Inspeccións cada vez menos 'secretas' nos buses: a Xunta revela datas e mesmo liñas

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, quen agora ten as competencias sobre o transporte público CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego fai público que as inspeccións de incógnito do transporte regular faranse nas seis próximas semanas, especialmente a Monbus en Ribeira e a Arriva entre A Coruña e Lugo, que agora están sobre aviso

Un ano máis, as concesionarias de liñas de bus en Galicia xa saben que días do ano poden recibir unha inspección secreta da Xunta para avaliar os seus incumprimentos e a calidade do servizo. Será desde o pasado luns e durante seis semanas. Pero este ano ademais o Goberno galego pon aínda máis sobre aviso ás empresas xa que vén de revelar que esas inspeccións comezan pola liña A Coruña-Lugo, en mans de Arriva, e que tamén vai ser especialmente analizado o transporte regular que tamén emprega o alumnado dos institutos de Ribeira, en mans de Monbus.

Autobuses de Arriva na Coruña © Arriva

Desde que a finais de 2020 a Xunta renovou o sistema de transporte público por estrada en Galicia véñense realizando, a través dunha consultora externa, avaliacións da calidade dos servizos. Ademais de enquisas aos usuarios fanse inspeccións supostamente secretas a través da técnica do "cliente misterioso", que consiste en que persoal cualificado se fai pasar de forma anónima por usuarios dos autobuses para valorar diversos aspectos do seu funcionamento.

Nos primeiros anos esas inspeccións secretas realizáronse en distintas datas da primavera ou o verán que só se coñeceron posteriormente, coa publicación das memorias de resultados, que revelaron un empeoramento do transporte público. Pero nos últimos anos a Xunta está facendo públicas as datas desas inspeccións con comunicados difundidos aos medios e colgados na súa web. Iso é o que volveu facer o pasado domingo cun comunicado que permite saber ás empresas que as inspeccións coa técnica do "cliente misterioso" serán este ano 1.974 en toda Galicia, que comezan xa e que se estenderán "unhas seis semanas". Empezando ao día seguinte do comunicado público, o pasado luns, "nas liñas que cobren a ruta A Coruña-Lugo, da concesión A Coruña-Lugo-A Mariña" en mans de Arriva, con "20 observacións tipo cliente misterioso".

Ademais, a Xunta tamén revela que "entre as actuacións específicas da campaña deste ano, realizarase unha análise en particular dos servizos que utiliza o alumnado dos institutos IES Leliadoura e IES Nº1 do Concello de Ribeira", que forman parte dunha concesión en mans de Monbus. Mesmo sinala que alí "realizaranse 50 observacións tipo cliente misterioso nas liñas de transporte integrado e non integrado que empregan escolares destes dous centros".

A puntualidade, a información do vehículo ou as paradas son os aspectos peor valorados en anos anteriores polos inspectores que se fan pasar por persoas usuarias do servizo

As inspeccións secretas realizadas en 2021, segundo só se soubo despois a través da memoria anual do transporte público galego feita pública en xuño de 2022, tiveron lugar en días laborables entre o 18 de maio e o 7 de xullo, cunha proba piloto o 11 de maio en liñas de Ferrol e A Coruña. Foron 2.129 inspeccións.

En 2022, novamente segundo só se soubo despois a través da memoria anual, realizáronse 1.795 inspeccións igualmente en días laborables entre o 25 de abril e o 17 de xuño, cunha proba piloto o 20 de abril na liña A Guarda-Baiona-Vigo. 

En 2023 as inspeccións, 1.793, mudaron de data e pasaron a facerse en outono, do 19 de setembro ao 23 de novembro. Un cambio que non colleu por sorpresa ás concesionarias xa que a Xunta comunicou cunha nota pública cando comezaría a campaña, como fai agora con aínda máis datos ao volver a campaña a realizarse na primavera.

Porén, o feito de que as empresas sexan coñecedoras da época do ano en que poden ser avaliados os seus servizos e calidade non está mellorando a valoración que reciben. Xa van catro memorias anuais de seguimento e os resultados das inspeccións coa técnica do "cliente misterioso" amosan un estancamento da valoración xeral do servizo en arredor do 83%. A puntualidade, a información do vehículo ou as paradas son os aspectos peor puntuados polos inspectores secretos, con arredor do 60% de valoración. Pola contra, a validación do billete e o aspecto e atención do condutor reciben as mellores puntuacións, por riba do 95% de valoración. 

Autocares de Monbus © Monbus

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.