correcta atención aos partos non poden verse afectados ata o punto de suprimir dereitos humanos, chegando a realizar de forma rutinaria procedementos sobre persoas en bo estado de saúde que as poidan pór en risco, coma vimos de ver nas últimas semanas". 

Instalacións para atender partos no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.