Nos dous anos anteriores a campaña de supervisión desenvolveuse en datas distintas da primavera ou o verán, reflectindo un empeoramento do transporte público interurbano
Desde que a finais de 2020 a Xunta renovou o sistema de transporte público por estrada en Galicia a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén realizando, a través dunha consultora externa, avaliacións da calidade dos servizos. Ademais de enquisas aos usuarios fai inspeccións secretas a través da técnica do "cliente misterioso", que consiste en que persoal cualificado se fai pasar de forma anónima por usuarios dos autobuses para valorar diversos aspectos do seu funcionamento.
En anos anteriores esas inspeccións secretas realizáronse en datas distintas da primavera ou o verán que se coñeceron posteriormente coa publicación da memoria de resultados, que revelaron un empeoramento do transporte público. Pero agora a Xunta vén de divulgar un comunicado no que revela que a campaña de supervisión da calidade, incluídas as inspeccións secretas co "cliente misterioso", realizaranse ao longo das sete próximas semanas.
As inspeccións secretas realizadas en 2021, segundo a memoria anual do transporte público galego feita pública en xuño de 2022, tiveron lugar en días laborables entre o 18 de maio e o 7 de xullo, cunha proba piloto o 11 de maio en liñas de Ferrol e A Coruña. Foron 2.129 inspeccións.
En 2022, segundo a memoria anual avanzada por Praza.gal hai un mes, realizáronse 1.795 inspeccións igualmente en días laborables entre o 25 de abril e o 17 de xuño, cunha proba piloto o 20 de abril na liña A Guarda-Baiona-Vigo.
Pero desta volta a Xunta vén de facer público con antelación cando e como será a campaña de avaliación da calidade deste ano, incluídas as inspeccións secretas co "cliente misterioso". Nunha nota de prensa colgada con data deste sábado na súa web oficial e remitida o domingo aos medios de comunicación a consellería revelou que este luns 18 comezou, coa proba piloto, a campaña de avaliación da calidade deste ano, que se estenderá durante sete semanas. A nota mesmo informa de que será dentro deste período cando se realicen as "observacións anónimas seguindo o modelo de cliente misterioso", e incluso revela o número de inspeccións dese tipo a realizar, 1.793.
Un día antes de revelar as datas das inspeccións a propia Xunta admitía que nas últimas xornadas está habendo "situacións de saturación" no transporte público pola falta de previsión das concesionarias
A decisión da Xunta de revelar as datas das súas inspección secretas chega despois de varios días de queixas de usuarios do transporte público en varios puntos de Galicia por demoras ou buses cheos, problemas agravados co inicio do curso escolar. A propia consellería emitira outra nota de prensa previa na que admitía que "coincidindo co comezo do período lectivo, detectouse un incremento importante de usuarios" que "xerou algunhas situacións de saturación". Ante isto, a consellería asegura que requiriu ás empresas "maior previsión para evitar que se repitan, coa disposición de reforzos, dotando máis vehículos para prestar axeitadamente o servizo e tamén vehículos con maior número de prazas".
Xa nesa nota de prensa a Xunta aseguraba que intensificaría a súa vixilancia sobre as concesionarias, e un día despois facía públicas as datas aproximadas das inspeccións secretas anuais.
As inspeccións do pasado ano sinalaron como aspectos a mellorar "a puntualidade e os relacionados co estado das paradas e a información dispoñible para as persoas usuarias en paradas e no interior dos vehículos"
Unhas inspeccións secretas que o pasado ano, comparadas coas do ano ano anterior, permitiron comprobar un empeoramento xeral do transporte público. Se na primeira memoria anual do sistema de transporte a valoración xeral do servizo era do 84,1%, na segunda memoria anual avanzada por este diario hai un mes esa valoración global caeu ao 83,4%. E dos dez aspectos analizados polo "cliente misterioso", sete empeoran, especialmente a puntualidade do servizo, que pasa do 70,33% ao 61%. Isto é, catro de cada dez viaxes inspeccionadas en secreto non foron puntuais, e no global da valoración preto do 17% dos servizos analizados incumpriron algún aspecto da concesión.
"Existen algúns aspectos cunha valoración inferior que requiren actuacións específicas, como son a puntualidade e os relacionados co estado das paradas e a información dispoñible para as persoas usuarias en paradas e no interior dos vehículos", chegou a plasmar por escrito a Xunta nesa última memoria anual.
[Máis información: Inspeccións secretas detectan que os buses da Xunta empeoran: 4 de cada 10 viaxes non son puntuais]