Análise do Acordo de París sobre Cambio Climático

O pasado 12 de decembro os 195 países participantes na 21ª Conferencia Internacional sobre Cambio Climático (COP21) chegaron por consenso a un pacto global, o Acordo de París, que pretende poñer freo ao cambio climático e reducir o quentamento global.

Nada máis saír este acordo, a meirande parte dos medios de comunicación anunciaron a todo bombo que este é un acordo histórico. Certamente, pódese considerar histórico porque conseguíronse avances que non se acadaran ata agora, como que todos os países implicados estivesen a favor deste acordo (recordemos que o famoso protocolo de Quioto só foi firmado por 37 países, quedando fora os principais países emisores), que ten por obxectivo último que o aumento da temperatura media a final de século quede por debaixo dos 2ºC sobre os niveis preindustriais, e facer o posible para que sexa por debaixo dos 1’5ºC. Xenial, pero isto non quere dicir que o acordo fose un éxito. O acordo resultante está moi lonxe de incluír as ferramentas necesarias para acadar o seu obxectivo. O prezo de que todos os países da COP21 aproben o acordo, é que este pode quedar facilmente en papel mollado.

O protocolo de Quioto foi un fracaso pola fixación de cotas de carbono ás que os países non se quixeron comprometer. No acordo de París os países renuncian a fixar cantidades e prazos de redución de emisións, e proponse que cada país faga as súas propias propostas de mitigación das emisións cada certo tempo; pero isto non asegura que as medidas vaian a ser eficaces. Ademais, os prazos para revisar os avances están moi afastados no tempo (o primeiro en 2023), e ata agora as medidas propostas están moi lonxe de poder acadar o obxectivo. Así, segundo as previsións máis optimistas e asumindo que se cumpre con todo o prometido, o aumento mínimo quedaría en 2’7ºC. Deste xeito, unha vez chegada a revisión e vendo o lonxe que estamos do obxectivo, as medidas necesarias serían extremadamente drásticas para ser asumidas.

O acordo tamén menciona en varios puntos que os países máis desenvolvidos teñen que facer un maior esforzo, pero tampouco obriga a que sexa así. Deste xeito os países pequenos e en vías de desenvolvemento, que sofren o castigo do cambio climático con máis intensidade e teñen menor capacidade de reacción e mitigación de emisións, quedan en desvantaxe, aínda sendo os que menos contribuíron ao problema.

Os medios de comunicación tamén resaltaron a importancia de que fose vinculante. O acordo é vinculante só polo feito de tomarse dentro do marco das Nacións Unidas, aínda que na práctica tampouco é así. No texto só se menciona como vinculante a comunicación, transmisión e revisión da información. A presentación de medidas de acción contra o cambio climático, que sexan eficaces, e o cumprimento efectivo das mesmas, é totalmente voluntario. Ademais, no escrito menciónase que deberá existir un mecanismo de medición das emisións transparente e universal, pero no acordo aparece como “flexible”. Por último, o grado de obrigación de cumprimento do pacto é moi feble, a última hora fixéronse cambios no texto, cambiando o “deberán” polo “tentarán”; aínda que este pode parecer un cambio menor, na práctica é importante porque o compromiso é moito menor. É difícil de crer que con todas estas proteccións, poda dicirse que o tratado sexa “legalmente vinculante”.

Por último, nos atopamos co tema financeiro: 100.000 millóns de dólares anuais, o que pode parecer unha cifra astronómica... realmente o é? Para facer unha comparativa, a cantidade é 7 veces menor que o orzamento militar anual de EEUU, mentres que o financiamento para a loita contra o cambio climático debe ser asumido entre todos os países asinantes (195 países). Ademais, este orzamento non está baseado en ningún criterio técnico, senón que foi decidido a última hora no cumio de Copenhague. Avaliando a situación con máis detemento, esta cantidade xa a debería aportar unicamente a UE, xa que é das zonas con maior responsabilidade sobre o cambio climático e deben compensar aos países empobrecidos, que son os que máis o sofren. Tamén é certo que este orzamento considérase como base, e dise que pode medrar. Sen embargo... do prometido, que xa se postulaba como escaso, ata o momento, só se comprometeu o 10%. E isto é o que temos: escaseza sobre escaseza.

En conclusión, o acordo ten un obxectivo claro e que a grandes trazos cumpre o que se esixía. Polo demais, pode ser un acordo histórico pero non exitoso, vagamente vinculante e dotado de escasos mecanismos e recursos para ser eficaz e acadar este obxectivo. E de pouco vale ter un bo obxectivo se non se intenta cumprilo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.