A Comisión Europea actúa tras sucesivas preguntas de eurodeputados galegos interesándose pola situación dos vertidos nucleares realizados na Foxa Atlántica entre 1949 e 1982
Un ano máis tarde do previsto inicialmente, a Comisión Europea vén de asegurar que en 2020 verificará se España está a vixiar correctamente a radioactividade da costa galega. Unha supervisión que ten a súa orixe en diversas preguntas formuladas hai meses polos daquela eurodeputados galegos José Blanco (PSdeG) e Ana Miranda (BNG) despois de que Praza.gal publicase unha investigación sobre o limitado ou nulo coñecemento que unha ducia de entidades internacionais e estatais admiten ter sobre o estado dos milleiros de bidóns con residuos nucleares que entre 1949 e 1982 foron vertidos en diversos puntos do océano, na coñecida como Foxa Atlántica.
Ninguén está a vixiar de xeito periódico o estado daqueles bidóns en augas internacionais pero os estados da UE teñen que vixiar a radioactividade nas súas augas costeiras
Ninguén está a vixiar de xeito periódico o estado daqueles bidóns, algúns dos cales levan xa máis de 70 anos baixo o mar. Tampouco se está a medir a radioactividade nos puntos de vertido, en augas internacionais, pero os estados membros da UE si teñen a obriga de vixiar a radioactividade nas súas augas costeiras. Tras varias preguntas ao respecto, a Comisión Europea acabou respondendo hai agora case un ano ao socialista José Blanco que neste 2019 porían o foco en como España está a cumprir coa súa obriga de vixiar a radioactividade nas augas costeiras galegas.
“As datas da misión de verificación están sendo negociadas coas autoridades españolas”, di a Comisión Europea sobre o momento concreto de 2020 en que actuará a súa misión
Aquela declaración política tardou en concretarse e a costa galega foi incluída finalmente no programa de misións de verificación da Comisión Europea correspondente a 2020. Agora, tras unha pregunta ao respecto dos eurodeputados Pernando Barrena (EH Bildu) e Diana Riba (ERC) -que están a tramitar as iniciativas do BNG no Parlamento Europeo mentres non lle toque asumir o escano a Ana Miranda no marco do seu pacto nesa Cámara- a Comisión Europea ratifica que 2020 será o ano desa supervisión pero que aínda está a negociar as datas concretas con España.
“A Comisión desexa confirmar que incluíu a verificación da vixilancia da radioactividade do medio mariño na costa de Galicia no seu programa de misións de verificación de 2020”, di a resposta en nome da Comisión asinada polo aínda comisario de Acción polo Clima e Enerxía, o popular español Miguel Arias Cañete, que engade que “as datas da misión de verificación están sendo negociadas coas autoridades españolas”.
En respostas previas a Comisión admitiu descoñecer o estado dos bidóns cos residuos nucleares, non considerou necesarias novas análises e asegurou que España tampouco trasladou inquedanzas ao respecto
Esta nova resposta de Cañete confirmando que supervisará o próximo ano como España analiza a radioactividade na costa prodúcese despois de que, a preguntas previas do socialista Blanco, admitise que a Comisión Europea descoñece o estado dos residuos vertidos en augas internacionais ou o seu impacto no medio. A Comisión Europea tamén respondera previamente que non considera necesario novos estudos sobre eses bidóns da Foxa Atlántica e que o Estado español non lle trasladara ningunha necesidade ao respecto nin tampouco ningunha incidencia nas súas análises periódicas sobre a radioactividade costeira. Análises que agora van ser supervisadas pola propia Comisión.