Desde o inicio das bonificacións estatais e autonómicas en setembro e ata xaneiro rexistrouse un aumento de viaxes de ata o 47% en Lugo e o 41% en Ourense, aínda que A Coruña e Pontevedra teñen un maior volume total de viaxeiros
A Xunta fixo público este xoves un balance sobre o impacto no uso do transporte público da súa competencia, fundamentalmente os autobuses interurbanos, da implantación o pasado setembro da bonificación do 30% dos billetes por conta do Estado e doutro 20% por ela mesma no marco das medidas pola crise de prezos.
O desconto veu sumarse a outros que o Goberno galego xa tiña activos para viaxes recorrentes ou determinados colectivos. A eles engadiuse tamén a decisión de Monbus, concesionaria das principais liñas da Xunta, de rebaixar pola súa conta outro 45% o prezo dos billetes nos traxectos nos que compite co tren, que foi feito gratuíto polo Estado.
Segundo as cifras divulgadas polo Goberno galego, neses cinco primeiros meses de bonificación do transporte público nos buses interurbanos (que inclúen o transporte urbano de Pontevedra e Ferrol), no transporte da ría de Vigo e no Feve na área de Ferrol rexistráronse uns 10 millóns de viaxes, un 31% máis que no mesmo período do ano anterior, e delas 7,5 millóns contaron con bonificación.
O incremento máis significativo rexistrouse na provincia de Lugo, cun 47% máis de viaxes, seguida da de Ourense cun 41% máis, A Coruña cun 31% de aumento e Pontevedra cun 27%. En cifras totais, A Coruña, tamén a que ten máis poboación, rexistrou 4,8 millóns de viaxes bonificadas, seguida de Pontevedra con preto de 2 millóns, Ourense con 300.000 e Lugo con 261.000.
Se en agosto, o mes anterior á implantación das rebaixas, o 55% das viaxes se pagaban con tarxetas de abono, que xa contaban con algúns descontos, en decembro foron o 77%
A Xunta tamén constatou un aumento no uso das tarxetas de abono para o pagamento das viaxes, ao seren estas o sistema a través do que se aplican as bonificacións, que non afectan ás viaxes simples. Segundo o Goberno galego, se en agosto do pasado ano, o mes previo á implantación das bonificacións, o 55% das viaxes se pagaban con tarxetas, a finais de decembro xa eran o 77%.
Os descontos estatal e autonómico seguen vixentes de momento ata o vindeiro mes de xuño.