A catástrofe ten unha dimensión descomunal. Aterradora. No momento de redactar esta crónica, as autoridades valencianas dan por acreditadas máis de 200 mortes directamente ligadas ao efecto das riadas do martes desta semana no sur-leste da Península. E tamén especifican que seguen os levantamentos oficiais de cadáveres, polo que o número total se incrementará con toda seguridade.
Mentres, o relato audiovisual da catástrofe non deixa lugar a dúbidas. Mesmo as fotografías facilitadas polas diferentes administracións ou polo Exército durante os labores de recuperación de corpos, asistencia de necesidades básicas ás persoas ou desentullo falan de desolación, de destrución masiva especialmente en comarcas da provincia de València. Dunha enorme catástrofe infraestrutural e humana.
Os efectos do temporal, -en termos técnicos, da Depresión Illada en Niveis Altos, unha DINA- vén ser outro shock máis no Estado apenas catro anos despois da pandemia da COVID. Outra volta, os servizos públicos postos a proba para atender un desastre dunha dimensión difícil de abranguer. E, outra volta, gobernos de diferentes cores políticas obrigados a atender unha poboación na que se estende unha lóxica desesperación ante a que teñen difícil acomodo argumentos racionais como a necesidade de planificar as intervencións para que sexan efectivas ou a necesidade de ordenar o voluntariado para que realmente poida cumprir o seu cometido.
Como en moitas castástrofes anteriores, ante a traxedia de València emerxen voces que chaman a "non politizar" o acontecido e a súa xestión, mesturando a indispensable acción política para atender o desastre coa súa utilización para a confrontación partidaria
Con todo este pano de fondo, como en moitas catástrofes anteriores, emerxen voces que chaman a "non politizar" o acontecido e a súa xestión. Fano dende faladoiros en radios e televisións, dende columnas dixitais ou impresas. Mesmo dende os atrís institucionais ou partidarios onde exercen cargos políticos -como non podería ser doutro xeito-, mesturando a indispensable acción política para atender unha catástrofe coma esta coa súa utilización para a confrontación partidaria.
Confrontación, precisamente, foi a que xurdiu o pasado xoves nas declaracións lanzadas en València polo ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. Ao carón dun sobrepasado Carlos Mazón, presidente da Generalitat Valenciana, o actual líder do PP negou a existencia de "colaboración" ningunha por parte do Goberno de España e mesmo cuestionou a precisión dos prognósticos e alertas da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). Cuestionamentos coma o de Feijóo, replicado en redes sociais e medios de comunicación por perfís afíns aos populares e á extrema dereita de Vox, foron respondidos dende a propia Aemet e tamén pola Organización Meteorolóxica Mundial evidenciando as alertas publicadas nas horas e xornadas previas á catástrofe.
As declaracións de Feijóo en València chegaron mentres o Goberno valenciano do seu partido estaba e está a ser cuestionado dende diferentes frontes pola súa propia demora en alertar á poboación sobre o temporal. Tiveron forma e fondo semellantes ás empregadas polo popular, por exemplo, cando exercía como líder da oposición en Galicia durante a enorme vaga de incendios de 2006 ou no virulento temporal Klaus, en vésperas das eleccións galegas de 2009.
A virulencia de Feijóo e a fuxida da controversia por parte dun Goberno de España con demasiadas frontes abertas semellan deixar afogado o espazo para politizar o acontecido e abonado o terreo para unha antipolítica que, a pouco que se tire do fío, acaba levando á extrema dereita e á internacional reaccionaria da que fai parte
As duras críticas do líder PP -non secundadas polo momento pola outra principal cabeza visible do partido, Isabel Díaz Ayuso, malia a súa tendencia ás declaracións altisonantes- non tiveron, cando menos de momento, apenas resposta pola banda do Goberno de España ou dos partidos que o compoñen, PSOE e Sumar. Os socialistas, con Pedro Sánchez á fronte, veñen optando polo perfil baixo neste sentido, evitando ir alén das chamadas á "colaboración" e á "unidade" tras cancelaren as súas axendas de partido durante o loito oficial.
A virulencia do ex-presidente galego nos primeiros compases do desastre e a fuxida da controversia por parte dun Goberno de España con demasiadas frontes abertas semellan, combinadas, deixar afogado o espazo para politizar o acontecido. Para, unha vez atendida unha emerxencia que está a deixar á vista múltiplas costuras nunha xestión na que competencialmente é protagonista a autonomía á que afecta, abordar politicamente accións máis decididas contra a crise climática e á adaptación a ela. Dende o urbanismo ata as infraestruturas ou as vivendas. Tamén as deficiencias nos sistemas de protección civil ante situacións realmente catastróficas.
En ausencia de política, desastres coma este viran, entre chamadas a non "politizar" en terreo abonado para a antipolítica. Así o acredita o espello das redes sociais nos últimos días, nos que algúns dos comentarios máis celebrados contra "os políticos" ou un Estado presuntamente falido acaban levando, a pouco que se tire do fío, á extrema dereita española e á internacional reaccionaria da que fai parte.