A conselleira de Infraestruturas impulsa a reserva anticipada de billetes nos seus autobuses ante "as deficiencias do ferrocarril" unha década despois de renunciar a xestionalo
Tras varias semanas de colapso no transporte público interurbano en determinadas liñas e localidades galegas, tanto en autobús como en tren, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez reuniu este martes ás principais asociacións de empresas de autobuses. No encontro lanzou a mensaxe de que a incapacidade da oferta de transporte público de dar atendido o aumento da demanda que se está a rexistrar débese "de forma moi destacada, ás deficiencias dos servizos ferroviarios", responsabilidade do Estado.
A reclamación da Xunta sobre os servizos ferroviarios chega máis dunha década despois de que o Goberno galego renunciase a impulsar un prometido ente ferroviario galego que xestionase directamente eses servizos. Pola contra, a principal actuación da Xunta na situación actual será impulsar "a reserva de billetes e a mellora da información aos usuarios".
A Xunta vén recoñecendo desde hai dúas semanas que se están a producir "situacións de saturación" no transporte público galego desde a fin das vacacións tanto laborais como escolares. Porén, non foi ata este 26 de setembro que a conselleira convocou ás principais patronais de autobuses.
A conselleira salientou que "nas dúas últimas semanas, con motivo do reinicio da actividade lectiva, se está a consolidar esta tendencia á alza [da demanda de transporte público], rexistrándose tensións, especialmente, nos venres de regreso dos estudantes desde as estacións intermodais". Un aumento que cifrou nun 18% máis que a media dos venres do curso pasado.
Segundo a conselleira, está a producirse "unha gran transferencia de usuarios do ferrocarril ao autobús, moitas veces con escasa anticipación"
Segundo a súa explicación, os problemas son debidos "de forma moi destacada" á insuficiencia de servizos ferroviarios, eido no que citou "a ausencia de conexións ferroviarias, que directamente non existen ou que son coma se non existisen, como o caso de Santiago-Lugo ou Ferrol-A Coruña, vías cortadas como a de Lugo-ourense, material rodante obsoleto e unha flagrante insuficiencia de prazas nos trens". Unha serie de problemas que denotarían unha falta de planificación ferroviaria en Galicia non puntual senón desde hai anos e mesmo décadas, con implicación de gobernos centrais de todas as cores, cuestión á que non se referiu a conselleira.
Esa falta de trens, di a conselleira, "supón unha gran transferencia de usuarios do ferrocarril ao autobús, moitas veces con escasa anticipación, porque os viaxeiros do tren que quedan en terra buscan alternativas de viaxe no momento desde as propias estacións intermodais".
Vázquez contrapuxo a situación no eido ferroviario coa dos autobuses, da súa propia competencia, onde asegurou que a Xunta está a "anticiparse a eses picos de demanda", malia que as modificacións dos servizos ditadas no último mes polo Goberno galego fosen moi puntuais. E o que propón agora a conselleira é mellorar "as canles de información e atención ao usuario" e unha "extensión dos medios de reserva telemática dos billetes coas vantaxes das tarxetas" bonificadas pola Xunta para a mocidade e para os usuarios en xeral do transporte público galego.