"E chamábannos asasinos". A mobilización social pola xestión do naufraxio en 2002 ficaron na memoria do PP cun aquel de trauma político que, dende aquela, moitos dirixentes tiveron vontade de devolverlle á esquerda en canto puidesen
"E chamábannos asasinos". Un dirixente do máis alto nivel nos gobernos galegos de Alberto Núñez Feijóo lembraba, reiteraba e resumía deste xeito nunha conversa con xornalistas o que, lamentaba, tiveran que vivir membros do PP galego dende finais de 2002 e ata ben entrado o ano 2004. Aqueles foran anos turbulentos nos que ao PP en xeral e ao PP galego en particular lle romperan demasiados esquemas en pouco tempo.
A xestión do naufraxio do Prestige desencadeara unha inédita crise interna nun partido no que Manuel Fraga comezaba a declinar política e -sobre todo- fisicamente. As mobilizacións sociais e efectos políticos da catástrofe mesturáranse cos ligados ao rexeitamento da intervención española na invasión de Iraq mentres o poder institucional minguaba en flancos estratéxicos como a Deputación da Coruña ata chegar, en 2005, á perda da Xunta apenas un ano despois da perda do Goberno de España tres días despois do 11M.
O propio Fraga admitiría anos despois nas súas memorias Final en Fisterra que as consecuencias políticas da xestión do Prestige entre finais de 2002 e comezos e 2003 foran clave para perderen a Xunta en 2005. O petroleiro e a mobilización social canalizada sobre todo a través da Plataforma Nunca Máis ficaron na memoria dos populares galegos cun aquel de trauma político que, dende aquela, moitos dirixentes tiveron vontade de devolverlle á esquerda en canto tivesen ocasión. Polas enormes manifestacións, mais tamén polas protestas ante diversos actos institucionais ou do PP, que só nunha ocasión foran alén das consignas ou berros máis ou menos intensos, cando un bateeiro guindou chapapote no porto de Aguiño ao daquela alcalde de Ribeira e presidente da Deputación coruñesa, José Luis Torres Colomer.
Un dos dirixentes que albergou a vontade de poder lanzar contra un goberno de esquerdas un movemento semellante ao que tivo que enfrontar o PP co Prestige foi, paradoxalmente, un dos máis beneficiados polos efectos políticos do acontecido daquela: Alberto Núñez Feijóo
Un dos dirixentes que albergou a vontade de, nalgún momento, poder lanzar contra un goberno de esquerdas un movemento semellante ao que tivo que enfrontar o PP co Prestige foi, paradoxalmente, un dos máis beneficiados polos efectos políticos do acontecido daquela: Alberto Núñez Feijóo. Non en van, a crise no Goberno de Fraga propiciada pola dirección central do PP, coa defenestración de Xosé Cuíña en xaneiro de 2003, implicou que Feijóo regresase á Xunta como novo conselleiro de Política Territorial tras oito anos como alto cargo do Executivo de Aznar.
Apenas un ano e medio despois, en 2004, Feijóo ascendería a vicepresidente primeiro. Dende ese posto comezou a opositar á sucesión de Fraga, que culminaría en xaneiro de 2006 tras ser ratificado como novo presidente do PPdeG nun congreso ao que chegou sen rivais . Foi así como virou en líder da oposición ao Executivo de coalición de PSdeG e BNG, ao que xa nese mesmo 2006 tentou devolverlle o Nunca Máis con declaracións e accións que neste 2024 se reflicten nos movementos da dirección estatal do PP contra o Goberno de España no marco da catástrofe polas riadas na Comunitat Valenciana.
"Sós contra o lume"
No verán daquel 2006 Galicia sufriu a que acabaría sendo a vaga de incendios máis destrutiva en década e media. Os balances primeiros balances oficiais falaban dunhas 77.000 hectáreas ardidas nun ano que acabaría con máis de 95.000 pasto do lume nos montes galegos. Nese contexto, o PP apresurouse en artellar o seu propio Nunca Máis: chamouno Sós contra o lume, unha plataforma presidida por un dos seus alcaldes (José Antonio Landín, de Barro) e apoiada nas estruturas locais do partido e mais no seu sindicato agrario afín, Xóvenes Agricultores.
O discurso despregado por Feijóo ante as riadas de València ten ecos na súa estratexia fronte ao Goberno de coalición PSdeG-BNG durante a vaga de incendios de 2006, cando o PP lanzou a plataforma 'Sós contra o lume'
Sós contra o lume despregara as súas accións en múltiplas frontes. Dende anuncios de demandas xudiciais contra a Xunta ata, sobre todo, a organización dunha manifestación que, o 17 de setembro de 2006 xuntou milleiros de persoas en Santiago situando como protagonistas a Mariano Rajoy e mais a un Feijóo que protagonizara en plena vaga de incendios unha fotografía simulando apagar un incendio cunha mangueira de xardín en Meis.
A organización situara á fronte da marcha á filla e á neta das dúas mulleres que faleceran en Cotobade atrapadas polo lume no seu coche e non dubidou en atribuír directamente as mortes á xestión do Goberno galego. "Con nós non morría xente nos incendios e con eles, catro persoas", sintetizara meses despois o propio Feijóo durante un mitin da precampaña das municipais de 2007 en Carballo para evocar unha vaga de incendios na que a cúpula do PPdeG, cando menos na provincia da Coruña, dera a orde de "dilatar" a constitución das brigadas municipais contra incendios alegando "diferenzas" para despois culpar a Xunta de "lentitude"
Un discurso semellante ao daqueles días foi o despregado por Feijóo a pasada semana na súa primeira visita a València tras as riadas. Ao carón dun sobrepasado Carlos Mazón, presidente da Comunitat Valenciana, o agora líder estatal do PP negou a existencia de "colaboración" ningunha por parte do Goberno de España e puxo en cuestión á Axencia Estatal de Meteoroloxía no seu labor de lanzamento de alertas meteorolóxicas.
Tras o ataque sufrido por Pedro Sánchez, reivindicado por activistas da extrema dereita, o ex-presidente e actual líder do PP glosa a "indignación dunha nación" aínda que as "expresións de violencia non nos representan e rexeitámolas"
Este luns, tras o ataque sufrido por Pedro Sánchez en Paiporta (València) -reivindicado como propio por activistas de extrema dereita- durante a visita realizada á zona polos reis de España, aos que persoas presentes na zona tamén increparon e guindaron lama, Feijóo deu en contrastar a actitude do monarca, que "si estivo á altura" e "soubo estar onde hai dor" coa do presidente do Goberno de España. Porque a "indignación dos cidadáns non é marxinal nin simulada", senón que é a "indignación dunha nación que non soporta ver desatendidos os compatriotas".
"Por suposto -matizou Feijóo nunha intervención sen preguntas- que as expresión de violencia non nos representan e rexeitámolas", se ben "non imos equivocarnos sobre quen son os realmente vítimas de toda esta traxedia", dixo para despois advertir dun suposto "relato partidista" ao respecto. Na mesma intervención, o ex-presidente reclamou a declaración da figura de "emerxencia nacional", o que implicaría retirar o mando ao presidente valenciano, Carlos Mazón, e trasladalo ao Goberno de España.