A UE non ve necesarios novos estudos dos residuos nucleares do Atlántico tras admitir que non coñece o seu estado

Sede da Comisión Europea en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión Europea vén de responder ao eurodeputado socialista José Blanco que non recibiu “ningunha proba sobre a necesidade de realizar novos estudos do estado dos residuos radioactivos” vertidos durante anos na foxa atlántica, fronte ás costas galegas. Unha contestación que se produce despois de que a propia Comisión admitise noutra reposta previa que non ten “coñecemento de novos estudos científicos” sobre o estado deses residuos. Isto é, a UE di que non ten probas de que nada malo estea a pasar con eses residuos pero que descoñece se alguén está a supervisar se algo vai mal ou non.

A Comisión Europea, en resposta ao eurodeputado socialista José Blanco, indica que non prevé revisar polo menos ata 2020 se España está a vixiar de xeito correcto a posible radioactividade que poida chegar ás costas

O pasado outono, coincidindo co 35 aniversario dos últimos vertidos que entre 1949 e 1982 deitaron 140.000 toneladas de residuos radioactivos de oito países en varios puntos do Atlántico fronte ás costas europeas, este diario publicou unha ampla análise sobre o limitado coñecemento que admiten ter sobre o estado deses bidóns unha ducia de entidades estatais e internacionais. Esa situación levou a En Marea, PSdeG e BNG a formular diversas preguntas e iniciativas no Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados e o Parlamento Europeo.

Na Eurocámara a primeira resposta que obtivo o ex-ministro socialista José Blanco foi que, como os vertidos xa están prohibidos de xeito permanente, a Comisión Europea “non está planificando novos estudos científicos sobre o estado” dos xa depositados no fondo do Atlántico. Ante esa resposta, Blanco repreguntou se a Comisión tiña coñecemento de novos estudos científicos ao respecto, ao que a Comisión respondeu o pasado 17 de xaneiro que “non ten coñecemento de novos estudos científicos sobre o estado dos residuos radioactivos vertidos na foxa atlántica”. Tras esa segunda resposta, Blanco volveu preguntar unha terceira vez se “considera a Comisión necesario realizar novos estudos”. A resposta a esa pregunta chega agora e limítase a dicir que “a Comisión non recibiu ningunha proba sobre a necesidade de realizar novos estudos do estado dos residuos radioactivos vertidos na foxa atlántica”.

En respostas previas tanto a Blanco como a este diario a Comisión Europea tamén matizara que, á marxe deses residuos depositados en augas internacionais, cada estado é responsable das súas augas territoriais e de analizar a radioactividade que pode chegar ás súas costas procedente desa ou doutras orixes. Segundo a Comisión, España nunca alertou de ningunha incidencia nesas análises costeiras que ten a obriga de realizar de xeito periódico. Tras esa resposta, Blanco repreguntou se a Comisión Europea verifica que España estea a realizar de xeito adecuado eses controis, ao que a institución comunitaria respondeu que “o control da radioactividade do medio mariño por parte de España non foi abordado específicamente no programa de verificación da Comisión”. Novamente Blanco volveu repreguntar se a Comisión prevé incluír algún control a España no seu programa de verificación. E a resposta que chega agora da Comisión é que esa posibilidade “non figura no calendario do programa de verificación da Comisión 2018-2020”.

A resposta da Comisión Europea chega despois de que varios ministerios discrepasen entre si, en respostas oficiais, sobre quen debería vixiar os residuos depositados en augas internacionais

Esta resposta da Comisión Europea chega despois de que varios ministerios discrepasen entre si, en respostas oficiais, sobre quen debería vixiar os residuos depositados en augas internacionais. Un intercambio de responsabilidades a nivel estatal similar ao existente a nivel internacional entre os diversos organismos contactados por este diario. Todos coincidiron en ser incapaces de dicir cando se vixiaron por última vez os residuos depositados en augas internacionais e cando está previsto que se volva facer, limitándose a asegurar que non hai probas de que a súa radioactividade estea chegando á costa, que é o que de xeito periódico revisa o Goberno central sen que, como agora se sabe, a Comisión supervise se o está a facer de xeito correcto.

Activistas de Greenpeace entorpecendo o vertido dos bidóns en 1982 (Foto: Greenpeace / Pierre Gleizes) © Greenpeace / Pierre Gleizes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.