Ás cero horas do vindeiro xoves, 6 de febreiro, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abre na Sede Electrónica da Xunta o prazo para solicitar o Bono Emancípate. Trátase dunha axuda de pagamento único para, di o Goberno galego, "impulsar a xente nova traballadora menor de 36 anos de idade a dar o paso cara á emancipación e apoiala nesta decisión de tanta relevancia para o seu proxecto de vida".
O 'Bono emancípate' consiste en 1.500 euros para menores de 36 que alugasen vivenda dende mediados do ano pasado e 3.000 se a mercaron, con límites de renda de 33.600 euros para unidades de convivencia e 25.200 para solicitantes individuais
A concreción desta axuda consiste nunha tarxeta virtual para persoas mozas que lograsen atopar unha vivenda de alugueiro e asinasen un contrato dun mínimo dun ano "con posterioridade ao 31 de maio de 2024" ou que, coa mesma referencia temporal, asinasen unha escritura para mercar un piso do mercado libre ou protexido. Quen arrendase e logre a axuda recibirá nesa tarxeta 1.500 euros e quen mercase, 3.000, en ambos casos para gastar en "establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración", "grandes superficies" ou "empresas de mudanzas, xestorías e notarías" con "establecemento aberto" en Galicia.
Como múltiples ordes de axudas, subvencións e bonos do Goberno galego nos últimos anos, o sistema de asignación deste bono será o da concorrencia non competitiva. É dicir, todas as persoas que cumpran os requisitos xerais da convocatoria terán que lanzarse á Sede Electrónica o máis rápido posible porque non vai existir "comparación e prelación das solicitudes". Serán aceptadas todas as que encaixen nos requisitos ata que se esgoten os cartos. No caso improbable de que o esgotamento non sexa rápido, pasarán todas as que cumpran ata o 30 de abril.
O orzamento da axuda permite repartir en torno a un milleiro de tarxetas para mercar mobles ou afrontar gastos como a mudanza. Se non é dabondo, "aplicarase como criterio de prioridade a data e a hora de presentación"
A orde de axudas para financiar este novo bono está dotada con 1,94 millóns euros. É dicir, que a Xunta pode conceder, como máximo, algo menos de 1.300 axudas nun escenario hipotético no que todas as solicitudes fosen de mozas e mozos que vivan de alugueiro. Se todas as peticións fosen de persoas que mercaron vivenda, as tarxetas repartidas non chegarían a 650. Se o número de peticións provoca que os fondos non sexan dabondo, "aplicarase como criterio de prioridade a data e a hora de presentación".
Desta maneira será irrelevante, por exemplo, a renda das persoas que opten ao bono sempre e cando non se pasen do límite anual establecido pola Consellería, que tamén fixa como requisito para optar á axuda "dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos na data da solicitude". Ese límite é de catro veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) en 14 pagas (33.600 euros) para quen faga a solicitude como unidade de convivencia e tres veces (25.200 euros) para quen solicite en solitario -con incrementos, en ambos casos, para persoas con discapacidade-.
A propia orde das axudas inclúe unha listaxe dos produtos e servizos que poden ser mercados co bono, que en todo caso caducará a final de ano. A tarxeta virtual, como outros bonos do Goberno galego, será xestionada por unha entidade financeira que recibirá 60.000 euros pola xestión.