Monbus e Alsa acusan o TSXG de "usurpar" unha competencia da Xunta ao condenar o seu pacto para repartirse liñas de bus

Fragmentos dos recursos de Monbús e Alsa, sobre unha imaxe dun autobús da compañía que preside Raúl López CC-BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe orixinal: © Monbus

As empresas recorren ao Supremo e censuran que o tribunal galego xulgase o fondo da cuestión e non se limitase a pedir unha nova investigación da Xunta, que alega ela xa considerara “razoable” que as dúas empresas concursasen da man

O pasado marzo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estableceu que Monbus e Alsa se repartiron ilegalmente o concurso da Xunta para renovar as liñas de autobús de Galicia. Foi nunha sentenza que condenou a Comisión Galega da Competencia, nomeada pola Xunta e co popular Ignacio López-Chaves á súa fronte, a sancionar as dúas empresas e que censurou a inacción dese órgano ante as denuncias recibidas polo reparto ilegal do mercado. 

Xunta, Monbus e Alsa recorreron esa sentenza ante o Tribunal Supremo, e agora Praza.gal vén de ter acceso ao contido deses recursos xa en tramitación, nos que as empresas non se limitan a considerar que o tribunal galego puido trabucarse ou a pedir ao Supremo que faga unha interpretación distinta da lei. Os recursos empregan expresións máis duras e acusan o TSXG de "extralimitarse", "usurpar" ou "invadir" unha competencia da Xunta. Pola súa banda, a administración galega alega no seu recurso que ela mesma xa analizara o caso como lle di o TSXG que tiña que facelo e que considerara "razoable" que as dúas empresas fosen da man no concurso público.

Toma de posesión de López-Chaves como presidente da Comisión Galega da Competencia en 2019 en presenza de Rueda e o vicepresidente económico Francisco Conde CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os recursos de Monbus e Alsa ante o Supremo, aínda que presentados por separado por procuradores distintos, son idénticos e están asinados polos mesmos catro avogados. Neles critican que o tribunal galego analizase o fondo da cuestión e valorase e considerase por si mesmo como un acordo contrario á libre competencia o feito de que as dúas empresas concorresen xuntas a varios lotes do concurso público pero evitasen competir por separado no resto de lotes. Para os recorrentes o TSXG "extralimítase ao cualificar as condutas como un acordo para o reparto do mercado".

Monbus e Alsa tamén critican que a decisión do TSXG de ordenar a Competencia da Xunta que sancione as dúas empresas "supón unha invasión das competencias legalmente atribuídas" a ese departamento da administración galega. Para as empresas ese órgano da Xunta é o "único ente que ten a potestade de decidir sobre a apertura dun procedemento sancionador", e non un tribunal de xustiza. 

Sentenza do TSXG que constata o acordo entre Monbus e Alsa para repartirse o mercado en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Para Monbus e Alsa a sentenza do TSXG que ordena á Xunta sancionalas por repartirse o mercado supón a "usurpación por un tribunal dunha competencia propia da Administración"

"Entendemos que a doutrina sentada pola sentenza recorrida é gravemente danosa para os intereses xerais porque, máis alá de que supoña unha infracción xurídica, esa infracción traduciuse na usurpación por un tribunal dunha competencia propia da Administración", din os recursos. E engaden que cando falan de "usurpación" -"enténdase sempre en sentido técnico e estrito ánimo de defensa"- esta non só se refire ao feito de que o TSXG ordene a sanción senón que ten máis "amplitude" e afecta tamén "á maneira de facelo, determinando xa os feitos que deben considerarse probados".

Os recursos non negan en ningún momento que non houbese un pacto entre Monbus e Alsa senón que se limitan a criticar que o TSXG o considerase probado en lugar de pedirlle a Competencia da Xunta que o fixese ela. Malia que foi precisamente esa inacción da Xunta a acabou co caso ante a xustiza. 

O recurso da Xunta nega lexitimidade á empresa que levou o caso aos tribunais e di que a mesa de contratación da Consellería de Mobilidade considerou "razoable" que Monbus e Alsa concorresen xuntas

Pola súa banda, o recurso da Xunta alega en primeiro lugar que a empresa de consultoría de transporte que levou o caso á xustiza non estaba lexitimada para facelo. Sobre o fondo da cuestión, a letrada da Xunta que defende a Comisión Galega da Competencia di que as unións de empresas como a que fixeron Monbus e Alsa para concorrer ao concurso público non son ilexítimas nin atentan contra a competencia por si mesmas senón que hai que analizar a "razoabilidade" das mesmas. 

Sedes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo CC-BY-SA CGPJ

Sobre ese procedemento, o denominado "test de razoabilidade" que debe facer a administración para determinar se un acordo entre empresas supón atacar o libre mercado, a Xunta di que xa foi realizado por ela mesma con resultado positivo. "É sorprendente como a Sala [do TSXG] omitiu que a administración xa valorara a razoabilidade [da unión entre Monbus e Alsa]", di o recurso, que indica que esa análise foi realizada tanto pola mesa de contratación da Consellería de Mobilidade que resolveu o concurso público como polo tribunal administrativo de contratación que recibiu alegacións ao respecto doutras empresas afectadas. O recurso nada di do feito ao respecto por Competencia, o ente condenado polo TSXG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.