Varias sentenzas consideran que a multinacional inflou o número de traballadores que debía subrogar outra firma que se fixo cunha das liñas que operaba
Arriva Noroeste, filial da multinacional alemá de transporte de viaxeiros Deutsche Bahn, que prestaba o servizo público regular de autobuses na Mariña lucense ata que en 2017 o perdeu a mans doutra firma máis pequena, comunicou daquela á Xunta e á empresa que a sucedeu un número de traballadores adscritos a ese servizo, e que polo tanto debían ser subrogados pola nova concesionaria, moi superior ao real. Así o reflectiron nos últimos meses varias condenas xudiciais que obrigaron a que fose Arriva quen asumise eses traballadores e non a nova concesionaria. E así o sinala unha nova sentenza emitida o pasado 25 de setembro polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula a decisión da Xunta de rescindir o contrato á segunda firma por non aceptar facerse cargo de tanto persoal como pretendía Arriva, “interesada en desprenderse de traballadores”, segundo a sentenza.
No longo proceso de reestruturación de todas as liñas de bus interurbano de Galicia que está a desenvolver a Xunta, Arriva Noroeste perdeu en 2017 os servizos que viña prestando na Mariña lucense a mans dunha Unión Temporal de Empresas (UTE) de dúas empresas máis pequenas (Autos Morán e Autocares Rodríguez Domínguez). Nese proceso de reestruturación de liñas os sindicatos conseguiron que a Xunta establecese que, cando houbese cambio de concesionarias, os traballadores que viñan prestando os servizos en cuestión fosen asumidos polas novas adxudicatarias, para o que as anteriores empresas debían comunicar o persoal concreto adscrito a ese servizo.
Arriva Noroeste, cuxo gabinete de comunicación foi consultado por este diario pero non quixo realizar comentarios, comunicou á Xunta e á nova concesionaria un número moi superior de traballadores dos que realmente prestaban o servizo, e a nova empresa negouse a asumilos a todos abrindo así un conflito a varias bandas entre as dúas empresa, a Xunta e os traballadores, unha ducia dos cales quedaron durante meses nun limbo laboral.
Arriva, di o TSXG, “certificou un número maior de traballadores adscritos á concesión dos que en realidade se declarou probado que estaban realmente adscritos”
Tras levar varios traballadores os seus casos aos xulgados, nos últimos meses o TSXG emitiu varias sentenzas obrigando a Arriva a asumir a parte dese persoal que segundo os datos que facilitara á Xunta debían pasar a mans da nova UTE. Nunha sentenza do pasado febreiro o TSXG ratificou que segundo as condicións do novo concurso debían ser subrogados pola nova empresa adxudicataria o 25% dos traballadores que prestaban servizo para Arriva na anterior concesión, que foi dividida en varias máis pequenas. Arriva comunicou que a anterior concesión contaba con 50 traballadores, polo que a nova adxudicataria debía asumir a 13. Porén, o TSXG considera probado que realmente o total de empregados eran 20 e que polo tanto só debían ser subrogados 5. Arriva, di o TSXG, “certificou un número maior de traballadores adscritos á concesión dos que en realidade se declarou probado que estaban realmente adscritos”.
Arriva intentou facer pasar por persoal ligado á liña que viña de perder a unha técnica que realizaba tarefas contables xerais
Segundo outra sentenza do mesmo TSXG do pasado decembro, Arriva mesmo intentou facer pasar por persoal adscrito á liña de transporte en cuestión, para que así fose asumido pola nova adxudicataria, a unha técnico financeira que traballaba “para os servizos centrais” da empresa e que polo tanto “non é persoal subrogable ou asumible pola nova concesionaria”.
Arriva, di esa outra sentenza, “non probou que a traballadora demandante estivese adscrita ao servizo ou liña adxudicada á UTE nin a ningún servizo específico relacionado coa mesma, senón que como persoal de xestión financeira, era a encargada de realizar tarefas contables e financeiras da empresa Arriva, con carácter xeral”.
A Xunta dubidou dos datos de Arriva e denunciouna ante o Consello Galego da Competencia, que lle abriu un expediente, pero igualmente rescindiu a concesión á nova UTE, decisión que agora revoca o TSXG
Cando Arriva comunicou á Xunta que a nova UTE debía facerse cargo de 13 traballadores, esta negouse e só asumiu a 5. A Xunta dubidou dos datos que lle estaba a dar Arriva, cun certificado sobre os traballadores a subrogar do que dixo que "non se corresponde" con outros datos da empresa ou co recabado coas súas inspeccións. Pero á espera de que se puidese demostrar a súa falsidade anulou a concesión á nova UTE por non cumprir a obriga establecida nos pregos de condicións de asumir o persoal. Porén, permitiu que a UTE seguise a prestar o servizo, ata a actualidade, á espera de que a finais deste ano se resolva o concurso definitivo sobre esa e o resto de liñas de toda Galicia que están a ser reestruturadas.
En todo caso, a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta denunciou a posible comisión por parte de Arriva dunha infracción contra a libre competencia ante o Consello Galego da Competencia, que abriu un expediente no que segundo fontes autonómicas estableceu de xeito indiciario que a empresa facilitou datos erróneos pero que aínda non se concretou nunha sanción firme.
Pola súa banda, a nova UTE querelouse contra Arriba por delitos de falsificación de certificado, estafa, alteración de prezos en concurso público e contra os dereitos dos traballadores, causa que aínda non foi resolta. Ao tempo, recorreu tamén xudicialmente contra a decisión da Xunta de retirarlle formalmente a concesión, causa que vén de ser resolta o pasado 25 de setembro dándolle a razón. Na sentenza o TSXG recolle un ditame do Consello Consultivo de Galicia que xa se pronunciaba de xeito desfavorable á decisión da Xunta de retirarlle a concesión sinalando que Arriva identificou como traballadores a subrogar a “un importante número que non cumpría cos requisitos para a súa subrogación”. Esa última sentenza do TSXG reflicte como a empresa saínte “non cumpriu” coa súa obriga de proporcionar a información correcta sobre o persoal a subrogar “estando Arriva interesada en desprenderse de traballadores”.
A Xustiza tamén anulou unha sanción imposta por Arriva a un representante sindical por dicirlle ao director xeral da empresa "estasnos estafando"
Durante este tempo, a Xustiza tamén anulou unha sanción de suspensión de emprego e soldo durante 15 días que Arriva impuxo a un traballador, representante sindical, por protestar contra o xeito en que a empresa estaba a xestionar a perda da concesión. “Estasnos estafando”, di a sentenza que lle dixo o representante sindical ao director xeral da empresa, frase que os xuíces non consideran que sexa, no contexto da reunión laboral, unha falta de respecto tal como para ser sancionada como o fixo Arriva.