O funcionamento será similar ao dos abonos para o tren, cun uso mínimo de 12 veces ao trimestre, depósito de fianza e retirada do abono en caso de uso indebido
O Ministerio de Transportes vén de crear un abono ou título multiviaxe gratuíto para viaxeiros habituais das liñas de bus de titularidade estatal, as de longa distancia. O seu funcionamento será similar aos abonos xa en funcionamento para os trens e engádese aos descontos xa existentes en todo tipo de autobuses grazas ás achegas dos orzamentos públicos do Estado, as comunidades autónomas e os concellos, así como dalgunha empresa privada.
Os novos abonos serán válidos durante todo 2023, pero emitiranse divididos en tres períodos: do 1 de febreiro ao 30 de abril, do 1 de maio ao 31 de agosto e do 1 de setembro ao 31 de decembro. As persoas usuarias poderán adquirilos antes da data de inicio da súa validez a través das propias empresas concesionarias das liñas de autobús, depositando unha fianza variable en función do prezo do traxecto ao que se destine o abono, de xeito que os abonos para traxectos de ata 5 euros terán unha fianza de 20 euros e nos abonos para viaxes de máis de 25 euros a fianza será de 65 euros.
Esa fianza devolverase sempre que se realicen 12 viaxes ou máis no primeiro trimestre de aplicación ou 16 viaxes ou máis en cada un dos dous cuatrimestres restantes entre maio e decembro.
Unha vez obtido o abono, para a realización de cada viaxe o pasaxeiro deberá obter igualmente un billete asociado. E o ministerio, ao igual que cos abonos do tren, retirará os títulos multiviaxe e incautará as fianzas se detecta por tres veces usos inadecuados, como non cancelar unha viaxe formalizada e non realizada cunha antelación mínima de 24 horas ou o uso dun billete por unha persoa distinta á titular do abono.