Nova alerta vermella en València mentres a cifra oficial de falecidos mantense en 213 persoas

A armada española en Catarroja (València) tras a riada este sábado CC-BY-SA Ministerio de Defensa

A Generalitat Valenciana volve enviar na tarde deste domingo un aviso aos teléfonos móbiles da poboación polo nivel vermello da alerta por choivas que anuncia a Axencia Estatal de Meteoroloxía para a zona do litoral sur da provincia de València. "Produciranse chubascos locais intensos sen chegar a ser de excepcional persistencia", di a mensaxe de aviso Es-Alert. 

O Concello de Catarroja, un dos máis afectados pola que xa é a riada máis mortal de toda Europa neste século, tamén envía unha mensaxe á súa veciñanza para que permaneza todo o mundo nos pisos máis altos a causa da chuvia que vén, posto que os sumidoiros aínda están "colapsados a causa do barro". 

O ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, sinalou este domingo a mediodía, tras a reunión do comité de seguimento da crise da DINA (Depresión Illada en Niveis Altos) –que segue activa–, que son 213 as persoas falecidas confirmadas. Unha cifra que non aumentou nas últimas horas, nas que os equipos forenses traballaron para identificar os cadáveres mentres se segue buscando as persoas desaparecidas, das que non se dan cifras oficiais, a pesar das publicadas por eldiario.es este venres

Torres mandou unha mensaxe de precaución e lembrou que "a DINA aínda non nos abandonou" e instou a poboación a "seguir as indicacións" e as "informacións oficiais". Por outra banda, o ministro apelou "á responsabilidade, á boa información e a apartarse dos bulos, que tanto dano fan nestas circunstancias". 

Este mediodía a visita do rei Felipe VI e a raíña Letizia, acompañados polo presidente do Goberno de España e o de Generalitat valenciana, ao municipio de Paiporta tivo que suspenderse pola "máxima tensión" vivida na rúa entre berros de "asasinos" e o lanzamento do barro acumulado tras as fortes riadas. A alcaldesa da localidade manifestou que as persoas violentas non eran veciñanza das zonas afectadas, senón grupos organizados que agardaban pola comitiva. 

Este martes o Consello de Ministros aprobará a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil para a Comunitat Valenciana, Andalucía e Castilla La Mancha, segundo avanzou o presidente Sánchez este sábado. 

Vista dun edificio afectado pola DINA desde un dron da Guardia Civil do Ministerio do Interior © Guardia Civil

A AEMET levantou a alerta vermella en Almería, pero continúan pedindo precaución na zona, así como en Tarragona e Castellón, onde continúan en alerta laranxa tanto no litoral como no interior. 

No interior de València, Teruel e Barcelona o nivel de alerta mantense en amarelo. O litoral de Almería e Granada tamén segue en alerta amarela. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.