A Xunta acorda coa Delegación do Goberno de España e a Fegamp centralizar o envío de medios que solicite a Comunitat Valenciana
O aluvión de iniciativas de axuda para a poboación afectada polas riadas na Comunitat Valenciana comeza a canalizarse e sistematizarse. Tanto as achegas da cidadanía como as das institucións doutros territorios non afectados directamente polo desastre, como é o caso do noso país.
O pasado sábado representantes de tres consellerías encabezadas pola de Presidencia, a competente en materia e Emerxencia, participaron nunha videoconferencia de coordinación coa delegación do Goberno de España en Galicia, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e deputacións para coordinárense na materia. Dese encontro saíu xa un primeiro continxente de axuda que este luns estaba rumbo a València.
"Tras a petición de novos medios por parte da Comunitat Valenciana", resalta a Xunta, será o Goberno galego o que "centralice e coordine o envío de profesionais e medios de emerxencia". Neste primeiro envío, segundo Presidencia, a prioridade atendendo ás peticións valencianas foi enviar medios "destinados á limpeza das rúas" para "facilitar a chegada dos servizos de emerxencias".
Equipos da Axencia Galega de Emerxencias parten cara ás zonas afectadas polas riadas xunto a membros dos corpos de Bombeiros de varios concellos, que achegan vehículos e tamén materiais como bombas de achique de auga
Persoal da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) experto en actuacións en catástrofes coma estas ou submarinistas son parte dun continxente que tamén leva material como motobombas. E no que son parte relevante persoal dos corpos de Bombeiros.
Así, por exemplo o Concello de Vigo achega 6 membros dos seus Bombeiros que levan consigo dous vehículos (unha motobomba e un furgón de 4.500 litros de capacidade) e equipamentos como bombas de achique de auga ou focos e material para actuar nas rúas onde se continúa retirando lodo. Ademais -especifican-, ofreceron efectivos da Policía Local "con vehículos e drons" e equipos de Protección Civil.
O Concello da Coruña, pola súa banda, confirmou que a súa achega a este envío son doce bombeiros e cinco vehículos "incluíndo un autobús, vehículos de intervención rápida, un vehículo de apoio loxístico e unha furgoneta". Canda eles viaxan á Comunitat Valenciana equipamentos como xeradores e bombas de auga, múltiplas ferramentas ou equipos de protección individual.
Nos últimos días múltiples municipios acolleron recollidas de produtos de primeira necesidade para as persoas afectadas pola traxedia
Tamén chegarán ás localidades valencianas afectadas polas riadas dez bombeiros do Concello de Lugo. Transportan materiais como "unha bomba de gran caudal, catro bombas eléctricas e dúas de augas sucias", así como "medios de arrastre e transporte; equipos de iluminación; equipos de auga e traxes de protección así como material de autosuficiencia como poden ser carpas, camas pregables ou esteiras para asegurar a autonomía da unidade en Valencia", explica o goberno local lucense.
De Santiago partiron cinco bombeiros mentres Protección Civil ultima o envío de produtos de primeira necesidade achegados pola veciñanza, que ascenden a unhas 35 toneladas. Estas recollidas tamén se veñen desenvolvendo noutros múltiples concellos