O PSdeG resiste malia a derrota e reivindícase como "a forza da esquerda máis votada en Galicia"

Besteiro comparece tras o 29N CC-BY-SA PSdeG

O PSdeG resiste en Galicia e calca case os resultados obtidos nas eleccións xerais de 2023. Con case o 100% escrutado, obtivo case o 30% dos votos, nunha porcentaxe case idéntica á de hai tres anos e mesmo con máis sufraxios, ao superar o medio millón e sumar perto de 30.000 máis. 

O PSdeG sobe en votos con respecto a 2023 e mantén os sete escanos en Galicia á espera do voto CERA, que podería darlle un máis en prexuízo do BNG

Foi, con todo, un resultado agre para os socialistas galegos, que manterán os 7 escanos polas circunscricións galegas no Congreso, á espera do que o escrutinio do voto CERA decida na provincia da Coruña, onde o PSdeG está a uns 1.500 votos de quitarlle un ao BNG, nunha pelexa entre ambas formacións que estivo axustada toda a noite. 

No voto exterior de 2023, o PSdeG superou en arredor de 2.000 votos ao BNG na provincia da Coruña. No caso de que o resultado dese a volta, os socialistas chegarían así aos 8 escanos e mellorarían mesmo os resultados das anteriores xerais, pero faríano nun Congreso cunha ampla e cómoda maioría da dereita e da extrema dereita. 

Na súa comparecencia tras coñecerse os resultados, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu do "lexítimo recoñecemento" dos resultados pero tamén que iso "non restará un ápice" a súa "defensa dos dereitos conquistados". "Ante calquera retroceso que poida haber, aí estará o Partido Socialista na oposición", dixo. 

Ademais, Besteiro reivindicou a súa formación como "a forza da esquerda máis votada en Galicia", que o converte, di, no "dique de contención contra a dereita e a extrema dereita". "Imos estar á altura, resistindo, combatendo a inxustiza. Cando se trata de defender a nosa terra, somos a única esquerda capaz de facerlles fronte ás dereitas", engadiu. 

Besteiro reivindica o PSdeG como "a forza da esquerda máis votada en Galicia" e "a única esquerda capaz de facerlles fronte ás dereitas"

O líder socialista comprometeuse a traballar "con convicción, determinación e compromiso para defender os intereses de Galicia e os dereitos da maioría social", e concretou ata onde chega esa defensa. "Os galegos e galegas deben saber que imos ser firmes na defensa dos servizos públicos, da sanidade pública, da educación pública; das mulleres, da igualdade e do feminismo; da comunidade LGTBI; do ecoloxismo; e dos dereitos e liberdades da cidadanía", enumerou.

Besteiro asegurou tamén que o seu partido tiña "moitos motivos" para sentirse "orgulloso" da campaña feita. "Demostramos que é posible facer política en positivo, falando das cousas que realmente preocupan e benefician as persoas, poñendo enriba da mesa propostas dun proxecto de futuro para o noso país", dixo Besteiro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.