As pescudas sobre a compra de Barreras por parte de Pemex continúan en México, que ultima as investigacións en varios organismos gobernamentais e xudiciais sobre unha operación que acabou, hai uns meses, coa saída da petroleira azteca do estaleiro vigués sete anos despois da súa compra e tras caer na quebra. A extradición de Emilio Lozoya --ex-director xeral da empresa detido en España e impulsor da man da Xunta dos principais negocios en Galicia-- e a súa colaboración coa Xustiza estreitan o cerco.
Pemex, o Tribunal de Contas mexicano, a Fiscalía e a Unidad de Intelixencia Financeira investigan os negocios da petroleira en Galicia e a compra de Barreras
O anuncio de Pemex de que intentaría vender --como así foi-- a súa participación en Barreras ao final do mandato do ex-presidente Peña Nieto alertou os novos responsables da petroleira coa chegada de López Obrador á presidencia de México. A empresa estatal ordenou unha investigación interna que acabou cunha denuncia ante a Fiscalía. Entre os sinalados, o xa detido Lozoya, pero tamén Carlos Roa ou José Manuel Carrera Panizzo, os outros directivos que negociaron os acordos coa Xunta, que incluíron a promesa de vinte barcos, plataformas loxísticas e futuras colaboracións que quedaron en dous floteis e unha espiral de investigacións por corrupción.
A operación en Barreras, advertiu o actual Goberno de México, supuxo unha perda duns 50 millóns de dólares para a petroleira. A Fiscalía mexicana ultima agora a investigación daqueles acordos en Galicia para dirimir se deberon ser levados a cabo por Pemex ou se houbo algún aspecto irregular neles. Non só ela, que apaña datos doutras pescudas levadas a cabo pola propia Pemex, a Secretaría de la Función Pública (SFP) ou a UIF (Unidad de Inteligencia Financiera), que en breve presentará os resultados de meses de traballo co foco sobre os negocios da empresa estatal en Galicia.
A Fiscalía e a Unidad de Intelixencia Financeira de México ultiman o resultado das súas investigacións sobre as operacións entre Xunta e Pemex
A Auditoría Superior de la Federación (ASF), o equivalente ao Tribunal de Contas en España, foi tamén moi dura. Hai meses, cuestionou nun dos seus informes o negocio por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía e que supuña perdas, ademais de pola súa opacidade e escurantismo, sobre todo no caso da construción dos floteis, salpicada de inexactitudes, contratos nunca revelados e adxudicacións postas en dúbida. No súa última auditoría, que abrangue o ano 2018, insiste nas irregularidades e o auditor, David Colmenares, cualficou como "graves" os indicios de abusos e corrupción en Pemex durante a época na que Emilio Lozoya foi o seu máximo responsable.
Os novos dirixentes e Pemex xa advertiran de que a petroleira mercou pero non asumiu ningunha responsabilidade nas decisións de Barreras ata que, anos despois, entrou en quebra. E mesmo sinalaron que os floteis construídos en Galicia "nunca foron utilizados na súa máxima capacidade" e que non puideron ser vendidos ao ser construídos cun prezo moito máis alto do que marcaba o mercado. No fondo, a sospeita lanzada, máis ou menos velada, de que a compra do estaleiro nunca tivo a intención anunciada. E os datos, cada vez máis evidentes, de que aquel Goberno azteca xamais tivo interese en controlar o que ocorría en Galicia ou se cumpría con todas as promesas que a Xunta lle atribuía.
A ASF de México, equivalente ao Tribunal de Contas, volve sinalar nunha auditoría a falta de control en Barreras tras a súa compra por parte de Pemex
Desta vez, o informe forma parte da última auditoría que a ASF enviou ao Congreso mexicano sobre a Fiscalización Superior da Conta Pública, do ano 2018. Nela, unha parte céntrase no Control Interno e Gobernanza en PMI e as súas empresas filiais, a compañía que forma parte da maraña empresarial de Pemex e que se fixera co 51% de Barreras en 2013, tal e como adiantara Praza.gal.
