A plataforma 'Galiza, Un Futuro Sen Carbón' critica a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 aprobada polo Goberno galego, sinalando que se se levase a cabo o plan proposto pola Xunta atrasaríase a transición enerxética e ralentizaríase a diminución das emisións no noso país.
A entidade considera "insuficientes" os obxectivos de redución de emisións e cualifica de "serodia e deficiente" a resposta da Xunta "ao urxente desafío climático"
Nas súas alegacións, a entidade considera "insuficientes" os obxectivos de redución de emisións e cualifica de "serodia e deficiente" a resposta da Xunta "ao urxente desafío climático". O documento aprobado polo Executivo aposta por unha redución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro do 24,6% en 2030 con respecto a 1990. Porén, a plataforma subliña que a redución debería ser moi superior, próxima ao 55%, para que Galicia asuma a parte que lle corresponde no obxectivo internacional de evitar que o quecemento global supere os 1,5 graos para previr as consecuencias máis negativas do cambio climático.
A plataforma acusa á Xunta de "pretender atrasar a transición enerxética" e de "fantaseas coa extensión da vida da central de carbón das Pontes máis alá de 2030". "O apoio desesperado do Goberno galego a 17ª fábrica europea de crise climática é a maior expresión da súa irresponsabilidade climática", afirma a entidade, que destaca que o Goberno galego "pospón o maior recorte das emisións para o período 2030-2050".
"A Estratexia verase axiña superada por unha realidade que avanza máis depresa do que lle gustaría a unha Xunta que confunde a transición enerxética xusta cunha transición enerxética lenta sen fin á vista", engade. A plataforma leva subliñando dende o pasado ano que "o peche planificado das centrais de Meirama e As Pontes é a única forma de salvar os empregos".
Acusa a Núñez Feijóo de practicar "trumpismo climático", pois se ben o presidente da Xunta "non nega a crise climática", si nega "a necesidade de a encarar con urxencia e contundencia"
'Galiza, Un Futuro Sen Carbón' acusa a Núñez Feijóo de practicar "trumpismo climático", pois se ben o presidente da Xunta "non nega a crise climática", si nega "a necesidade de a encarar con urxencia e contundencia", afirma. "De aí a súa defensa numantina da produción eléctrica con carbón, a máis intensiva en emisións de dióixido de carbono, o principal gas causante da crise climática", conclúe.
A entidade, que critica que as súas alegacións non foron "nin sequera contestadas", lembra que a redución do 24,6% prevista pola Xunta se acadaría simplemente co peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes, sen adoptar ningunha outra medida. No entanto, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía non fai referencia ao peche das centrais térmicas que queiman carbón, como xa denunciou ADEGA hai uns meses. E iso a pesar de que estas dúas centrais son responsables dun terzo do total de emisións contaminantes no noso país.
A plataforma explica que as fontes renovables xa achegaron unha media anual do 54% da electricidade xerada en Galicia en 2013-2017, período no que se estancou a potencia renovable instalada. Dende o 2008, tan só dous anos (2012 e 2017) a produción eléctrica galega de fontes distintas ao carbón estivo por debaixo da demanda interna. Ademais, o previsto incremento na produción eólica fará que no 2020 a enerxía xerada só por fontes renovables estea preto de cubrir a totalidade da demanda galega. "O logro dun sector eléctrico sen centrais térmicas en 2030 semella factíbel, pero a vontade da Xunta de adiar innecesariamente o abandono do carbón e do gas natural fai que a Estratexia desbote esta posibilidade", di