A central de ciclo combinado a gas fósil que Endesa ten nas Pontes emitiu 1,22 millóns de toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) durante o pasado ano 2022, converténdose na fábrica cun maior impacto climático de Galicia.
A central de ciclo combinado das Pontes foi a fábrica de maior impacto climático en Galicia o pasado ano; a xeración de electricidade nestas instalacións medrou un 37%
Así se comproba nos datos que divulga a Comisión Europea e que recolle a plataforma Galiza, un futuro sen carbón, que destaca que a central de carbón situada cabo da de ciclo combinado nas Pontes sitúase como a terceira maior fábrica de cambio climático en Galicia, malia que non traballa a pleno rendemento e logo de que o pasado mes de setembro o Goberno de España adiase o seu peche definitivo, previsto para este ano.
Como destaca a plataforma, "a seca e o estancamento da potencia renovábel instalada favoreceron que a xeración de electricidade con gas fósil nas centrais de ciclo combinado medrase o 37% en Galicia durante o pasado ano", segundo os datos de Rede Eléctrica de España. Así, as centrais de gas das Pontes e de Sabón (Arteixo) foron respectivamente a primeira e a cuarta maiores fábricas de cambio climático do país.
Ao tempo, a lóxica baixada pola seca na produción hidroeléctrica, unida ao parón no desenvolvemento renovable, tamén axudou a que a produción eléctrica con carbón crecese o 87% con respecto a 2021. Tanto que as emisións da central das Pontes, que debería ter pechado a mediados de ano, "disparáronse até case un millón de toneladas, situándose moi perto do segundo maior emisor, a refinaría de petróleo da Coruña".
A seca e a lóxica baixada na produción hidroeléctrica, xunto á parálise nas renovables, axudou a que a produción eléctrica con carbón medrase un 87%
Tal e como se pode comprobar nos datos de emisións de GEI en toneladas, a paralización da produción de aluminio planificada por Alcoa até 2024 fixo que a planta de alúmina-aluminio de San Cibrao pasase de ser a maior emisora industrial de gases causantes de cambio climático en 2021 a ser a quinta en 2022, reducíndose case á metade. Pasou de case 1,1 millóns de toneladas anuais ás pouco máis de 610.000 de 2022.
Pola contra, o gas fósil está a ocupar unha parte importante do oco deixado pola caída no uso do carbón na produción eléctrica rexistrada a partir de 2019. Así, as emisións de gases causantes de cambio climático das centrais de gas das Pontes e de Sabón multiplicáronse por 4 e por 22, respectivamente, entre 2018 e 2022. Con respecto ao pasado ano, no caso da primeira pasou de pouco máis de 800.000 toneladas a máis de 1,2 millóns.
"Se se compara o balance eléctrico anual de 2022 co de 2018 obsérvase que o descenso da produción con carbón, a menor xeración renovábel por causa da seca e do escaso incremento da potencia renovábel e a redución da achega das centrais de coxeración con produtos petrolíferos e gas fósil, foron compensados polo aumento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas fósil, pola diminución da demanda interna debida á menor actividade da industria electrointensiva e ao estancamento da electrificación e máis pola redución das exportacións de electricidade ao resto da Península Ibérica", explica Galiza, un futuro sen carbón.
Deste xeito, as emisións conxuntas de gases de invernadoiro das centrais térmicas (carbón máis gas) en Sabón e nas Pontes subiron até os 2,85 millóns de toneladas en 2022, cifra un pouco superior á das emisións asociadas ao uso de combustíbeis fósiles en toda a industria galega non enerxética. "En 2020, ano máis recente con datos oficiais divulgados, as emisións territoriais totais de Galicia ascenderon a 18,6 millóns de toneladas", lembran.
Ademais, o aumento da produción da central de carbón das Pontes e dos ciclos combinados fixo que as emisións causantes de cambio climático da produción eléctrica galega medrasen un 30% en 2022 con respecto ao ano anterior.
As emisións conxuntas de gases de invernadoiro das centrais térmicas (carbón máis gas) en Sabón e nas Pontes subiron até os 2,85 millóns de toneladas en 2022
Con todo, as emisións causantes de cambio climático das centrais térmicas en 2022 foron un 79% inferiores ás de 1990, ano que se toma como referencia nestas estatísticas. "Polo tanto, en 2022 superouse amplamente o cativo obxectivo da Xunta para 2030 (-54,3%) recollido na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050", di.
"Consideramos necesario e factíbel o peche das centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030, como parte dunha estratexia que debería reducir as emisións galegas de GEI polo menos nun 65% en 2030 con respecto a 1990", di a plataforma, que cre que esta meta é "consecuente coas responsabilidades e capacidades da nosa terra para contribuír a que o quecemento global non supere os 1,5ºC".