No segundo día do ano 2009 o daquela lehendakari, Juan José Ibarretxe, anunciou eleccións ao Parlamento vasco para o 1 de marzo. Por primeira vez, os comicios vascos cadraban cunha elección noutro punto do Estado. A data elixida era a mesma que apenas dúas semanas antes anunciara o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que no verán anterior desbotara adiantar os comicios para o inicio do outono, como recomendaba a dirección do PSOE para evitar relegar a cita coas urnas a un momento de maior deterioro económico por mor da crise económica internacional que viña de estourar oficialmente coa caída do xigante financeiro Lehman Brothers nos Estados Unidos.
Galicia, Euskadi e Catalunya votan en 2020; só falta saber se todas xuntas, coa convocatoria galega e vasca ao mesmo tempo como nas tres últimas ocasións ou separadas por pouco tempo, como nos comicios da fin do fraguismo
Dende aquel 2009 Galicia e Euskadi votaron xuntas dúas veces máis. En agosto de 2012 o lehendakari Patxi López, que chegara ao cargo co apoio do PP, chamou a comicios anticipados para o 21 de outubro e poucos días despois Alberto Núñez Feijóo fixo o mesmo en Galicia. En xullo de 2016 Íñigo Urkullu indicou o 25 de setembro como data electoral e uns poucos días despois, Feijóo secundou o lixeiro adianto.
Neste 2020 a coincidencia ou non con Euskadi leva tempo sobre a mesa na polítíca galega. O acordo orzamentario do PNV con Podemos para facilitar a aprobación dos derradeiros orzamentos da lexislatura para o Goberno vasco -que os nacionalistas comparten co PSE- afastou a posibilidade dun adianto que esta mesma semana o voceiro do gabinete de Urkullu, Josu Erkoreka, aseguraba non ter "sobre a mesa".
Erkoreka desbotaba -cando menos, de momento- o anticipo apenas vinte e catro horas antes de que o presidente da Generalitat catalá, Joaquim Torra, dese por esgotada a lexislatura no contexto de crecente tensión entre JxCat e Esquerra Republicana e anunciase que, en canto o Parlament aprobe o xa pactado orzamento de 2020, revelará cando chama ás urnas. Galicia, Euskadi e Catalunya, a vella Galeusca, Galeuzka ou Galeuscat votará en 2020 e só falta saber se todas xuntas, unhas na primavera e outras no outono ou as tres compartindo estación pero non data, como cando en 2005 o electorado vasco renovou o seu Parlamento o 17 de abril e apenas dous meses despois, o 19 de xuño, Galicia votou nas eleccións que supuxeron a fin do fraguismo.
Nos círculos do actual poder galego pode resultar tentadora a idea dunha coincidencia con Catalunya por ser útil para confrontar co Goberno central e coa esquerda galega, pero tamén tería riscos para o PP á hora de marcar perfil "moderado" e de evitar a identificación coa dirección de Pablo Casado
A primeira reacción pública de Alberto Núñez Feijóo tras coñecer o anuncio de Torra foi afirmar que "o noso horizonte" electoral non vai depender da "incerta" decisión catalá. Catalunya está moi presente na xa lanzada precampaña do PPdeG, fundamentalmente para acusar o Goberno central do PSOE e Unidas Podemos de beneficiar as formacións independentistas catalás mentres "castiga" a Galicia en cuestións como os 198 millóns de euros do IVE non cobrados por mor da reforma do IVE aplicada polo Executivo de Rajoy en 2017 e aínda non compensados.
Nos círculos do actual poder galego pode resultar tentadora a idea dunha coincidencia con Catalunya que sería útil para a confrontación do PP co Goberno central e, daquela, coa eventual alianza da esquerda e o soberanismo que desaloxaría da Xunta aos populares se estes non contan con maioría de goberno. Pero tamén tería riscos polarizadores que acrecentarían as opcións da extrema dereita de Vox de facerse con algún escano no Pazo do Hórreo. E faría aínda máis complicada para os de Feijóo cumprir a súa vontade de marcar perfil propio e diferenciado a respecto da dirección central do PP. Vender a "moderación" axitada hai poucos días por Feijóo ante a cúpula do PPdeG resulta complexo cun Pablo Casado en modo electoral en Catalunya e Galicia ao mesmo tempo.
No camiño cara ás urnas aínda resta o xa clásico acto do PP no que Feijóo aclara se recunca ou non e despexar as incógnitas que aínda acompañan á 'esquerda rupturista'
No camiño cara ás urnas galegas aínda fica unha estación que xa é unha parada tan clásica como eses restaurantes á beira das estradas, o acto do PP no que Feijóo aclarará se recunca ou non como candidato do seu partido á Presidencia, algo que o actual presidente xa asegurou que sucederá no primeiro trimestre do ano. Con Gonzalo Caballero e Ana Pontón xa proclamados nos carteis electorais do PSdeG, daquela só restará saber como concorre a esquerda rupturista, tanto Unidas Podemos e Anova como a En Marea de Luís Villares. No primeiro caso soan con insistencia nomes como o do ex-alcalde compostelán Martiño Noriega, entre outros. No segundo, Villares dixo nos últimos días estar aberto a alianzas no ámbito do soberanismo nun escenario aínda por despexar no caso de que estas non se produzan.
Sexa como for, o seguro é que Galicia, Euskadi e Catalunya votan este 2020. Unha coincidencia coa convocatoria vasca ou -especialmente- coa catalá diluiría o debate galego. Así e todo, resulta innegable que, como en 2005 e 2009, a pugna electoral galega estará no centro do taboleiro estatal. O que suceda en Galicia será lido en clave de exame para a coalición do PSOE e Unidas Podemos, de recuperación ou de derrota -definitiva?- para o PP de Pablo Casado na política xeral e no contexto das dereitas en particular.