Nova data para a inspección na que a Comisión Europea (CE) verificará se o Goberno de España supervisa ou non como debe as verteduras nucleares na Foxa Atlántica, isto é, o estado dos milleiros de bidóns con residuos radioactivos que foron guindados ao océano fronte ás costas galegas entre 1949 e 1982. Agora, por mor do coronavirus.
Tras a publicación por parte de Praza.gal en 2017 dunha investigación sobre o practicamente nulo coñecemento que as autoridades internacionais, estatais e galegas, os eurodeputados galegos José Blanco (PSOE) e Ana Miranda (BNG) cuestionaron as autoridades comunitarias ao respecto. Inicialmente, a Comisión sinalou que en 2019 poría o foco no asunto e despois confirmou que sería en 2020 cando o faría, ao incluír formalmente a costa galega no seu programa de misións de verificación.
O compromiso da Comisión para controlar a supervisión do estado dos bidóns guindados entre 1949 e 1982 chegou despois de ficar certificado que, durante décadas, ninguén vixiou periodicamente a radioactividade nas augas
Pero chegou a pandemia e esta inspección tivo que ser adiada, aínda que xa hai novas datas de referencia. Así o vén de confirmar a comisión a Miranda en resposta a unha pregunta formulada a través da coalición Agora Repúblicas, da que o BNG é parte (a representante do Bloque tomará posesión do escano durante a lexislatura, en virtude do pacto rotativo).
Nunha resposta datada no pasado 6 de outubro, a CE confirma que "os servizos da Comisión incluíron o control do medio mariño na costa de Galicia" como "obxectivo de verificación no programa de 2020", pero por mor da pandemia "foi necesario modificar os prazos". "Tras manter conversas coas autoridades españolas, a verificación do seguimento da radioactividade do medio mariño en augas galegas aprazouse ata o primeiro semestre de 2021", conclúe.
Para Miranda, resulta "totalmente comprensible" este adiamento, porque "o problema non é que, debido á situación causada polo coronavirus, a misión pase de 2020 a 2021", senón que "pasasen máis de 40 anos sen verificar en que estado se atopan os residuos". Ese, lembra, foi o tempo transcorrido dende a fin desas verteduras, rexeitadas en Galicia pola loita ambientalista que tivo na expedición reivindicativa do barco Xurelo como un dos seus emblemas.
Ana Miranda: "O problema non é que a misión pase de 2020 a 2021 polo coronavirus, senón que pasasen máis de 40 anos sen verificar o estado do residuos"
A xuízo da voceira do Bloque en Bruxelas, tamén resulta "inaudito" que "desenvolve un programa continuado" de supervisión destes refugallos nucleares (na resposta alude ao tratado Euratom, que é continuo) cando "admitiu que non dispón de información actualizada do estado dos bidóns" e tamén "que os últimos informes cos que conta, referidos ás augas do Atlántico Norte, datan de 1990 e 2003".
En calquera caso, Ana Miranda resalta que "cando a Comisión organice a misión de verificación dos bidóns cos residuos nucleares, cumpriranse 40 anos das protestas do Xurelo". Aquela expedición, lembra, "enfrontouse en dúas ocasións aos cargueiros que depositaban os bidóns a 650 quilómetros da costa galega". Mariñeiros e membros de Esquerda Galega lideraran aquela campaña contra os vertidos, a primeira de Greenpeace en Galicia e no conxunto do Estado, antes mesmo de contar con delegación de seu.