Red Eléctrica fixara inicialmente o 16 de xullo como data para a demolición, pero a coincidencia coas festas do Carme levou ao Concello a pedir o seu adiamento. En todo caso, espérase que sexa en agosto como moi tarde, para continuar co proceso de limpeza dos terreos e poder darlles novos usos industriais
A demolición das catro torres de refrixeración da antiga central térmica de Endesa nas Pontes producirase, como moi tarde, en agosto. Aínda que na última semana Red Eléctrica fixara a derruba das infraestruturas para o 16 de xullo, a polémica xerada na vila pontesa pola súa coincidencia coa celebración das Festas do Carme (que finalizan o 25 de xullo coa Festa da Fraga) semella ter obrigado a un cambio de datas. Iso é o que asegura o Goberno local, que trasladou "a súa oposición a esas datas por consideralas inadecuadas" e que apunta á derradeira semana de xullo ou xa ao mes de agosto como o momento máis axeitado.
A data definitiva debe ser establecida por Red Eléctrica debido a que a subestación eléctrica que se atopa na contorna das torres, que dá servizo a varios parques eólicos e achega enerxía a grandes consumidores indutriais debe estar en "cero enerxético".
Dende o Concello lembran que a voadura ten que levarse a cabo "coa maior axilidade posible, co obxectivo de avanzar na dispoñibilidade dos terreos e na súa incorporación ao uso industrial, no marco da estratexia de desenvolvemento económico das Pontes"
En todo caso, dende o Concello lembran que a voadura ten que levarse a cabo "coa maior axilidade posible, co obxectivo de avanzar na dispoñibilidade dos terreos e na súa incorporación ao uso industrial, no marco da estratexia de desenvolvemento económico das Pontes". A eliminación das torres é condición necesaria para a limpeza dos terreos, uns 600.000 metros cadrados, e a súa preparación para darlle novos usos industriais. Todo el proceso, que está a levar a cabo a empresa Lezama e que se iniciou no ano 2024, ten unha duración estimada de catro anos.
O Goberno local subliña que “nós facemos o noso traballo con discreción, para que todo se desenvolva correctamente; a nosa prioridade é garantir que este tipo de actuacións conten con planificación, rigor técnico e máxima seguridade, nun marco de coordinación institucional que evite incertezas ou alarma social”.
A cheminea máis alta, en cambio, vai camiño de ser conservada como patrimonio industrial e está pendente da súa declaración como Ben de Interese Cultural
A central, que se comezou a construír en 1972 e inaugurada en 1976, contaba cunha gran cheminea -de 356 metros de alto e un diámetro de 36 metros na base e 18 no cume- e as catro torres de refrixeración, unha por cada un dos catro grupos de xeración.
A diferenza das catro torres de refrixeración, a icónica cheminea, que no momento da súa construción chegou a ser a máis alta de Europa, vai camiño de ser conservada como patrimonio industrial e está pendente da súa declaración como Ben de Interese Cultural. O primeiro intento de acadar esta declaración BIC caducou en 2024 ao non contar cos necesarios informes favorables, que si foron achegados no segundo intento, iniciado en marzo do pasado ano.
A limpeza dos terreos, iniciada en 2024, espérase que remate en 2028
A gran cuberta do parque de carbóns das Pontes foi desmantelada o pasado mes de xaneiro. O espazo, duns 95.000 metros cadrados, preto de 10 hectáreas, era un dos maiores espazos cubertos diáfanos do mundo. Xunto co parque de carbóns cuberto, Endesa tamén contaba con outro parque de carbóns descuberto ao noroeste, a carón do lago artificial da antiga mina. Nese espazo quere instalar agora Ence unha planta de reciclaxe de papel e cartón, pero antes Endesa debe garantir a súa correcta descontaminación.