O acordo polo que o Goberno de España desistirá do seu recurso ante o Constitucional compromete ao Goberno galego a promover unha nova reforma legal, a décima en trece anos, e a aplicala respectando a competencia estatal de coordinación sanitaria
O Boletín Oficial del Estado (BOE) e o Diario Oficial de Galicia (DOG) deste martes 21 de setembro publican o acordo ao que chegaron a Xunta e o Goberno de España para que o segundo desista do recurso que presentou ante o Tribunal Constitucional contra a reforma da Lei de Saúde de Galicia aprobada en febreiro que permite o “sometemento” de persoas “a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación”.
O acordo establece que agora a Xunta impulsará unha nova reforma legal, a décima da Lei de Saúde, para establecer expresamente que esa medida “entenderase sen prexuízo do carácter voluntario da vacinación” e aplicarase respectando a competencia estatal de coordinación sanitaria.
Entre reclamacións do PP ao Goberno de España dunha “lei de pandemias” coa que ao seu ver se loitaría mellor contra a COVID-19, o pasado febreiro os populares aprobaron en solitario no Parlamento de Galicia a novena reforma da Lei de Saúde de Galicia de 2008. Nela estableceuse entre outras cuestións que as autoridades sanitarias poderían decidir, “para o control das persoas enfermas, das persoas que estean ou estivesen en contacto con elas e do ambiente inmediato, así como as que se consideren necesarias no caso de risco de carácter transmisible”, medidas como o “sometemento a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización, con información, en todo caso, dos posibles riscos relacionados coa adopción ou non adopción destas medidas”.
Un mes máis tarde o Goberno de España recorría esa e outras disposicións ao Tribunal Constitucional, o que automaticamente suspendeu a súa aplicación, e posteriormente abriuse unha negociación entre os dous executivos para intentar resolver as discrepancias sen agardar a que o tribunal se pronunciase nun tempo indeterminado.
O acordo evitará que o Constitucional sentencie sobre o conflito entre os dous gobernos tras dicir en xullo sobre o resto de disposicións da lei que deben ser avaladas pola xustiza se afectan a dereitos da cidadanía
Polo medio, o que si fixo o Constitucional o 23 de xullo foi pronunciarse sobre a suspensión cautelar automática que supuxo o mero recurso do Goberno central e mantivo nela só o artigo referente á vacinación por considerar que podería “provocar prexuízos certos e efectivos que poden resultar irreparables”, pero permitiu que se comezasen a aplicar o resto de artigos previamente suspendidos que fan referencias a medidas como o illamento domiciliario, o control de persoas infectadas ou dos seus contactos ou o confinamento perimetral de zonas xeográficas. Nese casos, dixo o Constitucional, as medidas que afectan a dereitos, antes e despois da reforma legal, deben ser ratificadas pola xustiza, polo que nada mudou o texto legal galego a ese respecto.
Centrado o obxecto do conflito no artigo sobre a vacinación obrigatoria, unha semana despois dese último pronunciamento cautelar do Constitucional a Xunta anunciaba que as negociacións co Goberno central para evitar unha sentenza definitiva deran como resultado a súa disposición a corrixir a lei para deixar claro que non pode obrigar a vacinar.
O texto dese acordo acadado hai dous meses é o que agora fan público a Xunta e o Goberno de España no DOG e o BOE. Nel dise que a Xunta “promoverá unha iniciativa lexislativa”, a décima reforma da Lei de Saúde, para introducir nela unha disposición adicional que diga que a medida de “sometemento” a vacinación “entenderase sen prexuízo do carácter voluntario da vacinación con carácter xeral e aplicarase sempre de acordo co establecido para cada patoloxía pola Administración xeral do Estado no exercicio das súas competencias de coordinación xeral da sanidade, na estratexia nacional de vacinación que estea vixente en cada momento e no marco do que se determine polo Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde”.
A disposición tamén dirá que “as campañas articularanse sobre o principio de colaboración voluntaria das persoas afectadas coas autoridades sanitarias e estas ofrecerán información, en todo caso, dos posibles riscos relacionados coa adopción ou non adopción destas medidas”. Ademais de obrigar a introducir ese texto na lei, o acordo entre Xunta e Goberno de España tamén indica que o Goberno galego aplicará esas medidas “ao abeiro do que ao respecto dispoña en todo momento a lexislación orgánica de invocación e a xurisprudencia establecida sobre a interpretación desta, e con respecto ás competencias estatais sobre as bases e a coordinación xeral da sanidade”.
A ratificación por escrito por parte da Xunta de que a vacinación é voluntaria chega con máis do 93% da poboación diana a vacinar contra a COVID xa con cando menos unha dose
Ata chegar a este punto no que a Xunta admite poñer por escrito que a vacinación é voluntaria, o presidente Feijóo viña defendendo que non era necesario e que a reforma da lei galega só prevía a obrigatoriedade para o caso de que no futuro a lexislación estatal así o contemplase.
Agora a aprobación efectiva desta nova reforma legal, unha vez que a promova a Xunta, quedará pendente do calendario do Parlamento de Galicia. Chegará con máis do 93% da poboación diana vacinable contra a COVID-19 -actualmente as persoas maiores de 12 anos- con xa cando menos unha dose administrada, cifra reveladora do ampla aceptación da vacinación por parte da poboación galega.