A máxima do "país de propietarios" referida á vivenda séguese a cumprir amplamente en Galicia. Non en van, tres de cada catro fogares galegos son vivendas en propiedade. Así e todo, nesa realidade estrutural comezan a rexistrarse variacións significativas nun contexto de crecentes dificultades para o acceso á vivenda para esoutra, aínda cativa pero crecente, cuarta parte da poboación que non é parte do propietariado.
Na fin do pasado ano apenas un 13% dos fogares estaban a pagar pola primeira vivenda, o mínimo da serie histórica
Os datos máis recentes da Enquisa Conxutural a Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE), actualizados nos primeiros días do novo ano, revelan un significativo fenómeno dentro da parte da poboación que se atopa en proceso de ser, a todos os efectos, propietaria dunha vivenda. En apenas un 13% dos fogares está a pagarse actualmente unha hipoteca pola primeira vivenda, un decrecemento de máis de dous puntos nun só ano e o mínimo da serie histórica, que principia en 2010.
Lonxe dos niveis da gran recesión, no que os anos da burbulla crediticia mantiña máis dun 20% dos fogares galegos con hipotecas de primeira vivenda, o que si medra levemente nos últimos tempos é o endebedamento para adquirir segundas vivendas, se ben continúa sendo minoritario. Nesa situación atópase apenas un 3% dos fogares de Galicia.
Antes da gran recesión algo máis do 10% dos fogares galegos pagaba alugueiro, dez puntos menos dos que tiñan hipotecas. Agora os arrendados xa son máis
Estes datos son aínda máis significativos ao comparármolos con outros: a porcentaxe de fogares que deben atender cada mes gastos de alugueiro. Aínda que a serie do IGE que analiza e compara anualmente esta variable aínda non foi actualizada para 2024, a súa evolución acredita unha clara tendencia. No inicio da serie estatística, que neste caso se remonta a 2007, a porcentaxe de fogares con gastos de alugueiro era practicamente a metade da proporción dos que estaban hipotecados, un 10% fronte a un 20%.
Ambas liñas foron tendendo a converxer ata que en 2022 se cruzaron. Así, o pasado 2023 a proporción de fogares con gastos de arrendamento de vivenda xa superaba por segunda vez a dos fogares con hipoteca: 16,15% fronte a 15,88%.
Á espera de coñecer se os datos de 2024 confirman ou non a tendencia, o que xa é innegable é que se produce nun contexto de incremento sostido dos prezos do alugueiro mentres cada vez máis poboación ten que recorrer a el. Outra volta no propio IGE é posible observar como o alugueiro medio encareceu dende 2007 case un 50% nos concellos onde reside a maior parte da poboación, as principais cidades. Nas vilas máis poboadas a suba supera amplamente o 40%.
Mentres, mesmo tendo en conta as alzas no último cuatrienio ao compás dos incrementos dos tipos de xuro, os prezos das hipotecas son agora semellantes aos dos últimos anos da burbulla. Concretamente, a hipoteca media nas principais cidades de Galicia roldaba no remate de 2023 os 493 euros mensuais -o dato de 2024 tampouco está dispoñible polo momento-, un importe moi semellante aos 499 de 2007. Nas vilas máis poboadas os 453 euros de 2023 supuñan apenas un 1,5% máis da cota media de 16 anos antes.
Traducido a euros contantes nas economías dos fogares cada mes, sempre segundo os datos da oficina estatística galega, a finais da primeira década deste século pagar unha hipoteca saía nas cidades galegas, de media, uns 180 euros máis caro que vivir de alugueiro. Isto é, implicaba desembolsar case 2.200 euros máis ao ano.
A comezos de século a hipoteca media nas cidades galega era uns 2.200 euros anuais máis cara que o alugueiro. Agora a diferenza é de apenas 400 euros ao ano
Esa diferenza foise reducindo ano a ano e a información máis recente indica que agora un arrendamento de vivenda sae na Galicia urbana, de media, apenas 40 euros menos caro cada mes a respecto dunha hipoteca. No caso das vilas máis poboadas, a diferenza na contorna do ano 2007 tamén se aproximaba aos 180 euros e actualmente rolda os 70.
Mentres que os datos do IGE apuntan a esta converxencia entre prezos, outras fontes oficiais coma o Observatorio da Vivenda de Galicia xa apuntan a que, especialmente nas áreas urbanas, o alugueiro medio xa é máis caro cá hipoteca galega media. Así, por exemplo, na Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago o pasado 2024 segundo este indicador o alugueiro medio superaba os 600 euros mentres que a hipoteca media en Galicia estaba arredor dos 579.