Tras unha "corrección de erros" sobre o día no que se abre o prazo e logo de anos de mudanzas entre protestas dos afectados, o Goberno galego mantén nas 12 da noite a convocatoria para particulares e nas 12 do mediodía para concellos
Se algo non mudou nas axudas que a Xunta vén outorgando desde hai uns anos a concellos e particulares para corrección de impactos paisaxísticos é que priorizan a quen sexa máis rápido pedíndoas, isto é, se outorgan pola denominada concorrencia non competitiva ata que se rematan os cartos previstos, con independencia da calidade ou necesidade de cada actuación. Pero máis alá diso a Consellería de Medio Ambiente, que é a que as outorga a través do Instituto de Estudos do Territorio, vén corrixindo ano tras ano o procedemento en medio de protestas dos afectados.
Este ano volveuno mudar, desta volta admitindo ela mesma erros na súa primeira convocatoria, para acabar fixando a apertura do prazo de solicitude neste luns 20 de xaneiro. Pero mentres para os particulares o prazo abriu ás cero horas deste día, isto é, na medianoite do domingo ao luns, para os concellos abre ás 12 do mediodía.

Durante varios anos a Xunta convocou as axudas no DOG abrindo o prazo "ao día seguinte", o que supuña que o prazo se abría na seguinte medianoite, o que levantou sospeitas de que se pretendía beneficiar a concellos do PP supostamente coñecedores xa dos requisitos das convocatorias, cuxos cartos quedaban esgotados en cuestión de minutos. Esas convocatorias abertas na seguinte medianoite á publicación no DOG mesmo se produciron en sábado, obrigando a funcionarios municipais ou concelleiros a trasnoitar en fin de semana se querían ter algunha oportunidade de recibir uns cartos outorgados aos máis rápidos.
A Xunta foi mudando o sistema nos últimos anos e, mantendo o criterio da concorrencia non competitiva que prima a velocidade na presentación, en 2022 mudou a apertura da convocatoria aos concellos das doce da noite seguinte á publicación no DOG ás doce do mediodía, durante a xornada laboral.
Este ano o Goberno galego introduce unha nova mudanza, mesmo publicitada pola propia conselleira, Ángeles Vázquez, de xeito que o prazo non se abre ata varios días despois da publicación da convocatoria no DOG, dando así tempo aos interesados a preparar a documentación necesaria. Demostra así que non era imprescindible abrir a convocatoria ao día seguinte limitando a capacidade para concorrer ás axudas senón que se podían planificar mellor. Pero con esta mudanza cometeu un erro que ela mesma admite e tivo que rectificar.
As axudas a concellos do pasado ano quedaron esgotadas aos 9 minutos e 9 segundos de abrirse o prazo
As convocatorias das axudas tanto para concellos como para particulares publicáronse no DOG o venres 9 de xaneiro, pero mentres nas segundas o prazo de presentación fixouse aos 7 días hábiles a partir daquela publicación, nas dos concellos establecéronse "7 días naturais". Este mércores a Xunta acabou publicando unha corrección de erros no DOG para sinalar que tamén para os concellos serían "7 días hábiles", pero a partir da publicación orixinal, non da nova corrección.
Ante as posibles dúbidas xeradas cos prazos, a propia conselleira salientou que a data de presentacións para os dous casos será "a partir do vindeiro día 20 de xaneiro". Pero mentres os concellos ven aberto o seu prazo ás 12 do mediodía dese día, para os particulares é na medianoite anterior do domingo 19 ao luns 20. Nos dous casos, quen non se dea présa en presentar a solicitude pode quedar sen ela. As do ano pasado destinadas a concellos quedaron esgotadas aos 9 minutos e 9 segundos de abrirse o prazo.