Raúl López, as mil liortas xudiciais do rei dos autobuses

Sede de Monbús, no polígono da Louzaneta de Lugo © Google

A Raúl López gústalle cultivar a imaxe de home feito a si mesmo. Na súa biografía abondan episodios que alimentan esa lenda. A do neno de aldea que mamou o negocio do transporte na casa cando o seu pai empezou a mover viaxeiros polas estradas lucenses nunha camioneta tras a Guerra Civil. Hoxe aquela pequena empresa familiar, Monbus, controla aproximadamente o 60% das rutas por estrada en España con máis de 2.000 autobuses e unha facturación que supera os 100 millóns de euros. Pero o seu conglomerado, que se estende por varios países e xestiona pazos de congresos, servizos municipais e centos de liñas de transporte escolar vese agora ameazado polos sumarios de corrupción nos que aparece implicado López, detido en Sanxenxo en marzo con 60.000 euros en billetes, diñeiro negro que ía entregar a unha familia de hostaleiros das Rías Baixas.

O empresario lucense que xestiona o 60% das rutas de autobús de España está implicado en diferentes sumarios de corrupción que ameazan o seu emporio

Durante as últimas dúas décadas todo foi como a seda para o imperio Monbus: fusións, compras de compañías nacionais e estranxeiras adoito apadriñado por institucións públicas... E caixas de aforros dispostas a soltar diñeiro fácil, ata o punto de acompañar á sociedade nalgunhas aventuras como accionistas. En 2001 adquiriu a galega Castromil; en 2008 pagou 61 millóns pola Hispano Igualadina, unha das firmas con máis tradición do sector. A expansión cara a Europa empezara anos antes cando adquiriu a alemá Deustsche Touring e un holding de 32 sociedades agrupadas en Eurolines. Aqueles anos ninguén tusía a López, que sempre presumiu de boas compañas: alternou indistintamente con dirixentes do PSOE e do PP.

O fraguismo apadriñouno como un empresario amigo ata que o PP perdeu as eleccións en Galicia e se achegou a José Blanco, lucense coma el, que chegou a ministro de Fomento. López fixo migas despois con Alberto Núñez Feijóo cando este se converteu en presidente da Xunta. A medida que aumentaba a súa conta de resultados, as súas relacións políticas e económicas con partidos de distinta cor e o respaldo das caixas de aforros, o empresario empezou a preocuparse tamén polo recoñecemento social. Investiu no Breogán de Lugo, do que se fixo presidente para levalo á máxima categoría do baloncesto. En 2010, cansado de tentalo, saltou á dirección do seu club rival, o Obradoiro de Santiago, nun dos poucos traspasos de presidentes que se lembran no deporte español. E logrou tamén colocarse como representante da Universidade de Santiago no Consello Económico e Social, órgano consultivo do Goberno galego.

Así ía construíndo o seu mito o rei dos autobuses, pero as súas chamadas telefónicas cruzáronse coas dalgúns políticos galegos que estaban a ser investigados por corrupción na trama Pokémon. O Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) puxo a lupa en 2014 sobre un contrato de tres subministracións de autobuses con cargo a fondos europeos no Concello de Santiago por máis de 400.000 euros a unha empresa que o SVA vinculaba con Raúl López: Talleres La Campiña. As escoitas telefónicas captaron a un concelleiro do PP, Albino Vázquez Aldrey, encarcerado meses despois, preguntando a López que criterios debía incluír no prego do concurso. Os investigadores sospeitaron desa adxudicación: as outras dúas ofertas foron rexeitadas porque os seus vehículos "non cumprían coa altura mínima ou o radio de xiro". Axentes do SVA viron niso outro "indicio dun concurso feito á medida dun dos ofertantes, adaptándoo ás características do seu produto", segundo escribiron nun informe remitido á titular do Xulgado de Instrución 1 de Lugo, Pilar de Lara, convertida xa daquela en látego contra a corrupción.

Foi detido en marzo de 2015 con 60.000 euros en billetes que procedían do pagamento en negro de excursións de xubilados, segundo Vigilancia Aduaneira

De Lara e Vixilancia Aduaneira volveron cruzarse na vida de Raúl López o 18 de marzo de 2015. Os axentes arrestárono ese día mentres entregaba 60.000 euros nun restaurante de luxo de Sanxenxo a unha familia de hostaleiros. Permaneceu detido máis de 72 horas e tras pagar 20.000 euros de fianza para evitar a prisión o empresario dos 2.000 autobuses asegurou á prensa: "Puido haber algunha irregularidade administrativa pero xa está aclarada". O segredo de sumario desa operación, bautizada como Cóndor e na que se arrestou dez persoas máis, vén de ser erguido. A López investígaselle pola súa relación con delitos fiscais e contables, branqueo, falsidade, tráfico de influencias e suborno. Os investigadores sospeitaban que López se repartía con empresarios locais diñeiro en negro que saía das excursións turísticas de xubilados.

