Vulcano retomará o seu único buque a próxima semana mentres se afunde nos problemas financeiros

A situación financeira de Vulcano desanima aos armadores interesados en construír na factoría viguesa © Vulcano

O estaleiro Vulcano debe retomar os traballos do ferri “Villa de Teror” este luns para entregalo a Trasmediterránea o 29 de maio e garantir así as nóminas para os traballadores e industria auxiliar.

A débedas están a afogar o histórico estaleiro vigués, que sen un apoio financeiro que o sustente, só pode aspirar polo de agora a rematar o único buque que ten nas súas instalacións para facer os pagos das nóminas aos traballadores (levan cinco meses sen cobrar) e á industria auxiliar, cunha quita do 25%. Segundo informan fontes sindicais, o acordo acadado entre as partes (Xunta, Banco Santander, Pymar, Trasmediterránea, auxiliares e esteleiro) implicaba a reactivación da actividade no buque este luns 25 de marzo. Nese momento pagaría o 30% do adebedado e no remate o 45%. Con este acordo o estaleiro garantiría a súa actividade ata finais de maio e logo, nada.

Chama a atención que nun momento no que tanto a patronal como os sindicatos coinciden en que existe un repunte no sector naval, unha factoría de grande capacidade como Vulcano non teña ningún contrato firmado. A explicación non é outra que a súa situación financeira, que desanima os armadores interesados en construír na factoría de Guixar. 

Chama a atención que nun momento no que tanto a patronal como os sindicatos coinciden en que existe un repunte no sector naval, unha factoría de gran capacidade como Vulcano non teña ningún contrato firmado. A explicación non é outra que a súa situación financeira, que desanima os armadores interesados en construír na factoría de Guixar

Desde a CIG explican que hai un ano que solicitaran -sen éxito- á Xunta que entrase no accionariado de Vulcano, aínda que fose cunha porcentaxe pequena, pero sería unha garantía para os armadores, como se fixo no caso de Barreras. Daquela, o Goberno galego negociou con Pemex a súa entrada como accionista maioritario, no que na práctica supuxo salvar ao estaleiro, que se atopaba en concurso de acreedores, igual que o está Vulcano. 

A empresa da familia Santodomingo “ten que cumplir cun convenio, cunhas cantidades a pagar e calquera acredor pode solicitar a liquidación do asteleiro se non se lle paga, é un risco para calquera armador”, indica César Rodríguez, responsable do naval na CIG para a comarca de Vigo.

Presión socialista no Parlamento para garantir os pagos 

Co obxectivo de acadar a implicación do Goberno galego na situación do estaleiro vigués, o portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, presentou unha inicativa no Parlamento, na que lle pide á Xunta que reúna ás partes implicadas na situación de Vulcano e acade que lle pague as contías que adebeda aos traballadores e ás auxiliares. A proposición non de lei foi aprobada hoxe na Comisión de Industria do Parlamento.

Losada apunta a “situación crítica” do estaleiro, mentres o persoal acumula cinco nóminas impagadas e sen garantías de financiamento para rematar co ferri actualmente en construción “e poder cobrar, polo tanto o que se lles debe a traballadores, provedores e auxiliares externos”.

O responsable socialista sinalou que “á marxe da estratexia empresarial privada”, o Goberno galego estivo ausente á hora de prestar apoio financeiro, dunha estratexia de innovación industrial, de formación de capital humano ou da busca de apoio á comercialización de produto. Subliñou que “se a houbo, a verdade é que no caso de Vulcano ou ben fracasou ou ben esta foi discriminatoria a favor de Barreras”.

Reclamou a implicación do goberno galego co futuro do estaleiro vigués, que neste momento “é cero”, e advertiu que o seu peche “sería dramático para a cidade de Vigo”, logo de anos nos que o estaleiro foi incapaz de sumarse ao “carro do crecemento” e de “insertarse de novo no mercado internacional da construción naval”. 

Losada criticou que Feijóo se arrogue o crecemento do naval pero mire para Madrid cando se trata de afrontar a situación de Alcoa, Ferroatlántica, Isovat ou Poligal.

En concreto, en virtude da iniciativa aprobada hoxe por unanimidade, o Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a  "Manifestar o seu total compromiso coa finalización da construción do ferri que actualmente está nas gradas do estaleiro; tomar a iniciativa para reunir a todas as partes implicadas no proxecto para tentar chegar a un acordo global que permita aos traballadores cobrar os salarios que se lles deben e o pago aos provedores e empresas auxiliares; implicarse na supervisión da xestión da construción, tal e como se comprometeu dende o inicio da mesma, e activar un plan conxunto cos demais axentes económicos que consolide a continuidade do tecido industrial cos seus postos de traballo, unha vez finalizada a construción naval”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.