O vindeiro 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, está convocada unha folga xeral de mulleres no ámbito laboral. Pero, ao igual que en anos anteriores, as mobilizacións tamén se estenderán a outros ámbitos, por exemplo a través dunha folga de consumo e, ademais, ao ensino, cunha convocatoria de paros de mobilizacións que realizan varias entidades, entre elas a organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza.
Erguer denuncia que o machismo "segue presente" nas aulas, pois "no noso espazo de estudo somos diariamente violentadas polo patriarcado polo feito de sermos mulleres"
Erguer chama á folga estudantil no 8M "por un ensino público, laico e feminista". Erguer denuncia que o machismo "segue presente" nas aulas, pois "no noso espazo de estudo somos diariamente violentadas polo patriarcado polo feito de sermos mulleres". "A diario, as mozas vivimos situacións que van desde a violencia non explícita ata casos humillación ou cousificación nos nosos entornos, entre eles os centros de ensino. Para isto, é necesario afondar nunha educación afectivo-sexual en chave feminista", di.
A organización denuncia ademais que as mulleres "continuamos sendo silenciadas na historia, literatura, ciencias e artes, carentes de perspectiva de xénero nas aulas e de materias específicas destinadas á formación crítica e promoción do pensamento feminista e deconstrución persoal".
Erguer chama a atención sobre a forma en que a pandemia de Covid-19, que incrementou o recurso ao ensino telemático nas universidades, aumentou a fenda de xénero entre sexos
Ademais, chama a atención sobre a forma en que a pandemia de Covid-19, que incrementou o recurso ao ensino telemático nas universidades, aumentou a fenda de xénero entre sexos. "A fenda de xénero e imposibilidade de compatibilizar a vida privada coa formación vese novamente aumentada: as actuais adaptacións ao ensino telemático presentan problemáticas específicas para as mulleres, que deben realizar teletraballo e telestudo nun ambiente no cal son tradicionalmente encarregadas dos coidados", sinala Erguer.
A folga reclama que as mulleres poidan acceder a un traballo "nas mesmas condicións de igualdade que os homes"
A folga centra os seus obxectivos, así mesmo, "na necesidade de reivindicar que todo o apoio para a escola pública é pouco", incidindo ademais da defensa da laicidade no ensino e nos contidos impartidos.
Erguer chama á folga das estudantes no vindeiro 8 de marzo con tres grandes reivindicacións: "que deixen de existir carreiras masculinizadas e feminizadas e todas as estudantes poidamos escoller o noso futuro" sen ser "xulgadas" por non estudar os ensinos que de forma tradicional se asignan a cada sexo. Así mesmo, reclaman acceder a un traballo "nas mesmas condicións de igualdade que os homes". Finalmente, reclaman "vivir con seguridade no noso entorno de traballo, estudo ou residencia".