Os grupos de transporte volven fracasar nun novo intento de parar o procedemento sancionador ditado pola xustiza alegando "prexuízos na reputación" e gastos elevados de defensa, que non puideron probar
Hai un ano, en outubro de 2023, o Tribunal Supremo fixo firme unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que estableceu que Monbus e Alsa repartíranse o mercado ilegalmente no concurso co que a Xunta renovou en 2020 as principais liñas de bus de Galicia. Obrigada por esa sentenza, a Comisión Galega da Competencia, que previamente nin sequera investigara o caso, abriu un expediente sancionador contra os dous grupos empresariais, procedemento agora ampliado das dúas empresas matrices a outras 13 empresas do grupo Monbus e 6 empresas do grupo Alsa.
O acordo de ampliación da incoación do expediente sancionador foi aprobado en maio e tras presentar recurso as empresas afectadas agora Competencia vén de desestimalos, en dúas resolucións feitas públicas este luns, rexeitando entre outros argumentos os de que o expediente sancionador supón ás empresas "prexuízos na reputación" e gastos de defensa elevados.
A ampliación do expediente sancionador por atentar contra o libre mercado, aberto por Competencia por orde da xustiza, abarca agora ademais de ás empresas matrices dos grupos ás seguintes firmas no caso de Monbus: Empresa Monforte, Augas de Incio, Gómez de Castro, Transportes La Unión, Autobuses de Pontevedra, Galega de Autocares Gala, Castromil, Eleuterio López y Cía, Rías Altas, Autos Arcade, Auto Industrial, La Hispano Igualadina, Vigo Barcelona e Empresa Luber. No caso de Alsa as firmas afectadas son Autocares Castilla y León, Cal Pita, Compostelana, Interurbana de Autocares, Nex Continental Holdings e Transportes Adaptados Regionales.
Competencia estendeu o expediente a estas 19 firmas por seren "as concretas empresas que conforman as unións temporais coas que ambos grupos licitaron conxuntamente" aos cinco lotes do concurso de buses da Xunta no que a xustiza considerou que Monbus e Alsa pactaran "para obter unha posición dominante, senón excluínte, do transporte público galego".
Competencia estendeu o procedemento sancionador ás "concretas empresas que conforman as unións temporais coas que ambos grupos licitaron conxuntamente" atentando así contra o libre mercado
As empresas recorreron esa ampliación do expediente sancionador alegando, entre outras cuestións, que lles supuña "prexuízos na reputación" e gastos de defensa elevados. Argumentos que Monbus e Alsa xa empregaran previamente para rexeitar a apertura do expediente contra as empresas matrices. E como naquel momento, cando a súa decisión foi avalada polo TSXG, Competencia volve desbotar as súas alegacións.
A Comisión Galega da Competencia, nas resolucións agora feitas públicas, di que incluír as 19 empresas no expediente sancionador é un simple trámite para que esas firmas "vexan garantido o seu dereito de defensa, podendo formular alegacións e propoñer a práctica das probas que estimen pertinentes". E nega que esa medida lles cause "indefensión", "pois en ningún caso prexulga o resultado final deste procedemento, nin é susceptible de vulnerar o dereito de defensa".
Sobre o argumento de que formar parte do expediente sancionador lles vai supoñer un "prexuízo na reputación", Competencia salienta que as empresas matrices xa formaban parte do procedemento desde outubro do pasado ano, hai case un ano, "e a pesar dese tempo transcorrido non foron capaces de achegar" nin Monbus nin Alsa "elemento ou proba algunha que poida acreditar que dita incoación ou sentenza lles causou un prexuízo na súa reputación, a pesar de cualificar o devandito prexuízo como 'evidente'".
Similar argumento emprega Competencia para desbotar a alegación de que o expediente sancionador supón para as empresas un gasto de recursos económicos e humanos na súa defensa. Segundo salienta, ningunha foi quen de "cuantificar, nin menos de xustificar, esa 'gran cantidade' de recursos económicos que terán que investir na súa defensa". Competencia mesmo sinala que as empresas "tampouco explican as razóns que tiveron os responsables desas empresas para acordar investir 'grandes cantidades de recursos económicos' na súa defensa e non unha cantidade inferior na mesma, razóns que, de acordo co deber de dilixencia que corresponde aos administradores dunha empresa, debería de estar xustificados".
Para Competencia "os pretendidos prexuízos" esgrimidos polas 19 empresas dos grupos Monbus e Alsa "non son tales nin poden merecer a cualificación de irreparables
Tampouco explican as razóns que tiveron os responsables desas empresas para acordar investir “grandes cantidades de recursos económicos” na súa defensa e non unha cantidade inferior na mesma, razóns que, de acordo co deber de dilixencia que corresponde aos administradores dunha empresa, deberían de estar xustificados
Por iso, conclúe Competencia, "os pretendidos prexuízos" esgrimidos polas 19 empresas dos grupos Monbus e Alsa "non son tales nin poden merecer a cualificación de irreparables, pois trátase das consecuencias derivadas da incoación de calquera expediente sancionador en toda clase de procedementos".