O TSXG rexeita parar cautelarmente o expediente sancionador a Monbus e Alsa por repartirse o mercado

Autobuses de Monbus nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Praza.gal

O tribunal desbota os argumentos das dúas empresas sobre o dano económico que lles suporía e lembra que os intereses xerais están por riba dos particulares

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar, con dous autos emitidos o 29 de maio e o 3 de xuño, paralizar cautelarmente os expedientes sancionadores que a Xunta ten abertos por orde do propio tribunal contra Monbus e Alsa por repartirse o mercado. Os maxistrados desbotan por hipotéticos os argumentos das dúas empresas sobre o dano económico que lles suporía unha futura sanción e lembran que os intereses xerais que debe defender a administración están por riba dos particulares esgrimidos polas compañías.

Auto do TSXG que desestima a petición de Monbus de paralizar cautelarmente o seu expediente sancionador por repatirse o mercado con Alsa CC-BY-SA Praza Pública

O pasado outubro o Tribunal Supremo fixo firme unha sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que constatou que Monbus e Alsa repartíronse o mercado no concurso público que a Xunta convocou en 2020 para renovar as liñas de transporte público interurbano. A xustiza obrigou á Comisión Galega da Competencia, nomeada pola Xunta e presidida polo popular Ignacio López-Chaves, a incoar un expediente sancionador. As dúas empresas presentaron primeiro recursos administrativos tentando parar ese expediente con argumentos como que o proceso dana a súa reputación, pero Competencia da Xunta respondeu que non pode incumprir unha sentenza firme. 

Tras esa resposta administrativa, as dúas empresas presentaron recurso xudicial ante o TSXG reclamando a anulación do acordo de Competencia que iniciou o expediente sancionador. E mentres o tribunal analiza o fondo das súas reclamacións, pediron tamén a suspensión cautelar do expediente, que é o que agora rexeita o tribunal.

Alsa argumentou que a sanción "podería ascender a un importe superior aos 3,8 millóns de euros, o que poría en risco a viabilidade da compañía", pero o TSXG di que ese posible dano futuro "é irreal" actualmente

No caso de Alsa, segundo o auto do TSXG que lle dá resposta, a empresa argumentou como danos que sufriría se o expediente segue en marcha que a sanción que se lle podería impoñer "podería ascender a un importe superior aos 3,8 millóns de euros, o que poría en risco a viabilidade da compañía e a súa actividade comercial ordinaria". 

"A multa baleiraría a tesourería da empresa, o que deixaría sin liquidez para poder afrontar as súas obrigas", esgrimiu a empresa, que supón tamén que "seguramente se lle impoña ademais unha prohibición temporal para contratar coas Administracións Públicas, o que implicaría un límite relevante para desempeñar a súa actividade". Ademais, insistiu en argumentos previos como que o procedemento sancionador vaille supoñer "elevados gastos para poder defenderse" e que va ter "un dano reputacional".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

O TSXG desbota eses argumentos como válidos para acordar unha medida cautelar de suspensión do expediente porque lembra que a posible suposta multa futura "é irreal ao día da data, ao igual que os supostos danos reputacionais". Segundo o tribunal, para que continúe o procedemento sancionador hai "un interese público xeral de cumprimento das funcións ordenadoras do mercado", e remite ao que poida decidir na súa "análise de fondo da cuestión, polo que todas esas alegacións deberán ser obxecto da resolución principal do procedemento" e non dan pé a adoptar ningunha suspensión cautelar. 

A Monbus o TSXG lémbralle que "a decisión de incoar o procedemento sancionador foi imposta por esta sala na súa sentenza firme"

No caso de Monbus, o auto do TSXG lembra que "a decisión de incoar o procedemento sancionador foi imposta por esta sala na súa sentenza firme". Tamén salienta que "o acordo de incoación [de Competencia] limitouse a ordenar que se instrúa aquela procedemento pero sen que impuxese medida cautelar, que sería a única susceptible de causar un dano ou prexuízo efectivo digno de suspensión".

O Tribunal salienta o interese público de que o procedemento sancionador continúe o seu curso "xa que a potestade sancionadora non é un privilexio que se conceda ás administracións públicas, senón o instrumento normal para o cumprimento dos seus fins". Nesa liña, di o TSXG en resposta a Monbus, "non son máis dignos de protección os intereses da imputada en evitar a instrución do procedemento, senón os xerais en que se dea a debida resposta fronte á posible comisión dunha infracción e en que se evite o mantemento da impunidade". 

Nos dous casos o TSXG condena ademais a cada empresa a asumir 150 euros de costas procesuais. Agora o tribunal queda pendente de resolver sobre o fondo da cuestión, se anula o expediente sancionador de Competencia que o propio tribunal ordenou abrir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.