A pasada semana, ao fío do primeiro milleiro de bidóns con refugallos nucleares localizados na Foxa Atlántica pola misión científica francesa Nodssum, a Xunta xeraba un notable balbordo político ao asegurar a conselleira de Medio Ambiente que soubo agora "pola prensa" desas verteduras de hai décadas e acto seguido, recuar. Pero, alén desas declaracións de Ángeles Vázquez, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, dependente do seu departamento, anunciou que solicitara información ao respecto ao Consello de Seguridade Nuclear (CSN) a través dunha carta.
En resposta á Xunta, esta a autoridade administrativa do Estado volve evidenciar que só vixía a radioactividade nas augas costeiras e reitera que os niveis detectados nos tres puntos de mostraxe que ten en Galicia son adecuados
O CSN, unha autoridade administrativa independente, vén de responder a esa comunicación. Como en anteriores ocasións nas que fora cuestionado -tamén por Praza.gal en 2017 no marco da investigación na que este xornal constatou a ausencia de vixilancia estable sobre os bidóns-, o organismo evidencia que só controla a radioactividade nas augas costeiras e non na contorna das verteduras, de cuxa supervisión defende que as autoridades españolas continúen á marxe. Porque España, argumenta, non lanzou residuos nucleares ao Atlántico.
Desta maneira, a resposta do CSN á Xunta consistiu en "información sobre a calidade radiolóxica ambiental das augas costeiras", que no caso galego se avalía a través de "tres puntos de mostraxe" con recollidas trimestrais. "Os resultados das medidas e das análises realizadas ata a data non detectaron niveis significativos de radioactividade ambiental" no litoral, sinala.
"España non efectuou vertidos de residuos na Foxa Atlántica polo tanto, non ten responsabilidade ningunha sobre os mesmos nin sobre o seu estado", conclúe o CSN
Ao facer pública esa resposta Seguridade Nuclear resalta tamén que en 2021 a Unión Europea comprobou, "entre outros asuntos", os sistemas de "vixilancia radiolóxica ambiental das costas galegas" e concluíu que son "adecuados". Fíxoo cun estudo coñecido en 2023 no que, como informou Praza.gal, volveu evidenciar que ninguén vixía regularmente o estado dos vertidos nucleares que agora está a controlar a misión científica francesa nun dos puntos nos que se produciron -foron ata unha ducia-.
Neste sentido, Seguridade Nuclear enfatiza que eses lanzamentos se produciron "fóra das augas territoriais españolas" e ademais, subliña, "España non efectuou vertidos de residuos na Foxa Atlántica". "Polo tanto, non ten responsabilidade ningunha sobre os mesmos nin sobre o seu estado" e "unicamente lle corresponde verificar a calidade radiolóxica do medio ambiente no seu territorio, incluídas as augas costeiras".
Avance da expedición francesa

A expedición Nodssum xa localizou uns 1.900 bidóns e segue extraendo sedimentos dos fondos mariños e mostras das augas próximas aos vertidos
Mentres o organismo español con responsabilidade en materia de seguridade nuclear volve desligarse do estado dos bidóns, o equipo da misión francesa segue ofrecendo novos detalles sobre o seu traballo. Un dos responsables da operación, o xeólogo mariño Javier Escartín, informaba este luns que o submarino robotizado Ulyx, co que traballan, leva xa sete inmersións nas que puido localizar uns 1.900 bidóns e continúa extraendo sedimentos dos fondos mariños e mostras das augas para analizar a posible radioactividade.
Outra das integrantes da misión, a xeóloga mariña Canadense Caroline Gini, explica a través das súas redes sociais que a expedición "está indo ben". O submarino Ulyx, detalla, está a permitir obter imaxes de gran resolución dos bidóns e a tecnoloxía coa que traballan fornéceos de auga próxima aos bidóns cos refugallos, así como de mostras do fondo mariño.