“A Comisión non ten coñecemento de ningún programa en curso para inspeccionar o estado dos contedores de residuos [nucleares da Foxa Atlántica] nin de estudos sobre o seu impacto no medio marítimo”. Esa é a resposta que vén de dar o comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía, o popular español Miguel Arias Cañete, a unha pregunta formulada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda sobre a supervisión do estado en que se atopan as 140.000 toneladas de residuos radioactivos que oito países deitaron entre 1949 e 1992 en varios puntos do Atlántico fronte ás costas galegas, na denominada Foxa Atlántica.
Ao igual que o responsable de Medio Ambiente e Asuntos Marítimos, o español titular de Enerxía responde ao BNG que “a Comisión non ten coñecemento de ningún programa en curso para inspeccionar o estado dos contedores”
A finais do pasado ano, coincidindo co 35 aniversario dos últimos vertidos, este diario publicou unha ampla análise sobre o limitado ou nulo coñecemento que admiten ter sobre o estado deses bidóns unha ducia de entidades estatais e internacionais. Esa ausencia de información levou a En Marea, PSdeG e BNG a formular diversas preguntas e iniciativas no Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados e o Parlamento Europeo. Nas respostas que se foron obtendo ratificouse que ningunha administración nin organización interestatal ten en marcha ou previsto ningún programa de supervisión do estado deses bidóns e do efecto de posibles fugas.
Así o transmitiu hai uns meses o comisario de Medio Ambiente e Asuntos Marítimos, Karmenu Vella, en resposta a varias preguntas do eurodeputado socialista José Blanco, nas que admitía que a UE non coñece o estado dos residuos, non ve necesarios novos estudos sobre eles e non recibiu ningunha petición ao respecto por parte do Goberno español. Agora, en resposta ao BNG, é o responsable de Enerxía e Cambio Climático o que admite esa falta de coñecemento tanto do “estado dos contedores” como de posibles “estudos sobre o seu impacto no medio marítimo” posteriores a 2003.
Segundo varias respostas ofrecidas nos últimos meses, non está chegando radioactividade ás augas costeiras europeas, pero ninguén sabe se aqueles bidóns, os máis antigos de hai preto de 70 anos, están a ter algún efecto sobre as augas internacionais
Na súa resposta Arias Cañete salienta que os vertidos realizáronse no seu momento “fora das augas territoriais españolas”. E son precisamente esas augas internacionais as que ninguén está a vixiar. O que hai na actualidade, segundo se desprende das diversas respostas ofrecidas nos últimos meses a nivel estatal -con discrepancias entre varios ministerios- e europeo, son controis da radioactividade das augas máis costeiras o que, segundo unha resposta do Goberno central a En Marea do pasado febreiro “detectaría as posibles variacións nas concentracións de actividade nas augas españolas”, o que non se está a producir. Isto é, non está chegando radioactividade ás augas costeiras europeas, pero ninguén sabe se aqueles bidóns, os máis antigos de hai preto de 70 anos, están a ter algún efecto sobre as augas internacionais.