Xustiza e Xunta pescudan se a empresa de buses Arriva mentiu para desfacerse de traballadores

Juan Manuel Gómez Piña, director xeral de Arriva en Galicia, á esquerda na presentación en xullo da nova imaxe da empresa © OCTO

No recente concurso convocado pola Xunta para reestruturar diversas liñas de autobús en toda Galicia a empresa Arriva Noroeste, filial galega da multinacional do transporte de viaxeiros, perdeu a mans de Autos Morán, con sede en Mondoñedo, o servizo que viña prestando na Mariña lucense. O Goberno galego estableceu que, cando houbese cambio de concesionarias, os traballadores que viñan prestando os servizos en cuestión fosen asumidos polas novas adxudicatarias. Porén, Morán rexeitou asumir todos os empregados que lle remitiu Arriva argumentando que o listado elaborado por esa empresa estaba inflado, o que deixou a unha ducia de traballadores nun limbo legal despois de que a multinacional os dese de baixa. Agora, ademais das accións iniciadas polos propios empregados, a Xustiza vén de admitir a trámite unha querela de Morán contra Arriva e o Goberno galego di que o documento co que a empresa comunicou os traballadores a transferir “non se corresponde” co reflectido noutra documentación da propia firma.

O cambio de concesionaria na Mariña lucense tras o concurso convocado pola Xunta deixou unha ducia de empregados nun limbo legal

No concurso convocado o pasado verán polo Goberno galego para reformular liñas de bus nun total de 41 zonas de Galicia, motivado por unha condena previa do Tribunal Supremo contra a Xunta e que desembocou nunha folga que o propio Feijóo considerou un peche patronal, cada empresa só podía aspirar a un máximo de dez contratos. Das empresas que xa estaban a operar previamente nesas zonas, a principal gañadora foi Monbus, que obtivo o máximo de dez contratos, seguida por Arriva, que obtivo tres concesións no norte das provincias da Coruña e Lugo, área na que xa viña traballando (A Coruña-Lugo, Betanzos/Eume e Lugo noroeste e Terra Cha). Porén, Arriva non foi quen de gañar o contrato correspondente á zona da Mariña lucense, na que ela era a anterior adxudicataria pero que tras o concurso foi parar á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Autos Morán e Autocares Rodríguez Domínguez.

A Xunta impuxo a condición de que, cando cambiase a concesionaria, a nova subrogase os traballadores que viñan prestando para a vella eses mesmos servizos. Foi nese contexto no que o director xeral de Arriva Noroeste, Juan Manuel Gómez Piña, remitiu ao Goberno galego un documento no que “certifica” que unha ducia de condutores que traballaban nas liñas que cambiaran de concesionaria debían ser subrogados por Morán.

A Xunta ameazou a Morán con retirarlle a concesión se non contrataba os despedidos por Arriva pero agora admite que a información que lle deu este non era correcta

Arriva deu de baixa os traballadores pero Morán non deu de alta a todos senón a unha parte argumentando que estes realmente non realizaban para a primeira empresa eses servizos, que eran prestados por moitos menos empregados. Os traballadores quedaron nun limbo legal, inicialmente sen poder sequera cobrar o paro ata que mediou a Xunta. Esta tamén abriu un expediente a Morán coa ameaza mesmo de retirarlle a concesión e devolverlla a Arriva, mentres os sindicatos denunciaban o que consideraban unha manobra desta empresa para desfacerse de empregados sen ningún custo.

Ante esta situación Morán presentou unha querela contra Arriva, que agora vén de ser admitida a trámite, polos delitos de falsificación de certificado, estafa, alteración de prezos en concurso público e contra os dereitos dos traballadores. Ao tempo, o expediente aberto pola Xunta contra Morán deu a volta e as probas recollidas polo Goberno galego avalan a versión da nova adxudicataria, que seguirá a prestar o servizo.

Varias fontes consultadas atribúen o problema de base do actual conflito a erros dos pregos de condicións elaborados no seu momento pola Xunta cando sacou a concurso o servizo

A Xunta di que o certificado de Arriva co listado de traballadores posto en cuestión por Morán “non se corresponde” con outros documentos sobre esas mesmas liñas de transporte facilitados pola propia empresa. Ademais, segundo fontes consultadas por este diario, inspectores da Xunta comprobaron nos sistemas informáticos de xestión do transporte que condutores aos que Arriva atribuía a prestación dos servizos que cambiaron de concesionaria había meses que non traballaran neles.

A Xunta non aclara se vai tomar algunha medida contra Arriva e salienta que a súa prioridade é que os traballadores volvan traballar. Mentres, diversas fontes consultadas indican que o problema de base do actual conflito está nos erros que presentaban os pregos de condicións elaborados no seu momento pola Xunta cando sacou a concurso o servizo.

Este diario púxose en contacto co gabinete de comunicación de Arriva para pedirlle a súa versión dos feitos pero esta rexeitou facelo.

Certificado presentado presentado por Arriva ante a Xunta que esta di que "non se corresponde" con outros documentos da empresa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.