Agasallos e pagos a cargos do Exército

De Lara investiga os seus agasallos a cargos de Defensa para facerse con adxudicacións de transporte do Exército

As escoitas destaparon moito máis: presuntos subornos a cargos do Exército para obter concesións do Ministerio de Defensa para trasladar á brigada de paracaidistas do Exército de Terra. Foi o propio xenro de Raúl López, Rafael Casqueiro, segundo o sumario, o que se encargou de xestionar o agasallo do servizo de autobuses para a voda da filla do xefe de Estado Maior da Bripac, o tenente coronel Luis Cortés, cun futbolista da canteira do Real Madrid. Cando a xuíza preguntou se tiña algo que ver coas concesións do transporte, un cargo do Exército que mediou na operación asegurou que Monbus non cobrou nada polo transporte, xa que lle interesaba "facer publicidade" dos seus autobuses no evento.

Os investigadores sospeitan que López tamén tentou subornar con medio millón de euros o presidente da Federación Española de Baloncesto, José Luis Sáez, antes de facerse cos traslados dos equipos durante o Mundial de Baloncesto que se celebrou en Madrid en 2014. E que Monbus tivo acceso ás ofertas das súas competidoras neste concurso para melloralas e asegurarse a concesión nun consorcio onde tamén estaban Alsa e Globalia. O contrato para pasear á Orquestra Sinfónica de Galicia tamén está en dúbida, como a forma en que Gerardo Díaz Ferrán foi traspasando sociedades e concesións cando o monopoly do presidente da patronal empezaba a desmoronarse, antes de que acabase en prisión.

Nun dos seus contratos privados, López e Díaz Ferrán falsearon a compravenda da sociedade Autobuses Urbanos de Lugo para que as concesións a esta empresa non fosen impugnadas. Aínda que nas escrituras públicas establecíase que Díaz Ferrán traspasaba a López o 49% das accións, o contrato privado aclaraba que en realidade estaba a venderlle a súa metade na UTE. O 1% que simulaba manter o presidente da patronal era para evitar que o Concello de Santiago revisase a concesión do transporte urbano, tal e como estaba obrigado a facer se a unión temporal de empresas que optou á concesión se desfacía. Noutra das causas xudiciais onde aparece o nome de López, a operación Pulpo, indágase sobre os agasallos que López enviou a funcionarios e políticos de diferentes institucións.

As súas fotos con políticos reducíronse

Todos eses enredos nos tribunais poñen a proba a súa hexemonía no transporte de viaxeiros por estrada en España e ameazan, ademais, a tupida rede de relacións do empresario dos 2.000 autobuses. Os políticos hoxe temen falar con López por teléfono e acabar sinalados nun dos sumarios que o investigan. O álbum de fotos coas súas amizades influentes tamén se resentiu desde que foi detido a mediados de marzo.

O sector coincide en que Monbus é o principal damnificado da sentenza do Supremo que anula a prórroga de concesións outorgada pola Xunta en 2010

As malas novas dos xulgados xa empezaron a chegar á sede de Monbus. O Tribunal Supremo botou abaixo o pasado marzo a polémica prórroga que a Xunta de Feijóo outorgou en 2010 ás rutas do transporte por estrada. Unha ducia de empresas sofre as consecuencias da sentenza ditada pola Sala do contencioso administrativo que anulou 129 liñas. O sector coincide en que é Monbus o principal damnificado. Segundo os seus competidores, a súa capacidade de influencia está en horas baixas desde que o seu nome figura nas páxinas de tribunais.

Mentres el repite á súa contorna que todo quedará en nada, algún dos seus subordinados empezou a tirar da manta. E os seus avogados ameazan con demandas aos xornalistas se furgan nos seus negocios. O magnate dos autobuses vive horas baixas pero confía en saír adiante, como leva facendo desde hai 40 anos. Afeito a facer cartos subindo xente aos seus autobuses, hai veces en que Raúl López non dubida en baixala. Como aquel día da primavera de 2009 en que obrigou ao adestrador do Breogán a volverse en coche alugado desde Cádiz a Lugo tras quedar eliminado nunha fase de ascenso.

Raúl López (segundo pola esquerda), nun partido do Obradoiro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.