Candidaturas veciñais rematan con 40 anos de dominio do PP en Agolada, O Páramo e Outes

Casa do Concello de Agolada Dominio Público Xas

As eleccións son importantes en todos os concellos e cando cambia a cor política do goberno local, iso introduce cambios nas vidas de todas as localidades. Pero hai lugares nos que estas mudanzas, se cadra, adquiren maior relevancia, podendo ser cualificados de "históricas", sobre todo cando este cambio supón a fin de catro décadas de dominio dunha forza política. Máis aínda cando falamos de concellos de pequeno tamaño, nos que o Concello adquire un papel máis protagonista na vida da cidadanía.

Este domingo foi histórico en Agolada, O Páramo ou Outes, onde candidaturas veciñais conseguiron apartar do poder a un Partido Popular que gobernara alí nas últimas décadas

Este domingo foi histórico en Agolada, O Páramo ou Outes, onde candidaturas veciñais conseguiron apartar do poder a un Partido Popular que gobernara alí nas últimas décadas. 

Agolada

Agolada tivera ata agora unicamente dous alcaldes dende a restauración da democracia en 1979: Manuel Costa Casares (UCD primeiro e PP despois), entre 1979 e 2007, e o tamén popular  Ramiro Varela Peón (2007-2019), que gobernaran dende 1983 con amplas maiorías absolutas. Aínda en 2015 Ramiro Varela obtivo o 66,34% dos votos e 8 dos 11 concelleiros. Este domingo o PP ficou en 4 edís e o 37% dos votos, superado amplamente polo Partido Anticorrupción y Justicia (PAYJ) liderado por Luís Calvo, que acadou 7 concelleiros e gobernará por maioría absoluta.

O Páramo

Algo semellante sucedeu no Páramo. Neste concello lucense Gumersindo Rodríguez Liz foi alcalde entre 1983 e 2019, primeiro por Coalición Galega e dende 1991 polo PP, e decidiu non liderar a lista popular nestes comicios, ficando no número 2 da candidatura. Rodríguez Liz obtivera 8 maiorías absolutas consecutivas, aínda que no 2015 a vitoria popular foi máis axustada: 5 concelleiros de 9 e o 46% dos votos. 

Este domingo o gran triunfador foi a Agrupación de Electores Todo polo Páramo, con 4 concelleiros e o 41,5% dos apoios. O PP obtivo tamén 4 o PSOE 1, que pode asentar unha maioría alternativa aos populares. A candidatura foi liderada por José Luis López López, ex-presidente do equipo de fútbol da localidade, que na campaña asegurou que "nunca" pactaría co PP e chamou a un "cambio de rumbo" no concello.

Membros de Compromiso por Outes CC-BY-SA Compromiso por Outes

Outes

En Outes o dominio do PP esténdese ao longo de 40 anos de democracia, da man de Gonzalo Pérez Villaverde (UCD e despois PP) e, dende 1995, co falecido Carlos López Crespo (substituído en 2016 por María Beatriz Molinos Vidal). No 2015 o PP obtivera aínda unha cómoda maioría absoluta, con 8 de 13 edís e o 51% dos votos. Este domingo a situación deu a volta e Compromiso Outes foi a forza máis votada, con 5 concelleiros (4 en 2015), os mesmos que o PP. BNG (2) e PSdeG-PSOE (1) completan a corporación e poden asentar un goberno liderado por Manuel González, despois de 40 anos de gobernos conservadores. Na campaña electoral González chamou a liderar "un cambio histórico" no concello.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.