Con 155 mortes xa confirmadas, é a maior catástrofe fluvial despois das inundacións de Alemaña de 2021, onde faleceron case 200 persoas
A riada que arrasou a provincia de Valencia entre o martes e o mércores é a segunda maior catástrofe fluvial da historia recente en Europa. O último balance das autoridades valencianas deixaba a primeiras horas da tarde deste 31 de outubro unhas 155 vítimas mortais e decenas de persoas desaparecidas, unha cifra só superada polas inundacións de Alemaña de xullo de 2021, nas que faleceron 197 persoas, segundo o reconto do Centro de Investigación sobre Epidemioloxía das Catástrofes (CRED), que pertence á Universidade de Lovaina (Bélxica). Os expertos advirten de que estes eventos serán cada vez máis agresivos e recorrentes debido ao cambio climático.
A tormenta, que deixou escenas de terror en Valencia, Alacante, Castelló e Albacete, foi de lonxe a máis agresiva de España desde hai 50 anos. En outubro de 1973 as riadas da rambla de Nogalte (que afectaron a Granada e Almería), deixaron polo menos 100 vítimas. Moito peor foi o desbordamento en 1963 dos ríos Llobregat e o Besós, en Catalunya, onde polo menos faleceron 445 persoas, aínda que en ningún dos dous casos hai cifras concretas. O peor episodio de inundacións en Valencia ata o de agora fora a inundación da cidade de 1957, con 81 vítimas. En Europa, a riada deste martes en Valencia, e o desbordamento do Rin e o Mosa en Alemaña en 2021, son os eventos fluviais máis tráxicos deste século, seguidos das inundacións do suroeste de Francia en 2010 froito do ciclón Xynthia, que se cobrou 53 vítimas.
A tormenta quedou atrapada sobre Valencia
En España non se vía unha treboada con consecuencias tan devastadoras desde hai 50 anos en Granada
José Luis Sánchez, doutor en Física da Universidade de León, explica que a diferenza entre esta dina (depresión illada de niveis altos) e as de anos anteriores é que a tormenta se mantivo atrapada durante moitas horas sobre o Levante, e recibía de maneira constante achegas de humidade dun mar Mediterráneo máis quente do normal.
"A principal diferenza con outros episodios anteriores foi sinxelamente que a dina estaba inmóbil. Colocouse xusto na zona onde máis vapor de auga podía aspirar do mar: sobre Valencia, Alacante e Murcia. Esa masa foi arrastrada cara a Castelló e Albacete, pero un bloqueo atmosférico mantívoa atrapada. Se por unha banda sopras humidade, e polo outro atopas un muro, a suma é unha tormenta destas características", explica o experto atmosférico.
A dina chegou tras un verán de temperaturas récord no Mediterráneo, onde se rexistraron temperaturas superiores aos 31ºC en numerosos puntos, como a costa de Baleares. En agosto alcanzouse a temperatura media récord de 28,6 ºC, unha calor que facilita a evaporación da auga e a formación de tormentas.
A enerxía (calorífica) do mar non só acelera a evaporación, senón que achega enerxía (cinética) á dina en forma de fortes ventos verticais. A principal característica dunha dina é que funciona como unha "aspiradora vertical" de aire que eleva a humidade a alturas de ata 10.000 metros, onde a temperaturas alcanza os -55º, facilitando a formación de pingas de auga e pelotas de saraiba de gran envergadura que logo se precipitan pola gravidade.
José Luis Sánchez afirma que o quecemento global non é responsable de que este martes se formase unha dina sobre a provincia de Valencia, iso ocorrería de todas as maneiras, pero si de que fose tan agresiva. "Este tipo de tormentas repítense cada certo tempo, uns 25 anos, pero o cambio climático fai que sexan moito máis recorrentes", resume.
Para coñecer a relación concreta entre esta tormenta e o cambio climático é necesario realizar un estudo de atribución. Nos últimos dous anos, o equipo de World Weather Attribution (WWA), formado por físicos e expertos de todo o mundo, realizou diferentes análises deste tipo con episodios de choivas torrenciais en Europa, e en todos eles atoparon unha relación directa entre as catástrofes e o quecemento global. A tormenta Boris de finais de setembro no centro de Europa (Polonia, Romanía, Austria…), que se cobrou 24 vidas, é agora o dobre de frecuente que na media histórica e un 7% máis agresiva polo cambio climático. Mentres que as inundacións salvaxes do ano pasado en Grecia e que mataron a 17 persoas son 10 veces máis probables pola contaminación humana.
No caso de Valencia, as primeiras cifras que proporcionaron as autoridades apuntan a un evento case imposible nun escenario sen emisións de efecto invernadoiro. O encoro de Forata, que pertence ao río Magro, chegou a desembalsar no peor momento da tormenta 1.000 metros cúbicos de auga por segundo (1.000.000 de litros por segundo), e actualmente solta uns 800 metros cúbicos. "Os modelos hidrolóxicos indican que esta probabilidade de tanta cantidade de acumulación de auga nun punto determinado só sucedería cada 5.000 anos", segundo fontes do Goberno.