Endesa desmantela a gran cuberta do parque de carbóns das Pontes, icona industrial

A gran cuberta do parque de carbóns das Pontes á esquerda da central térmica © Endesa

A Xunta quere declarar BIC a cheminea de 356 metros de altura e noutro parque de carbóns descuberto quere instalar Ence unha planta de reciclaxe cando Endesa garanta a descontaminación

Endesa vén de iniciar a derruba do gran parque de carbóns cuberto da central térmica das Pontes, unha parte máis do desmantelamento do complexo que vai durar anos. A estrutura, sen piares intermedios, permitía albergar milleiros de toneladas de carbón á espera de seren queimadas na central e quedou baleira en 2022. O espazo, duns 95.000 metros cadrados, preto de 10 hectáreas, era un dos maiores espazos cubertos diáfanos do mundo.

Zonas afectadas polo proxecto de desmantelamento da central térmica das Pontes © BOE

O parque de carbóns cuberto estaba conformado por 16 grandes arcos que sostiñan a cuberta sen necesidade de apoios intermedios. Baixo ela almacenábase o lignito que era máis necesario protexer da chuvia para a súa mellor combustión na central térmica. Xunto coa cheminea e as catro grandes torres de refrixeración, o parque de carbóns cuberto foi un fito significativo da construción industrial en Galicia.

A Xunta volveu iniciar hai uns meses o proceso para protexer a cheminea de 356 metros de altura

Da central das Pontes en principio só quedará en pé a súa gran cheminea de 356 metros de altura se a Xunta culmina a súa declaración como Ben de Interese Cultural de tipo industrial. Un proceso que iniciou en 2022, que caducou, e que volveu iniciar o pasado ano. Porén, desde distintas instancias apelouse á necesidade de protexer máis elementos polo seu valor patrimonial industrial.

A gran cuberta do parque de carbóns das Pontes á esquerda da central CC-BY-SA Manolo Feal

Xunto co parque de carbóns cuberto, Endesa tamén contaba con outro parque de carbóns descuberto ao noroeste, a carón do lago artificial da antiga mina. Nese espazo quere instalar agora Ence unha planta de reciclaxe de papel e cartón, pero antes Endesa debe garantir a súa correcta descontaminación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.