"Uns intactos, outros moi degradados": resultado do primeiro control aos bidóns nucleares fronte a Galicia

Un dos barrís con refugallos radioactivos, fotografado polo submarino Ulyx a 4.700 metros © Flotte Océanographique Française - Campagne NODSSUM

En 2017 e tras unha ampla investigación que incluíu consultas a unha ducia de organismos internacionais, Praza.gal puido constatar que, 35 anos despois da fin das verteduras de residuos nucleares á Foxa Atlántica, fronte ás costas galegas, ninguén estaba a vixiar con regularidade o seu estado. As pescudas deste xornal chegaron aos parlamentos galego, español e europeo mediante iniciativas de varios partidos ante as que quedou certificado que tanto as autoridades españolas como as da UE se desentenderan desa supervisión regular.

A misión francesa Nodssum pecha a súa primeira expedición oceánica tras cartografar 3.355 barrís con refugallos nucleares a uns 650 quilómetros das costas da Coruña

Este 11 de xullo finalizou o que pode considerarse primeiro control real a parte daqueles refugallos, cuxo vertido ao océano acabou sendo prohibido, en boa medida, grazas á implicación política e social galega da man de Greenpeace. Trátase da inspección realizada polo proxecto NODSSUM, a misión do Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS) que vén de pechar a súa primeira fase tras mapear 3.355 destes barrís, segundo expuxeron tras desembarcaren en Brest, na Bretaña, o xeólogo mariño Javier Escartín e o enxeñeiro en metroloxía nuclear Patrick Chardon.

Un dos barrís fotografados pola misión Nodssum na Foxa Atlántica, cunha "probable" fuga de alcatrán © Flotte Océanographique Française - Campagne NODSSUM

Sempre dende a cautela de traballaren nunha soa das contornas oceánicas onde oito estados europeos guindaron os bidóns -fixérono en ata unha ducia de puntos-, a uns 650 quilómetros ao noroeste da Coruña, Escartín e Chardon explican que confirmaron as súas expectativas de non detectaren "radioactividade moi significativa" procedente duns bidóns en estado moi dispar de conservación. Así o puideron observar en fotografías tomadas polo submarino Ulyx a ata 50 barrís.

Tras non detectaren "radioactividade moi significativa" sobre o terreo, o equipo disponse a abordar "medicións detalladas" no laboratorio de 5.000 litros de auga, 345 mostras dos fondos e 34 peixes e moluscos para obter un "diagnóstico máis fiable" sobre o eventual "espallamento" dos vertidos

Algúns están "case intactos" e outros, "extremadamente degradados" nun contexto no que, admite Chardon, "non temos idea do que había dentro" de cada un. Non existía "rastrexabilidade" naquel momento, se ben "probablemente" fosen "residuos de baixa radioactividade" depositados, cando menos na área onde estiveron a traballar, cunha densidade duns 20 barrís por quilómetro cadrado: a cartografía que veñen de obter é de 3.355 bidóns nunha área de 163 quilómetros.

Estas son algunhas das primeiras conclusións dunha misión que, detalla o Instituto Hubert Curien de Estrasburgo -unha das institucións integrantes do proxecto-, ademais de "mapear con éxito" eses máis de tres mil barrís, "recolleu 5.000 litros de mostras de auga", "345 mostras do fondo oceánico" e "34 exemplares de peixes e crustáceos". Agora comeza un período de "varios meses" para realizar "medicións detalladas" e obter "un diagnóstico máis fiable" do eventual "espallamento do contido" duns barrís nos que os residuos radioactivos estaban pechados mediante un recubrimento "deseñado inicialmente para garantir a contención de residuos uns vinte anos", detalla esta entidade.

Comprobacións no submarino Ulyx O equipo de protección radiolóxica da misión Nodssum comproba o submarino Ulyx tras unha das inmersións © Flotte Océanographique Française - Campagne NODSSUM / Javier Escartín

Ese recubrimento estaba composto de "formigón e alcatrán". Nun dos barrís, fotografado a uns 4.700 metros de profundidade, a misión detectou "unha probable fuga" dun "material descoñecido", revela Escartín. "Probablemente", avanza, se trate "de alcatrán usado para incrustar os residuos nos barrís".

A "idea orixinal" era inspeccionar os bidóns "cada 25 anos", pero "nunca se fixo"

Será dentro "de un ou dous anos" cando a misión Nodssum embarque outra volta e procure "achegarse o máximo posible" aos barrís e recoller novas mostras. O horizonte é poder tirar conclusións sobre se cómpre unha "avaliación máis frecuente" dos refugallos nucleares na Foxa Atlántica xa que, subliñan, aínda que a "idea orixinal" era inspeccionalos "cada 25 anos", o certo é que "nunca se fixo".

Esas "próximas campañas" van permitir, entre outros aspectos, "análises e mostraxes en tres dimensións de sedimentos e comunidades biolóxicas" na contorna dos bidóns. Trátase de obter o coñecemento máis completo posible sobre "a composición, a posición e o estado" duns residuos sobre os que a información dispoñible ata agora é "limitada".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.