O informe revisa os controis por parte de Pemex das operacións nas que as empresas filiais, entre as que se atopa Barreras, "participaron e que constituíron riscos na consecución dos obxectivos e as metas institucionais" da empresa. En referencia á análise de varias das filiais, a ASF advirte de "posibles faltas administrativas graves" dos órganos de goberno da petroleira e pide que se leven a cabo "as investigacións correspondentes" para, de ser o caso, depurar "responsabilidades" e "impoñer as sancións respectivas", tamén "aos particulares vinculados".
No caso particular de Barreras, a ASF advirte de que "non realizou actividades que xeren valor económico a Pemex nin tampouco rendabilidade petroleira do Estado Mexicano" e que PMI "unicamente se dedicou a ser o seu accionista". Sen control ningún, como advertiran os novos xestores de Pemex.
"Barreras non realizou actividades que xeren valor económico a Pemex nin que se vinculasen coa súa cadea de valor", di a ASF
A auditoría repara en que as actividades de Barreras en 2018 "non se vincularon coa cadea de valor de Pemex" ao "enfocarse ao desenvolvemento de catro proxectos" que non tiñan nada que ver co labor habitual da petroleira: a construción dun cruceiro de luxo, dun ferri e dous buques de pasaxeiros. E engade, ademais, que o estaleiro non comunicou á petroleira, "no seu carácter de accionista maioritario indirecto, o mapeo dos seus procesos substantivos e a xestión dos riscos".
A auditoría da ASF tamén sinala a Barreras por omitir informes requiridos sobre as súas actividades no segundo semestre de 2018 e "non acreditar" as razóns desa omisión. Ademais, lembra que, de 2013 a 2015, o estaleiro "reportou utilidades por 139,674.4 miles de pesos, dos cales non pagou dividentes, e dos anos 2016 a 2018 presentou resultados deficitarios por 152,781.8 miles de pesos, o que provocou a descapitalización da empresa".
No foco, Emilio Lozoya, ex-director de Pemex, prófugo da xustiza durante meses e detido en Málaga o pasado febreiro, que é un dos principais sinalados pola trama de subornos da construtora brasileira Odebrecht. Inhabilitado xa para ocupar cargos públicos durante dez anos no seu país, foi tamén acusado polo Ministerio Fiscal por delitos como branqueo de capitais no marco da aprobación da compra, por parte da petroleira, de plantas de fertilizantes que, segundo as acusacións, foron adquiridas por grandes sumas de diñeiro malia estaren practicamente crebadas. E agora queda por saber o que dan de si as investigacións sobre a compra de Barreras, operación que a Fiscalía mexicana investiga desde hai meses tamén.
Feijóo desligou sempre o detido Lozoya dos negocios de Pemex en Galicia, pero a propia Xunta indicou que o presidente tratara directamente con el
Alberto Núñez Feijóo desligou sempre a Lozoya dos negocios de Pemex en Galicia que, non obstante, segundo indicou o propio Executivo galego en 2013 e 2014, o presidente da Xunta en persoa tratou directamente con el. A prensa mexicana sinalou o presidente da Xunta como clave nos negocios que Lozoya impulsou en España, mentres que o propio fiscal xeral sinalara o ex-director xeral da petroleira como "símbolo" da corrupción da etapa de Peña Nieto á fronte do Executivo azteca.
En varias informacións sinálase como punto de inicio de todo a relación do ex-presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, co ex-presidente mexicano, Enrique Peña Nieto, e aquelas viaxes a México en 2012, a onde tamén acudiu Núñez Feijóo entre críticas da oposición galega pola falta de información. "A operación de inxección de Pemex neste estaleiro [por Barreras] chegou a niveis presidenciais", destacan artigos que insisten na intención de axudar o naval galego en plena crise, mesmo mercando unha empresa para outorgarlle carga de traballo sen necesidade de concurso ningún.