Outras dúas multas a Monbus ratificadas pola xustiza por usar buses escolares distintos dos comprometidos

Un autobús de Monbus nunha imaxe de arquivo © Monbus

A Consellería de Educación sancionou a empresa con 9.000 euros por incumprimentos en dous contratos de máis de dous millóns de euros

O 21 de novembro foron dúas sentenzas por 22.000 euros, o 12 de xaneiro outra por 10.500 euros, o 19 de xaneiro outra por 8.500 euros e agora veñen de facerse públicas outras dúas resolucións xudiciais, do 1 e do 8 de marzo, por 7.000 e 2.000 euros. Son as sentenzas das que hai constancia ata agora do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nas que este vén avalando diversas sancións da Consellería de Educación a empresas do grupo Monbus por incumprimentos contractuais no transporte escolar. 

As penalidades xa suman 50.000 euros e inclúen empregar buses distintos dos comprometidos, máis antigos, máis contaminantes ou rexistrar demoras reiteradas. Os incumprimentos foron detectados a comezos de 2022, ao pouco de entrar en funcionamento os 57 contratos cos que Educación reorganizou a finais de 2021 o transporte escolar en toda Galicia. Hai uns meses, cando eses contratos por dous anos estaban a piques de rematar e Educación podía convocar un novo concurso, a consellería decidiu prorrogalos -tamén nos que Monbus incumpriu condicións- dous anos máis argumentando que funcionan "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais".

Román Rodríguez e Ethel Vázquez, anteriores responsables do transporte escolar en Galicia, competencia agora transferida á Consellería de Presidencia de Diego Calvo CC-BY-SA A conselleira de Mobilidade e o conselleiro de Educación nun acto sobre o transporte escolar

As dúas primeiras sentenzas emitidas a finais do pasado ano polo TSXG sobre incumprimentos en contratos do transporte escolar (os lotes números 9 e 25) controlados por Monbus avalaron multas de Educación que sumaron arredor arredor de 22.000 euros por seis incumprimentos graves e catro leves. Foron por non empregar no servizo os vehículos que comprometera no concurso convocado pola Xunta, por usar autobuses máis antigos ou máis contaminantes do asinado e por non realizar ou demorar servizos concretos en varias xornadas, feitos que a empresa non negou.

Nunha anterior sentenza o TSXG chegou a dicir que a infracción "obedece a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato"

A comezos deste ano o TSXG emitiu outras dúas sentenzas sobre outros dous contratos (lotes números 50 e 51) que avalaron sancións da Xunta que suman outros 19.000 euros por catro infraccións graves e dúas leves. En cada un dos lotes houbo dúas infraccións graves por empregar vehículos máis antigos e contaminantes do comprometido e unha infracción leve por non empregar os vehículos concretos que se asignaran ao contrato. 

Neste caso as infraccións leves foron graduadas economicamente dentro do seu rango máis alto polo elevado volume de incumprimento con respecto á totalidade do contrato, de xeito que se a empresa comprometera 27 vehículos concretos en cada un dos dous lotes, nun o incumprimento rexistrouse en 22 buses e noutro en 20. O TSXG chegou a dicir que a infracción "obedece a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Agora as novas sentenzas que vén de facer públicas o TSXG, emitidas o 1 e o 8 de marzo, son relativas aos lotes 46 e 37, os dous adxudicados a unións temporais de empresas controladas por firmas do grupo Monbus e con contratos asinados polo propio Raul López. No seu momento a Xunta estimou o importe dos dous contratos para dous anos de funcionamento en 1.580.000 e 540.000 euros, mentres que as sancións agora ratificadas son de 7.000 e 2.000 euros respectivamente.

As infraccións agora ratificadas pola xustiza producíronse no transporte de centros escolares de Redondela e Ourense e xunto con outras previas noutras zonas suman xa 50.000 euros de penalizacións

No caso do lote 46, as sancións son por incumprimentos detectados os días 23 e 24 de maio de 2022 no transporte escolar na zona de Redondela, nos IES de Chapela, Pedro Floriani e Mendiño. Foron sancións impostas por empregar vehículos con máis antigüidade e máis contaminantes do que a empresa comprometera no concurso público que gañou. 

No caso do lote 37, as sancións son por incumprimentos detectados os días 25, 26 e 31 de maio en Ourense, no Centro de Educación Especial (CEE) Miño, o CEIP Ramón Otero Pedrayo e o IES Julio Prieto Nespereira, "por adscribir vehículos distintos dos comunicados para a execución das rutas".

Nos dous casos o TSXG remítese aos seus pronunciamentos previos de finais do pasado ano e comezos deste para desestimar cos mesmos argumentos os intentos da empresa de anular as sancións por motivos formais, xa que non negaba a realidade dos incumprimentos. Ademais, o TSXG condenou a empresa a asumir costas xudiciais por 3.000 euros.

As infraccións agora ratificadas pola xustiza producíronse no transporte de centros escolares de Redondela e Ourense CC-BY-SA Xunta de Galicia

O pasado novembro, ao tempo que a Xunta estaba a defender ante a xustiza que Monbus incumprira cando menos seis dos 57 contratos de transporte escolar que se adxudicara en 2021, Educación decidiu prorrogar o total dos 57 contratos, incluídos os sancionados por incumprimentos. Malia que tamén se produciran protestas da comunidade escolar por diversas eivas e outros expedientes sancionadores, Educación argumentou que o servizo estaba a funcionar "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.