O BNG insta á Comisión Europea a inspeccionar os residuos nucleares vertidos fronte a Galicia

Activistas de Greenpeace entorpecendo o vertido dos bidóns en 1982 (Foto: Greenpeace / Pierre Gleizes) © Greenpeace / Pierre Gleizes

A deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, vén de instar á Comisión Europea a inspeccionar o estado dos residuos radioactivos vertidos entre 1949 e 1982 fronte ás costas galegas por oito países europeos. Miranda lembra que en 2007 a Eurocámara considerou necesario realizar inspeccións e lamenta que agora a Comisión Europea non sexa quen de dicir cando se realizou a última supervisión nin cando será a próxima, en liña coa actitude doutras varias entidades estatais e internacionais, tal e como vén relatando Praza.gal.

A eurodeputada Ana Miranda súmase ao socialista José Blanco na petición de explicacións na Eurocámara

O pasado novembro, coincidindo co 35 aniversario dos últimos vertidos, este diario publicou unha ampla análise sobre o nulo coñecemento que admiten ter sobre o estado dos residuos unha ducia de entidades estatais e internacionais. Esa situación levou a En Marea, PSdeG e BNG a formular diversas preguntas e iniciativas no Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados e o Parlamento Europeo. Na Eurocámara o socialista José Blanco xa obtivo como resposta da Comisión unha ratificación de que esta non ten coñecemento de controis dos vertidos e que o Goberno central, varios de cuxos ministerios discrepan entre si sobre quen ten a competencia, non os ve necesarios. Pouco despois, no Parlamento de Galicia os catro grupos políticos coincidiron en reclamar maior interese da Xunta e do Goberno central polo estado dos residuos. A esas iniciativas súmase agora unha nova pregunta de Miranda sobre o control dos residuos na que pide que a Comisión Europea “faga cumprir o Tratado Euratom” que obriga aos estados membros da UE a controlar a radioactividade.

“Imos ter que voltar nun novo barco Xurelo a denunciar que os residuos radioactivos seguen fronte ás nosas costas”, lamenta Miranda

Miranda critica o descoñecemento que a Comisión Europea di ter sobre o estado dos vertidos e a súa supervisión por parte dos estados membros, tal e como admitiu tanto en resposta a este diario como ao socialista Blanco. “É unha irresponsabilidade que a Comisión Europea recoñeza que participa no traballo do Comité OSPAR de control da radioactividade mariña no Atlántico norte pero non saiba cando se realizan as inspeccións”, di a nacionalista. “Imos ter que voltar nun novo barco Xurelo a denunciar que os residuos radioactivos seguen fronte ás nosas costas”, engade, en referencia ao pesqueiro galego que en 1981 e 1982 conseguiu, da man de Greenpeace, que rematasen os vertidos.

“Resulta cando menos curioso que a Comisión diga que non se revelaron aumentos significativos da radioactividade mariña ao longo de trinta anos cando o estudo que emprega para afirmalo data de hai quince anos”, sinala Ana Miranda, quen reclama á Comisión Europea que actualice os seus datos. A nacionalista remata asegurando que o BNG “quere fuxir de todo tipo de alarmismo a respecto desta cuestión, pero si considera que deben realizarse inspeccións periódicas tal e como aprobou o Parlamento Europeo en sesión plenaria o 11 de decembro de 2007”.

Ana Miranda, no seu escano do Parlamento Europeo Dominio Público BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.